Enviado por admin o Lun, 03/10/2022 - 21:42
(Brokind, Suecia, 14-19 agosto)
Comparto con vós a experiencia inesquecible vivida na realización deste curso do Programa Erasmus. Mostrou todas as vantaxes que ofrece a natureza como aula, partindo de algo tan aparentemente contraditorio como proporcionar calma e ser estimulante ao mesmo tempo. Hai unha tendencia innata a buscar a conexión co mundo da natureza e os seres vivos, e debemos sacar proveito desa realidade.
O curso desenvolveuse nun entorno privilexiado, no medio de bosques e bañado por un lago, con praia propia. Aspirar a copiar todas as actividades sería moi ambicioso e complicado: remo, natación, longas camiñadas, cociñar ao aire libre, moitos xogos interactivos e de coñecemento, ¡sauna!… No colexio que visitamos, en Rimforsa , tiñan enormes espazos, pistas deportivas e instalacións exteriores para todo tipo de actividades en calquera estación. Como curiosidade, as clases de natación no lago no horario lectivo; cando rematan o 6º grado, teñen que ser capaces de nadar 200m. A miña idea de buscar os espazos naturais para o ensino, quedou máis reforzada se cabe. Igualmente, ese concepto de interdisciplinariedade hai tanto tempo asumido e posto en práctica. Todo está relacionado, basta buscar a conexión.
Beneficios:
- Imprime sensación de calma e benestar.
- Reduce o risco de padecer enfermidades, tanto físicas como mentais.
- Aumenta a autoestima.
- Atenúa ou elimina sentimentos negativos, de ira ou medo.
- Incrementa sentimentos positivos.
- Estimula a creatividade.
- Fomenta o autocontrol.
- Potencia e estimula o uso dos sentidos.
- Aviva a curiosidade.
- Contribúe ao desenrolo físico.
- Favorece a interacción de grupo.
Cada docente, con cada materia, ten que decidir os contidos e de que xeito pode levar a cabo o cambio de escenario. Trátase de lograr que todos os grupos poidan desfrutar da experiencia en distintos ámbitos. Aprender a desfrutar do exterior con diferente climatoloxía tamén é interesante.
Anímovos a probar!
Flor Currás, profesora de inglés.
*As fotos só mostran un entorno fascinante ou o grupo de docentes facendo actividades. Non fan xustiza (as usual). O resto depende de nós.
“Education is not a preparation for life.
Education is life itself.”
John Dewey (1859-1952)
Esta páxina usa Lightbox2 por Lokesh Dhakar dispoñible en https://lokeshdhakar.com/projects/lightbox2/ baixo The MIT License