MATEMÁTICAS E COCIÑA

 

 

Cando hai xa catro anos se celebrara por primeira vez o Certame de Fotografía Matemática do IES Gonzalo Torrente Ballester, seguramente houbo quen pensou que aquilo non era máis que outra disparatada idea dun Departamento, que non acabaría por callar entre o alumnado.

Pero o certo é que en cada edición que se organiza deste concurso, os rapaces non deixan de nos sorprender; e non soamente porque a súa participación sexa máis que considerable, senón, sobre todo, porque acabamos descubrindo que algúns deles son verdadeiros artistas, capaces de relacionar os conceptos matemáticos máis abstractos con calquera faceta da vida cotiá ou da nosa contorna, e de tirar fotografías que chaman a atención de todo o mundo.

Pois isto, precisamente, é o que se pretendía conseguir: que os nosos alumnos puidesen ver as Matemáticas como algo máis que simples números cos que facer unha serie de cálculos que, segundo moitos deles, non os van levar a ningures.

Nesta ocasión, o certame versa sobre “Matemáticas e Cociña”, así que xa podedes imaxinar que entre as fotografías enviadas hai algunhas “moi saborosas”, das que sairán as gañadoras de cada unha das tres categorías (1º ESO - 2º ESO; 3º ESO – 4º ESO; 1º BAC – 2º BAC). Curiosamente, este ano participan un elevado número de alumnos de Bacharelato, polo que a competencia nesta categoría vai ser bastante disputada.

 

Pero, ademais dos premios outorgados polo Departamento de Matemáticas, concederase outro á fotografía máis popular, de xeito que non podedes deixar de visitar a exposición instalada durante todo o mes de Maio no vestíbulo do noso centro, e de votar cal é a instantánea que máis vos gusta. Se o preferides, tamén podedes ver o vídeo seguinte, no cal se inclúen todas as fotografías presentes na exposición, incluídas aquelas que quedaron fóra do concurso por ser enviadas fóra de prazo.

Por favor, animádevos e votade todos!