PAU: Sistema de Cualificación e Nota de Admisión

1. Cualificación da Fase Xeral

Cada un dos exercicios da Fase Xeral cualificarase entre 0 e 10 puntos, con dúas cifras decimais.

A cualificación da Fase Xeral será a media aritmética de todos os exercicios, expresada en forma numérica de 0 a 10 puntos, con tres cifras decimais, redondeada á milésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior.

A cualificación da FaseXeral terá validez indefinida, sempre que se teña superada a PAU.

2. Cualificación das materias da Fase Específica

Cada unha das materias da Fase Específica das que se examine o estudante será cualificada entre 0 e 10 puntos, con dúas cifras decimais.

Considerarase superada cada unha das materias da Fase Específica das que se examine o estudante cando se obteña unha cualificación igual ou superior a cinco (≥ 5) puntos.

Non se ponderará a cualificación obtida nunha materia cando non se acade nesta unha puntuación igual ou superior a cinco (≥ 5) puntos.

Aos efectos do acceso á universidade, a cualificación das materias da fase específica terá validez durante os dous cursos académicos seguintes a súa superación; así, por exemplo, para alguén que superase a Fase Específica da PAU nalgunha das convocatorias do ano 2011, a validez desta será para o acceso no curso 2011-2012 e 2012-2013.

3.- Superación da PAU

O acceso á universidade española, tanto pública como privada, para cursar as ensinanzas conducentes á obtención dos distintos títulos das ensinanzas universitarias oficiais de grao, con validez en todo o territorio nacional, requirirá, con carácter xeral, a superación da proba, sen prexuízo dos outros supostos previstos no artigo 3 do RD 1892/2008, do 14 de novembro, polo que se regulan as condicións para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e os procedementos de admisión ás universidades públicas españolas.

Considerarase superada a Proba de Acceso á Universidade cando o estudante obtivese unha nota igual ou superior a cinco (≥ 5) puntos como resultado da media ponderada do 60 por 100 da nota media do bacharelato e o 40 por 100 da cualificación da Fase Xeral, sempre que se obtivese un mínimo de 4 puntos na cualificación da Fase Xeral.

A nota media do bacharelato será a media aritmética das cualificacións de todas as materias, (agás a cualificación obtida nas ensinanzas de relixión), expresada con dúas cifras decimais e redondeada á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior.

1. Para estudantes de bacharelato que superen a PAU regulada polo
RD 1892/2008, do 14 de novembro:

Nota de admisión = 0,6 * NMB + 0,4 * CFX + a * M1 + b * M2
NMB =

Nota media do bacharelato

CFX =

Cualificación da Fase Xeral da PAU

M1, M2 =
Cualificacións dun máximo de dúas das materias da Fase Específica das que se examinase o alumno/a que proporcionen mellor nota de acceso.
a, b =

Parámetros de ponderación das materias da Fase Específica

A nota de admisión incorporará as cualificacións das materias da Fase Específica no caso de que as devanditas materias estean adscritas á rama de coñecemento do título ao que se queira ser admitido, de acordo cos parámetros de ponderación establecidos polas tres universidades do SUG para o acceso aos cursos académicos 2011-2012, que fixo públicos a CiUG e están recollidos no Anexo I da ORDE do 25 de marzo de 2011, pola que nomean os membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia e se publican os parámetros de ponderación das materias da Fase Específica da proba de acceso á universidade de bacharelato e FP, para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do sistema universitario de Galicia no curso 2011-2012 (DOG do 10 de maio).

2.- Para estudantes de Formación Profesional:

Aqueles que estean en posesión dos títulos de técnico superior de formación profesional, técnico superior de artes plásticas e deseño, ou técnico deportivo superior a que se refiren os artigos 44, 53 e 65 da Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio de Educación, ou títulos equivalentes, poderán acceder ás ensinanzas universitarias oficiais de grao, sen necesidade de proba.

Tal e como se establece no Real Decreto 558/2010, de 7 de maio, a partir da admisión para o curso 2011-2012 os estudantes que estean en posesión dos títulos de Técnico Superior, Técnico Superior Deportivo ou Técnico Superior en Artes Plásticas e Deseño que desexen solicitar a admisión a ensinanzas universitarias nas que se produza un procedemento de concorrencia competitiva (é dicir, que haxa máis solicitudes ca prazas ofertadas), poderán presentarse á fase específica para mellorar a nota de admisión. Neste caso, as universidades públicas utilizarán para a adxudicación de prazas a nota de admisión que corresponda, que se calculará coa seguinte formula:

Nota de admisión = NMC + a * M1 + b * M2
NMC =

Nota media do Ciclo Formativo de Grao Superior

M1, M2 =
Cualificacións dun máximo de dúas das materias da Fase Específica das que se examinase o alumno/a que proporcionen mellor nota de acceso.
a, b =

Parámetros de ponderación das materias da Fase Específica

De conformidade co artigo 54.2 do Real Decreto 1892/2008, a adxudicación de prazas farase en función da nota de admisión ás ensinanzas universitarias obtidas polo estudante conforme ó disposto no artigo 26. En todo caso, cando se produza empate para a adxudicación de prazas, terán opción preferente os estudantes cuxos títulos estean adscritos ás ramas de coñecemento nas que se atopen as ensinanzas de grao que desexen cursar.

3.- Para estudantes que teñan superada a PAU segundo normativas
anteriores á establecida pola Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio:

A nota de admisión será a cualificación definitiva para o acceso á universidade que obtivesen no seu momento. Non obstante o anterior, poderán presentarse á fase específica da PAU establecida polo RD 1892/2008, do 14 de novembro, e a nota de admisión calcularase do seguinte xeito:

Nota de admisión = CDA + a * M1 + b * M2
CDA =
Cualificación definitiva de acceso acadada con anterioridade.
M1, M2 =
Cualificacións dun máximo de dúas das materias da Fase Específica das que se examinase o alumno/a que proporcionen mellor nota de acceso.
a, b =

Parámetros de ponderación das materias da Fase Específica

A nota de admisión incorporará as cualificacións das materias da Fase Específica no caso de que estas materias estean adscritas á rama de coñecemento do título ao que se queira seren admitido, de acordo cos parámetros de ponderación establecidos polas tres universidades do SUG para o acceso aos cursos académicos 2011-2012, que fixo públicos a CiUG e están recollidos no Anexo I da ORDE do 25 de marzo de 2011, pola que nomean os membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia e se publican os parámetros de ponderación das materias da Fase Específica da proba de acceso á universidade de bacharelato e FP, para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do sistema universitario de Galicia no curso 2011-2012 (DOG do 10 de maio).

4.- Outros colectivos

Para outros colectivos aplicarase o establecido na lexislación vixente.