Ciclo de conferencias Ubi sum

 

O pasado venres 29 de maio celebrouse unha nova edición do ciclo UBI SUM, encontros con antigos alumnos deste instituto. Coma sempre, os nosos convidados fan un pequeno repaso dos seus tempos de estudante, e logo dan conta dalgunha das súas experiencias profesionais.

 Nesta ocasión visitounos Germán Labrador Méndez, profesor de Literatura Española na Universidade de Princeton. Despois de recordar ós seus profesores e o moito que estes lle axudaron a encauzar a súa vocación polas Letras, fixo unha defensa encendida a prol do ensino público como o mellor medio para a aprendizaxe da tolerancia dentro dun mundo cada vez máis diverso.

 No eido máis académico, comezou a súa disertación arredor da idea que encerra a expresión UBI SUNT, terceira persoa do plural, que nos fai preguntarnos pos aqueles que xa non están entre nós. Segundo Labrador, a anterior expresión resume esa interminable visita ó pasado, á súa revisión, asi como esa pregunta que lle facemos constantemente ó futuro. Preguntarmos polos que xa non están, os mortos, é indagar na memoria, unha cualidade dos pantasmas, eses mortos que nos volven a visitar, en contraposición os “ zombies”, que carecen de recordos. Son as pantasmas entes “morais” en tanto aínda teñen asuntos que arranxar, fronte os “zombies” que son puro apetito: son “zombies” os que saltan a valla de Melilla, os parados que fan cola no INEM, os drogadictos que deambulan polas rúas. Os “zombies” dan medo, igual que os negros, os parados, os pobres; o mesmo medo que temos todos a ser excluidos da sociedade.

 A derradeira reflexión recaíu sobre a necesidade de facerse preguntas para aprender a comprender o noso mundo, a nosa realidade e a nosa propia vida, e deste xeito invitou ao público a facerlle todas as preguntas que desexasen, que serviron para establecer unha interesante comparación entre a sociedade norteamericana e a nosa.

 Ver aquí vídeo e fotos do acto