Dentro do clima de rescate e defensa da cultura galega que ten os seus alicerces no período da Ilustración, continúa co Rexurdimento decimonónico e coas Irmandades da Fala, un grupo de novos universitarios composteláns (Alberto Vidán Freiría, Fermín Bouza Brey, Xosé Pena Pena, Xosé Magariños Negreira, Francisco Romero Lema, Wenceslao Requejo Buet, Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío Fernández e Ramón Martínez López, de entre 27 e 16 anos) co apoio do catedráticos Armando Cotarelo e Salvador Cabeza de León, intégranse nun ambicioso proxecto a prol da investigación e divulgación da cultura galega.
Tal día como hoxe, o 12 de outubro de 1923 parte dos arriba nomeados fan unha peregrinación dende Compostela á Casa Grande de Ortoño (onde Rosalía pasou uns meses da súa infancia), deste xeito comeza a súa andaina o Seminario de Estudos Galegos que se constituirá oficialmente o 21 de outubro e aprobará os seus estatutos o 27 do mesmo mes. A súa prolífica andaina para a promoción, defensa e estudo da cultura galega, integrando múltiples disciplinas e traballando en equipo, vese interrompida cando comezaran a campaña de Fisterra (que foi a súa oitava e derradeira misión) pola sublevación militar do 18 de xullo de 1936. Parte do seu legado e actividades foron asumidos pola Universidade de Santiago, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o Museo do Pobo Galego e o renacido Seminario de Estudos Galegos impulsado por Isaac Díaz Pardo e o grupo Sargadelos.
Neste centenario queremos ter unha lembranza especial para as mulleres que participaron nas tarefas do Seminario pero que foron esquecidas e silenciadas como Carmen Sierra Domínguez, alumna de segundo curso de Filosofía e Letras con 17 anos, proposta como socia o 10 de novembro de 1923 e aceptada unha semana despois, sendo así a primeira socia da entidade. Ela inicia unha lista de mulleres vinculadas ao Seminario que cómpre reivindicar: Dolores Lorenzo, Amparo Arango, Encarnación Fraga, Pura Lorenzana, Carmen Rey, Luísa Cuesta, Josefa Iglesias Vilarelle, Sara Leirós, Celsa Pérez Moreiras, María Corredoyra, Margot Sponer, Angelita Varela, Emilia Álvarez, Daría González, Matilde Pondal, Carmen Pardo, Pilar Bermúdez de Castro y Feijoo, Inés Corral ou Mercedes Vilabella.
http://consellodacultura.gal/paxina-area.php?id=9348&arq=4372#
http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=29957