Aulas de Emprendemento 2023

No Plan de Modernización da Formación Profesional do Ministerio de Educación y Formación Profesional proponse unha conversión da Formación Profesional a través de varios pasos, entre eles a incorporación da dixitalización, a innovación e o emprendemento no sistema de Formación Profesional. Con esta finalidade, as actuacións centraranse en varios ámbitos estratéxicos, entre os que se atopan a posta en funcionamento de aulas de emprendemento en centros nos que se impartan ensinanzas de Formación Profesional.

Na nosa comunidade, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades dentro do Plan de difusión e orientación para a adquisición e recoñecemento das competencias profesionais, desenvolve os programas de emprendemento en colaboración co tecido produtivo galego. En particular, o Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, eduemprende, constitúese como o marco de fomento do espírito emprendedor no sistema educativo de Galicia, e establece a estratexia de fomento da cultura emprendedora que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades transmitirá á comunidade educativa para impulsar a creación de riqueza e postos de traballo, fortalecendo o tecido produtivo e unha maior oferta de servizos e produtos para a sociedade e os consumidores. O obxectivo global deste plan é lograr un avance sensible na cultura do emprendemento no noso alumnado e propor instrumentos que permitan coñecer os logros alcanzados.

A actuación de Aulas de emprendemento na Formación Profesional enmárcase na colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e o Ministerio de Educación y Formación Profesional dentro do Plan de Modernización de la Formación Profesional a través da compoñente 20 – Plan Estratégico de Impulso de la Formación Profesional– do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR).

Esta actuación ten asignado o campo de intervención 016 – Desarrollo de capacidades para la especialización inteligente, la transición industrial, la iniciativa empresarial y la adaptabilidad de las empresas al cambio – que conta cun 0% de coeficiente para o cálculo da axuda aos obxectivos climáticos, un 0% de coeficiente para o cálculo da axuda aos obxectivos ambientais e un 40% de coeficiente para o cálculo da axuda á transición dixital, de conformidade co anexo VI do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

Así mesmo, esta actuación está aliñada coa Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030, que aposta polo emprendemento como un dos seus principais eixos, e co Plan Innova FP Galicia, aprobado polo Consello da Xunta o 23 de marzo de 2023, e que pretende impulsar a innovación, a investigación aplicada e o emprendemento na Formación Profesional galega.

Poderán participar nesta convocatoria os centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que durante o curso 2022/23 impartan ciclos de grao medio e superior de Formación Profesional e que non foran seleccionados en convocatorias anteriores.

Os centros que xa participaron neste programa no ano 2022 serán incluídos de oficio na Rede de aulas de emprendemento do ano 2023.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (https://www.edu.xunta.gal/fp/), é dicir, desde o 26 de maio ata o 14 de xuño de 2023, ambos os dous incluídos.

A solicitude debe remitirse asinada polo/a director/a do centro educativo. Os anexos deben enviarse en formato pdf, cubertos dixitalmente, e non como documento escaneado.

Máis información