Skip to Content

Crónica e fotos do entroido 2014

 

O 27 de febreiro celebramos no instituto o Entroido e, con esta actividade, comezaron tamén os actos de conmemoración do 50 aniversario do noso centro.

Os nosos rapaces e rapazas participaron masivamente nun concurso que tiña como obxectivo revivir situacións propias do ano 1964, aínda que, finalmente, algunhas das representacións xeralizáronse á década dos 60.

Remontándonos 50 anos atrás:

Asistimos á presentación do plan arquitectónico das Torres Xemelgas; aos discursos: “O voto ou a bala” e “Estar listo para morrer” de Malcolm X e Nelson Mandela, respectivamente; á concesión do premio Nobel da Paz a Martin Luther King; á inauguración do instituto Camilo Alonso Vega, antigo nome do noso instituto; a unha clase impartida por unha profesora cunha regra na man para impoñer castigos e con nenos con orellas de burro e de cara á parede; á vitoria da selección de fútbol española, co gol de Marcelino, no encontro contra a URSS na Eurocopa; á botadura do barco Galicia en Ferrol, coa presenza de Franco e Carmen Polo; aos Xogos Olímpicos de Tokio e ao lanzamento de naves espaciais da NASA e da URSS.

Coñecemos en persoa a Sofía Casanova, o seu home –o conde polaco Lutoslawski–, as súas tres fillas, a criada Pepiña, a raíña Mª Cristina e o seu fillo, o rei Afons XIII, e a escritores e escritoras con quen a autora estivo relacionada: Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Pérez Galdós, Emilia Pardo Bazán e Eduardo Pondal.

Fomos ao cine para ver Teléfono vermello e Mary Poppins e puidemos ver a Mafalda e á Pantera Rosa ou á pantasma de Albert Einstein.

Con flores e hippies por todas partes, os mozos e as mozas do IES Sofía Casanova asistiron a un guateque, compuxeron un rap para Sofía Casanova e interpretaron as cancións“Si yo tuviesra una escoba”, dos Sirex con Led Zeppelin; “Una chica yeyé”, de Concha Velasco; “Tell me why”, “I’ll fallow the sun”, “A hard day’s night”, dos insuperables Beatles; “Blowing in the wind”, de Bob Dylan e “The wall”, en homenaxe a Pink Floid, banda musical creada en 1964.

Nas fotos que se publican con esta crónica, pódese constatar que, fóra do concurso, colóusenos un elefante, GTA V. Atracadores, unha nube da cicloxénese explosiva e un hippy e unha hippy que o gravaron todo.

O xurado concedeu un único premio, unha excursión lúdica dunha xornada de convivencia para todo o grupo, á actuación de 3º A, que nos fixo rememorar: a chegada do home á lúa, a construción do Muro de Berlín, a figura de Marilyn Monroe, a morte de Kennedy, o éxito de Massiel en Eurovisión e a inauguración do noso instituto.

En canto estea dispoñible o salón de actos, repetímolo para que poida disfrutar do espectáculo todo o mundo. De momento, podemos ver as fotos e axiña, niso estamos a traballar, tamén o video.

Enlace ó album de fotografías.  



page | by Dr. Radut