Certame Cooperativismo no Ensino 2019
Publicada a Orde do 20 de decembro de 2018 (DOG do 31 de xaneiro de 2019) pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.
O certame ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.
A presentación de solicitudes farase exclusivamente por vía telemática a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) . O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de abril de 2019.
Modalidades
- Modalidade de actividades artísticas, dirixida ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial
- Modalidade de actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial
- Modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dirixida ao alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial
Modalidade de proxectos empresariais cooperativos
O alumnado dos centros educativos que impartan formación profesional específica e de ensinanzas de réxime especial, nos cales se realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo, poderá presentar a este concurso os proxectos empresariais elaborados por eles, baixo a única modalidade de proxectos empresariais cooperativos.
Os proxectos deberán desenvolver o proceso completo de posta en marcha dun proxecto empresarial, baixo a fórmula cooperativa, orixinal, coherente e viable economicamente.
Os proxectos deberán estar redactados en galego e presentaranse en formato papel e en formato electrónico que permita a súa posterior publicación, acompañados obrigatoriamente dunha ficha resumo segundo o modelo que pode obterse na sección de axudas e subvencións da web http://ceei.xunta.gal/, así como dun currículo do grupo (nomes, apelidos, idades e estudos do alumnado).
Na elaboración de cada proxecto deberán participar, como mínimo, tres alumnos ou alumnas, que deberán estar dirixidos por un profesor ou profesora, ou un director ou directora.