Enviado por admin o Dom, 29/10/2023 - 20:40
O pasado venres 27 de outubro, Laura Bárcena Varela, alumna de 1º do ciclo medio de Estética e Beleza que rematou no curso pasado o ciclo medio de Peiteado e Cosmética Capilar, e Víctor Posada Soto, alumno que rematou no curso pasado o ciclo superior de Administración de Sistemas Informáticos en Rede, gañaron a medalla de ouro na competición Galicia Skills 2023 representando ao IES de Teis.
Galicia Skills é o campionato galego da formación profesional que se celebra cada dous anos e consiste no desenvolvemento dunha serie de probas relacionadas coas distintas especialidades da formación profesional, nas que os participantes han demostrar a súa competencia profesional e medir as súas destrezas con alumnado de distintos centros de Galicia. Este ano as probas realizáronse o 25 e 26 de outubro no Recinto Feiral de Silleda. O acto de entrega de premios fíxose o venres 27 en presencia do Sr. Presidente da Xunta de Galicia, D.Alfonso Rueda Valenzuela.
Laura Bárcena participou na competición de Peiteado, sendo preparada e titorizada por Ana B. Castro García, profesora do departamento de Imaxe Persoal. Neste departamento xa tiñan experiencia na competición Skills: Gañaron varias veces o ouro na Galicia Skills, tamén conseguiron ouro na Spain Skills e chegaron a participar na World Skills.
Laura tivo que realizar varias probas:
- Cor do cabelo feminino: realización dunha cor de muller cun estilo actual, comercial, con técnicas de coloración e descoloración libres, e posterior peiteado só co secador de man e cepillos e peites, sen aparellos.
- Corte do cabelo feminino: realización de corte do cabelo feminino, potenciando e realizando a cor, con emprego das ferramentas de corte e técnicas libres. Peiteado comercial, empregando cosméticos e aparellos para un acabamento actual e anovador.
- Recollido de noite: de inspiración libre de técnicas e acabamentos. Permitindo o uso de recheos e adornos, que non superen o 10 % do conxunto do recollido.
Na terceira imaxe da galería, Laura no podio tras recibir a medalla de ouro de Peiteado de mans do Sr. Presidente da Xunta de Galicia.
Víctor Posada participou na competición de Administración de Sistemas en Rede, sendo preparado e titorizado por María Cristina Castiñeira Fernández, profesora do departamento de Informática. Este departamento participaba por primeira vez na Galicia Skills.
Víctor tivo que realizar unha proba con varios obxectivos:
- Simulación de redes de computadores complexas, empregando software de virtualización. Os obxectivos foron lograr a configuración dos servizos en dispositivos finais e servidores, realizar a configuración dos dispositivos de rede e garantir a seguridade nas comunicacións.
Na cuarta imaxe da galería, Víctor no podio tras recibir a medalla de ouro de Administración de Sistemas en Rede de mans da Directora Xeral de FP.
O noso alumnado participante na Galicia Skills estivo arroupado por compañeiras e compañeiros do ciclo de Administración de Sistemas informáticos en rede e dos ciclos de Peiteado e Cosmética Capilar e de Estética e Beleza, xunto con profesorado que imparte docencia nos ciclos de FP.
Unha representación do equipo Directivo do IES de Teis, en nome de toda a comunidade educativa do instituto, estivo apoiando ao noso alumnado, as súas familias e as titoras nos momentos de nerviosismo previos á entrega de medallas e posteriormente celebrando con orgullo e ledicia tan marabilloso logro. Parabéns para Laura e Víctor e para as súas titoras!
O alumnado gañador de cada competición Galicia Skills participará no campionato nacional Spain Skills e as medallas de ouro deste campionato participarán posteriormente no campionato internacional World Skills e no europeo Euro Skills.
Tanto Laura como Víctor xa van empezar a preparación para asistir a Spain Skills, que posiblemente se celebrará no mes de marzo ou abril de 2024 en Madrid.
Esta páxina usa Lightbox2 por Lokesh Dhakar dispoñible en https://lokeshdhakar.com/projects/lightbox2/ baixo The MIT License