Skip to Content

literatura

A décimo oitava Nobel de Literatura

Nada máis acaído, nas vésperas dunha nova edición do Día das Escritoras, que a concesión do décimo oitavo Nobel de Literatura feminino á escritora surcoreana Han Kang quen tamén recibiu xa no ano 2018 o premio Arcebispo San Clemente pola súa obra A vexetariana (traducida ao galego en 2022, ao voso dispor na biblioteca).

A vexetariana narra a historia de Yeonghye, unha muller que sempre "foi a esposa dilixente e discreta que o seu marido desexou". Con todo, todo cambia cando uns "pesadelos brutais e sanguinarios comezan a espertala pola noite", o que fai que senta a necesidade de desfacerse de toda a carne do frigorífico. Desde ese momento, Yeonghye adoptará unha existencia máis "pura e desposuída", achegada á vida vexetal, "un lugar onde o poder erótico e floral do seu corpo romperá os estritos costumes dunha sociedade patriarcal e ultracapitalista". Podes comezar a súa lectura premendo aquí. Desta novela Anders Olsson, presidente do Comité Nobel, apuntou á súa "empatía física polos vulnerábeis, polas mulleres", algo que, explicou, é "notábel, e vese reforzada pola súa prosa cargada de metáforas"

Outra das súas obras, La clase de griego (preme aquí para ler as primeiras páxinas), é cualificada pola Academia sueca como unha "bonita reflexión sobre a perda, a intimidade e as condicións da linguaxe". Esta novela comeza coa protagonista sentada nunha clase onde ensinan grego; nela, pídeselle ler en voz alta. Pero cando o tenta ve que non pode, que é incapaz de articular palabra ante a sorpresa dos demais. Este feito lévaa a lembrar o momento no que viviu por primeira vez unha situación similar, na súa infancia, coa súa nai enferma de cancro e ela entregada á lectura, aprendendo a lingua e os signos ortográficos con poucos anos. Cunha personalidade solitaria, atopaba sempre a compañía nas letras moito máis que nos amigos, sen mostrar ningún interese por arranxarse nin por ter relacións románticas chegando así aos dezaseis anos cando o primeiro deses episodios de mudez apareceu, sendo incapaz de articular ningunha desas palabras que con tanta admiración e avidez aprendía nos libros. A narración, sempre pausada e ben ganduxada, devólvenos ao cabo de poucas páxinas ao presente, e coñecemos que xa na idade madura vive soa, sen un marido do que se divorciou e sen a custodia do seu único fillo pois a consideraron incapaz de coidalo e velar por el debido á súa precaria situación económica e á súa hipersensibilidade.

Neste relato a dúas voces, a autora alterna a narración da protagonista coa do profesor de grego, vítima dunha cegueira que avanza de maneira inexorable xa desde a súa adolescencia e fálanos tamén dun amor que tivo a esa idade na que os sentimentos asolagan a nosa existencia e todo se descobre coa maxia das primeiras ocasións mentres nos detalla como o seu tránsito vital era acompañado por unha emigración desde Corea a Alemaña na súa adolescencia e o seu regreso á súa terra natal anos despois. Desta maneira, o texto alterna a narración con breves episodios da clase de grego, na que profesor e alumna se atopan, con grandes extensións do pasado de ambos os protagonistas que copan a maioría das páxinas do libro. De maneira análoga á clase de grego e o estudo do grego antigo da man de Sócrates e Platón, o texto fai constantes reflexións sobre a amizade, a vida, a morte e o paso do tempo, imbuíndo aos seus protagonistas nos razoamentos filosóficos dos grandes pensadores antigos.

E para finalizar únha entrevista coa recente Nobel: https://www.infobae.com/america/cultura/2024/10/10/la-entrevista-de-la-premio-nobel-han-kang-con-infobae-somos-seres-mas-comunes-de-lo-que-pensamos/

Data: 
Xov, 10/10/2024 - 12:51
Distribuir contido


by Dr. Radut