No pasado xaneiro comezamos un ciclo de charlas, impartidas por persoal da Universidade de Vigo, pensadas para que o noso alumnado de 2º BAC coñecera distintas carreiras, plans de estudo e saídas profesionais. Estos relatorios principiaron o mércores 20 de xaneiro, continuaron os días 22 e 27 do pasado mes e remataron xa neste febreiro os días 19 e 24. Algunhas delas foron presenciais respectando o protocolo anticovid mentres outras realizáronse a través de videoconferencia. Confiamos que, con iniciativas como esta, o noso alumnado de último curso reciba a información necesaria para encauzar o seu futuro académcio e/ou profesional.
Tamén, mediante videoconferencia o venres 19 de febreiro, conectamos con Rosendo Bugarín, tudense, alumno do IES San Paio de Tui na promoción do 1979, doutor especialista en medicina de familia e autor do libro de investigación La gripe de 1918 en Tui, publicado no ano 2018 aproveitando a data do seu centenario. A dinámica foi a de intercambiar impresións ao redor do que foran as vivencias de médicos e pacientes así como de toda a cidadanía tudense sobre a pandemia da gripe entón e encontrar semellanzas e diferenzas respecto da situación de pandemia que vivimos actualmente. Os medios son diferentes, os virus tamén, pero as persoas coas súas inquedanzas e medos seguen sendo as mesmas. O noso alumnado de 1º Bacharelato preparou previamente este encontro traballando co libro obxecto de presentación nesta charla para o que contamos coa colaboración da Biblioteca Municipal que facilitou o préstamo de 14 exemplares.
Finalmente, o luns 22 de febreiro contactamos, tamén a través de videoconferencia, con Belen Sousa Domínguez, unha tudense que actualmente traballa en Munich para a empresa de animación 3D Trixtar. Os encargos veñen nada menos que da man de Marvel. Con pouco máis de 30 anos xa traballou nos departamentos de animación de diferentes películas de superheroes como Capitán América: Civil War, Black Panther, Spider-Man: Homecoming ou Capitana Marvel. Precisamente nesta última foi a encargada de animar ao gato que vive coa protagonista. O alumnado de 1º ESO amosou un grande coñecemento tanto da saga Marvel como dos misterios da animación e programación de modo que a charla coa nosa interlocutora resultou dinámica, intensa, animada e moi proveitosa.