Convocado o certame Cooperativismo no ensino 2020
O Consello Galego de Cooperativas ven de convocar recentemente (Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria do 3 de decembro de 2019, DOG nº 5 do 9 de xaneiro de 2020) o certame Cooperativismo no ensino 2020, cuxo obxecto é difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.
O certame premiará actividades e proxectos en tres modalidades e seis categorías:
- Modalidade 1. Actividades artísticas: Poderá consistir na realización de debuxos, pinturas, maquetas, fotografías ou vídeos. Inclúe catro categorías de participación por niveis dirixidas, respectivamente, a alumnado de 2º ciclo de educación infantil, 1º e 2º de educación primaria, 3º e 4º de educación primaria e 5º e 6º de educación primaria.
- Modalidade 2. Actividades cooperativizadas: Integra unha única categoría dirixida a alumnado de 1º e 2º ciclo de ESO e poderá consistir na organización de viaxes de ampliación de estudos, festivais de fin de curso, campionatos deportivos, xornais, páxinas web, programas audiovisuais e obras de teatro, entre outras.
- Modalidade 3. Proxectos empresariais cooperativos: Nunha única categoría poderán concorrer proxectos empresariais baixo a fórmula cooperativa que deben ser orixinais, coherentes e viables e estar desenvolvidos polo alumnado de ensinanzas de réxime especial e Formación Profesional.
Nas modalidades 1 e 2 premiarase con 2.500 € un traballo por categoría e está previsto tamén un accésit de 1.500 € por categoría.
Na modalidade 3 está prevista unha dotación de 4.500 € para o mellor traballo e un accésit de 3.500 € para o proxecto finalista.
Para participar no concurso pode consultar a web https://sede.xunta.gal/portada ou http://www.eusumo.gal/ ou chamar ao teléfono 881 999 268.
O prazo de participación estará aberto ata o 30 de abril de 2020.
- Máis información
- Cartel do certame
- Orde do 3 de decembro de 2019
- Acceso á solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia
Suspensión do certame Cooperativismo no ensino 20200
A aparición do COVID-19 requiriu adoptar medidas de contención no ámbito educativo e da formación que impediron que moitos centros elaborasen os seus traballos, o que limitou de xeito relevante a concorrencia e impediu acadar a finalidade do programa. Por este motivo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria suspende o certame e dá publicidade da súa decisión na Orde do 26 de maio de 2020 (DOG Nº 112 do 10 de xuño de 2020).