Skip to Content

Artículos

Convocatoria do proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde do 29 de novembro de 2019 pola que se convoca o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

A convocatoria establece a oferta de unidades de competencia e o número de prazas, os prazos para presentar as solicitudes de inscrición, o calendario do procedemento e as sedes onde se realizan o asesoramento e a avaliación das persoas candidatas.

Trátase dun procedemento para recoñecer, avaliar e acreditar, con carácter oficial, as competencias adquiridas no desenvolvemento do traballo ou por outras vías non formais de aprendizaxe, recoñecendo os saberes adquiridos ao longo da vida co fin de facilitar a mellora no mercado laboral e a progresión persoal e profesional.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o 13 de xaneiro ao 7 de febreiro de 2020, ambos os dous incluídos.

Máis información.

Implantación de graos abertos.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abre o proceso para a implantación de graos universitarios abertos o vindeiro curso 2020-21 nas tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG), ca idea de incrementar a flexibilidade nos estudos universitarios e ampliar as posibilidades de elección do alumnado.

O programa de grao aberto debe combinar materias de como mínimo tres graos que deben pertencer á mesma rama de coñecemento. O número de prazas ofertadas por cada grao aberto será dun máximo de 25.

As universidades deberán garantir que o alumnado matriculado nestes programas poidan cursar un máximo de 90 créditos; ofrecerlles un proceso continuo de titorización e mentorización; e recoñecerlles a maioría dos créditos cursados no grao finalmente elixido.

Para acceder aos graos abertos, o alumnado deberá contar cunha nota de acceso como mínimo, igual á máis alta de todas as titulacións de grao integradas no programa (como referencia empregaranse as notas de corte desas titulacións no presente curso académico 2019-20).

Esta iniciativa pretende atallar a dinámica actual de abandono da universidade ou cambio de grao nos dous primeiros cursos universitarios e garantir que os estudantes dispoñan da máxima información posible á hora de elixir estudos.

Máis información sobre o anuncio desta iniciativa.

Programa de Becas da Fundación Amancio Ortega.

A Fundación Amancio Ortega pon en marcha este programa de bolsas, co obxecto de facilitar a mozos e mozas de institutos e colexios españois un proceso de inmersión nunha cultura estranxeira, á vez que perfeccionan a aprendizaxe da lingua inglesa, durante un ano académico. Os alumnos seleccionados convivirán cunha familia do país de acollida e cursarán Grao 11 (equivalente a Primeiro de Bacharelato). A bolsa cobre o 100% dos servizos necesarios para realizar un curso escolar no estranxeiro: viaxe, taxas de escolarización e matrícula nun instituto público, aloxamento e manutención nunha familia de acollida, seguro médico e de accidentes, convalidación do ano académico e apoio continuado durante os dez meses de estancia.

O Programa convoca 600 bolsas dirixidas a estudantes de 4º de ESO de centros españois, para estudar Primeiro de Bacharelato en Canadá ou Estados Unidos.

 O alumnado interesado deberá cumplir os seguintes requisitos:

  1. Estar inscrito como estudante de 4º curso de ESO nun Centro de Ensino de calquera Comunidade (ou Cidade) Autónoma do territorio español.

  2. Obter unha nota media mínima de 7 puntos en 3º de ESO.

  3. Obter unha nota mínima de 7 puntos na materia de inglés de 3º de ESO (ou a súa alternativa como primeiro idioma estranxeiro).

  4. Información tributaria da unidade familiar. A participación no programa non require un nivel mínimo ou máximo de ingresos por familia.

  5. DNI e/ou pasaporte español.

O prazo de envío de solicitudes permanecerá aberto ata as 13:00 horas do 30 de outubro de 2019.

Máis información.

Convocatoria de bolsas Fundación SEPI.

A Fundación  SEPI,  F. S. P., de conformidade cos termos do contrato de data 15 de marzo de 2019, subscrito coa COMPAÑÍA ESPAÑOLA DE SISTEMAS AERONÁUTICOS, S.A., convoca 14 bolsas correspondentes ao Programa CESA FP 2019 - 2º Proceso, para técnicos superiores de formación profesional.

As entrevistas realizaranse a mediados de outubro de 2019. E o inicio das bolsas será, previsiblemente, o 5 de novembro de 2019.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 22 DE SETEMBRO DE 2019.

Máis información.

Validación de módulos profesionais.

Co fin de facilitar a reincorporación ao sistema educativo de todas as persoas interesadas en ampliar a súa formación, prevense posibilidades de recoñecer a formación adquirida previamente mediante as validacións e as equivalencias.

Coa validación dase por superada unha parte ou partes de estudos oficiais que se están a realizar tendo en conta a formación achegada e superada polo interesado con anterioridade. Nos estudos de Formación Profesional a unidade mínima de validación é o módulo formativo.

As solicitudes de validación de estudos cursados, ou por acreditación de unidades de competencia, con módulos profesionais dos ciclos formativos, requiren a matriculación previa do alumnado para continuar estudos nun centro docente autorizado para impartir estas ensinanzas, e presentaranse perante a dirección do centro educativo dentro dos primeiros vinte días contados desde o comezo das clases.

A solicitude de validación de módulos profesionais formalizarase no modelo de instancia establecido para tal efecto, e xuntaráselle unha fotocopia compulsada do DNI do alumno ou a alumna, e da certificación académica oficial dos estudos cursados ou, se for o caso, do certificado de profesionalidade elaborado a partir do Catálogo nacional de cualificacións profesionais ou da acreditación parcial de unidades de competencia:

  • Se a resolución da validación corresponde á dirección do centro educativo, o alumnado deberá presentar o anexo XIV da Orde 12 de xullo de 2011 debidamente cuberto, dentro dos primeiros 20 días de inicio das clases. No caso de centros privados, a dirección deste dará traslado das solicitudes ao centro público ao que estea adscrito, no prazo de cinco días hábiles.

  • Se a resolución de validación corresponde ao Ministerio de Educación, o alumnado deberá presentar o anexo IV da Orde ECD/2159, de 7 de novembro, debidamente cuberto, no prazo que abrangue dende a data da matriculación e o 15 de outubro.

O alumnado que estea pendente de validación nalgún módulo profesional deberá asistir ás clases ata a presentación da resolución favorable desta. Se a confirmación da validación é posterior ás avaliacións finais, deberanse facer as dilixencias oportunas de modificación da cualificación en todos os documentos oficiais. Os módulos profesionais validados cualificaranse cun 5, a efectos da obtención da nota media. Non terán validez as resolucións de validación para o alumnado procedente de renuncia ou que causase baixa no curso académico de presentación da solicitude de validación.
Os departamentos de orientación dos centros informarán e asesorarán o alumnado sobre o procedemento de validacións e exencións, de forma específica, durante o período de matrícula e ao inicio de curso.

Máis información.

Ferrramenta de validacións e transversalidade.

Premios extraordinarios ESO.

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico (procedemento ED311D) correspondentes ao curso 2018/19.

Poderanse conceder ata un máximo de 20 premios. Cada premio estará dotado con 750 €. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais, un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro educativo onde estea depositado o expediente académico anotaralle nel a distinción.

Requisitos de participación.

Poderá optar aos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico o alumnado que reúna os seguintes requisitos:

  1. Ter cursado durante o ano académico 2018/19 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

  2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

  3. Ter obtido no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9,00 puntos.

Todos os requisitos deberán posuírse o día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Forma e prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comezará o día 6 de xuño de 2019 e rematará o día 5 de xullo de 2019.

As solicitudes (anexo I) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal). Será imprescindible cubrir previamente os datos na aplicación que se atopa no enderezo https://www.edu.xunta.es/premiosedu desde onde deberá xerarse o formulario normalizado cuberto cos datos correspondentes.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais dos/as solicitantes.

A publicación da relación provisional do alumnado admitido e excluído realizarase no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premiosedu. Unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos/as e excluídos/as, ábrese un prazo de dez días, para emendar as carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada.

Realización da proba para a obtención do premio

O alumnado deberá realizar unha proba que terá lugar o día 5 de setembro de 2019 e realizarase nos lugares e no horario que se darán a coñecer mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, e no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (https://www.edu.xunta.gal). Para a realización das probas, os candidatos e as candidatas acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

A proba estructurarase en dúas partes:

A primeira parte constará de diversas cuestións referidas ás seguintes materias de cuarto curso: Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, e Primeira Lingua Estranxeira, agás no caso de alumnado con exención en Lingua Galega e Literatura, que quedará exento da realización da correspondente parte da proba, sempre e cando a dita exención se acredite documentalmente.

Na segunda parte, o alumnado dará resposta a diversas cuestións teóricas e/ou prácticas de tres materias do currículo de cuarto curso:

– Xeografía e Historia.

– Unha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado: Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas ou Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas.

– Unha materia para escoller de entre as materias de opción do bloque de materias troncais cursada polo alumnado: Bioloxía e Xeoloxía, Economía, Física e Química, Latín, Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional, Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial, ou Tecnoloxía.

Cada parte da proba desenvolverase nun tempo máximo de dúas horas.

Máis información.

Axudas económicas para a FCT.

Convocadas as axudas económicas para o alumnado que realiza a formación práctica en centros de traballo dos estudos de formación profesional.

Máis información.

Fondo solidario e axudas para libros de texto e material escolar.

Publicada a convocatoria que regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Educación Especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2019/20.

Beneficiarias: aquelas familias con alumnado matriculado en centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos nas modalidades de gratuidade solidaria que se relacionan a seguir:

  • Fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (EP), e en 1o, 2o, 3o e 4o de ensinanza secundaria obrigatoria (ESO).

  • Axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP, e en educación especial (EE), así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído na disposición adicional primeira da orde.

  • Axudas para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.

Prazo de presentación de solicitudes:O prazo para presentar solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (20/05/2019) e rematará o día 21 de xuño de 2019 (este incluído). O alumnado que se incorpore ao centro docente fóra deste prazo disporá dun mes contado a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. Non se poderán presentar solicitudes despois do 31 de marzo de 2019.

Máis información.

ESTALMAT – Galicia - Convocatoria 2019.

O Proxecto ESTALMAT-Galicia para Estímulo do Talento Matemático en estudantes da Comunidade Autónoma, anuncia a Convocatoria 2019 da proba de selección dirixida a estudantes nacidos nos anos 2006 ou 2007.

O proxecto ESTALMAT-Galicia iniciou a súa andadura no curso 2007-2008, integrado no Proxecto ESTALMAT-España, iniciativa da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales. Conta co apoio da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e das Deputacións da Coruña e Lugo.

O obxectivo do proxecto é detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento matemático que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos.

O funcionamento básico do Proxecto ESTALMAT consiste en seleccionar 25 estudantes cada ano, mediante unha proba que pretende detectar aptitudes matemáticas avanzadas.

Os alumnos e as alumnas seleccionadas participan en actividades formativas adaptadas ao desenvolvemento do seu talento nos dous cursos seguintes (20 sesións cada curso), con posibilidade de continuar outro ano mais (12 sesións). As sesións son totalmente gratuítas para os participantes e teñen lugar na Facultade de Matemáticas da USC nas mañás dos sábados. O equipo docente está composto por máis de 50 profesores do ensino medio e das universidades galegas.

Inscrición:

1. Datas de inscrición: do 2 ao 31 de maio de 2019, ambos inclusive. Excepcionalmente poderán terse en conta solicitudes posteriores a esa data.

2. Procedemento: É necesario por cuestións organizativas da proba cumprimentar o formulario adxunto de inscrición dispoñible na páxina web do proxecto (http://www.estalmatgalicia.com), a partir do 2 de maio. No lugar correspondente do formulario, pode incluírse o nome dun profesor ou profesora que avale o interese e aptitude do estudante polas matemáticas. Esta posibilidade é opcional e non afecta nin condiciona a avaliación.

Proceso de selección: Constará de dúas fases:

1. Proba de aptitude. Terá lugar o sábado 8 de xuño, ás 10 horas, na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. Consistirá na resolución de varios problemas.

2. Entrevista persoal. Unha vez corrixidas as probas, levarase a cabo unha entrevista individual cos 25 nenos e nenas preseleccionados na proba de aptitude, acompañados de seu pai e a súa nai ou titores, que previamente serán avisados persoalmente. Está encamiñada a avaliar o interese e o grao de compromiso co proxecto.

As listas provisional e definitiva dos estudantes seleccionados faranse públicas na páxina web do proxecto: http://www.estalmatgalicia.com

VII Campus de verán XUVENCIENCIA.

Despois do gran éxito dos pasados anos volve o VII Campus de Verán XuvenCiencia, o campamento científico da USC no que cento cincuenta estudantes de ensino medio vivirán unha semana de experiencias inesquecibles.

O Campus XuvenCiencia terá lugar do 1 ao 5 de xullo e vai dirixido ao alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato. O custe da matrícula é 160 €.

O prazo de preinscrición ábrese desde venres 3 de maio ata o 12 de maio.

Como nas edicións anteriores, o obxectivo do Campus de Verán é poñer ao alumnado en contacto directo coas diversas ramas das ciencias experimentais e sociais e da tecnoloxía así como coa contorna universitaria. Ofertamos durante cinco días unha multitude de actividades prácticas, tanto na rama Científico-Técnica como na Científico-Social, coa participación de todas as facultades e escolas universitarias da USC no Campus Terra de Lugo e a colaboración de moitas empresas e laboratorios externos.

A matrícula inclúe a participación nas actividades do campus e nas actividades lúdicas de tarde, o material necesario, o seguro, o xantar nun comedor universitario os cinco días do campus e o diploma de participación da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais inclúe actividades lúdicas de noite e aloxamento, cea e almorzo en Residencias Universitarias de Lugo, con acompañamento de monitores titulados da A.D.C Lumieira Lugo.

Na páxina web www.usc.es/xuvenciencia/campus pódese ver toda a información acerca das actividades do Campus.



by Dr. Radut