Skip to Content

dia_escritoras

Escritoras galegas: feminino e plural

                                                                                                                                                                                                                                                          

Data: 
!dat-abbreviation Dom, 08/10/2023 - 07:35

Dúas escritoras para o Día das Escritoras

Benvidas de novo á nosa biblioteca!

17 escritoras para o 17 de outubro, día das escritoras

Elas escribiron a guerra, nós lemos o que elas escribiron

O terceiro luns de outubro celebraremos unha nova edición do Día das Escritoras. Unha data acaída para lembrar e reivindicar a escrita feminina e plural, tantas veces e en tantas circunstancias, obliterada ou esquecida.

Nesta sétima edición o lema escollido "Antes, durante e despois das guerras" é, en palabras de Ana Santos, directora da Biblioteca Nacional “unha homenaxe ao papel fundamental que cumpriron [as escritoras] en situacións de conflito bélico e axuda a reflexionar e contemplar con outros ollos unha situación de sufrimento, pero tamén de xenerosidade e compromiso

Elas escribiron a guerra,  como -un exemplo- a polaca Wisława Szymborska:

Fin e principio

Despois de cada guerra
alguén ten que limpar.
Non se van a ordenar soas as cousas,
digo eu.

Alguén debe botar os entullos
á gabia
para que poidan pasar
os carros cheos de cadáveres.

Alguén debe meterse
entre o barro, as cinzas,
os resortes dos sofás,
as achas de cristal
e os trapos sanguentos.

Alguén ten que arrastrar unha viga
para apontoar un muro,
alguén poñer un vidro na xanela
e a porta nos seus gonzos.

Iso de fotoxénico ten pouco
e require anos.
Todas as cámaras fóronse xa
a outra guerra.

A reconstruír pontes
e estacións de novo.
As mangas quedarán feitas farrapos
de tanto arremangarse.

Alguén coa escoba nas mans
lembrará aínda como foi.
Alguén escoitará
asentindo coa cabeza no seu sitio.
Pero ao seu arredor
empezará a haber algúns
a quen amole.

Aínda haberá quen ás veces
atope entre malas herbas
argumentos mordidos pola ferruxe,
e os leve á morea do lixo.

Aqueles que sabían
de que ía aquí a cousa
terán que deixar o seu lugar
aos que saben pouco.
E menos que pouco.
E mesmo practicamente nada.

Na herba que cubra
causas e consecuencias
seguro que haberá alguén tombado,
cunha espiga entre os dentes,
mirando as nubes.
 
(in SZYMBORSKA, Wisława, El gran número. Fin y principio y otros poemas, Hiperión, Madrid, 1998, p. 156-157)

Nós lemos a guerra e  tamén podemos facer esa lectura a partir das dúas escolmas que nos facilitan desde o blog das bibliotecas escolares de Galicia, accede premendo aquí.

Leamos as idades da vida!: lecturas de escritoras para o Día das Escritoras

"Os libros escríbense só para unha lectora, a que os fai estar de novo cando os le. Por iso, a escritura vai dando conta das idades da vida e permítenos elixirnos, recuperarnos e soñarnos entre as páxinas dos libros. Dos libros que lemos, dos que leremos. Dos que se escribiron para nós, aínda que non os atoparamos aínda." (Marifé Santiago Bolaños, comisaria do Día das Escritoras 2021)

Nada mellor para visibilizar ás escritoras que ler as súas obras. Para mostra estas escolmas textuais que nos ofertan no blog das bibliotecas escolares de Galicia:

TEXTOS SELECCIONADOS POR MARIFÉ SANTIAGO

TEXTOS DE ESCRITORAS GALEGAS

Palabra de escritoras!

A escrita en todos os tempos ten nome de muller aínda que moitas veces eses nomes femininos teñan sido esquecidos ou só citados nunha nota ao pé de páxina nas historias da literatura tradicionais. Nos últimos anos distintas iniciativas están a dar visibilidade á labor das mulleres que empuñaron a pluma, das moitas “sin sombrero” que permaneceron silenciadas... xa que as palabras escritas duran no tempo, aproveitamos unha nova edición do Día das Escritoras para dar a palabra a 18 delas. Entra na seguinte presentación interactiva se queres coñecer máis e mellor a vida e obra destas autoras pioneiras.

Xeografías de Escritoras

O luns, 19 de outubro deste desacougante 2020, celebramos unha nova edición do Día das Escritoras. Con tal motivo aproveitamos para percorrer, mapa en man, vinte e unha xeografías de escritoras.

Porque a escritura en feminino atravesa todas as fronteiras, cingue todos os mares, abrangue todos os continentes e pertence a todas as épocas, precisamos facela visible; necesitamos poñer letra, voz e cara a tantas plumas femininas que viven no esquecemento ou sofren ostracismo.

Preme nos puntos sinalados nos mapas e poderás coñecer biografías, textos, artigos, entrevistas, vídeos... de e sobre distintas autoras, acabarás recoñecendo que escritura é un substantivo de xénero feminino e de número plural.

 

Escritoras que falan do Amor

Tal como estaba previsto, entre as 16.30 e as 18 horas celebramos o día das Escritoras contando coa presenza das autoras de Ám@me.
Chis Oliveira, antiga alumna do noso IES, e Amada Traba fixeron unha primeira intervención para presentar a súa obra e incidir nalgúns dos aspectos tratados nela, logo chegou a rolda das  preguntas.
Dun xeito moi divulgativo reflexionamos sobre como aprender o concepto do amor e desaprender as ideas que sobre o mesmo herdamos como resultado dunha educación chea de prexuízos patriarcais e machistas e de mitos románticos, sobre o impacto da pornografía na educación sexual das novas xeracións ou como podemos modificar condutas para rexeitar o “mal amor” e vivir no “ben amar”, un amar que respecta a igualdade, a felicidade e dignidade de todo ser humano, buscando un enriquecemento recíproco; tampouco faltaron referencias aos “Comandos Igualdade” formados por mozos de distintas idades, identidades, orientacións sexuais e traxectorias vitais que seguindo a metodoloxía da aprendizaxe compartida inter pares falan de estereotipos, machismo, sexualidade ou diversidade.
Ao rematar aproveitamos para inaugurar o noso particular espazo “Arco da Vella”: un recanto acondicionado para a lectura, a consulta, o diálogo que poida ser o xermolo dun “Comando Igualdade” porque podemos ser todos máis o menos diferentes pero estamos moi unidos e comprometidos na consecución dunha sociedade máis equitativa e xusta tanto na órbita do público como do privado.

Día das Escritoras

Dende o 2016 o luns máis próximo ao 15 de outubro, festividade de Teresa de Jesús, celébrase o Día das Escritoras para reivindicar o labor e legado das escritoras ao longo de historia, lembrar as dificultades ás que se enfrontaron e destacar o valor das súas obras.


No ano actual o tema proposto para esta celebración é o amor, considerado desde a perspectiva das mulleres. “Un territorio amplo, complexo e contraditorio, labiríntico, atravesado por luces e sombras, grandes paixóns, pero tamén desdichas”,  en palabras de Clara Sanchis, actriz e música, comisaria da actual convocatoria. Na selección de textos para a súa lectura polos que Sanchis decidiu apostar, ofrécese un percorrido en torno ao significado que deron as escritoras de todos os tempos a este poderoso sentimento que unha óptica contemporánea da creación literaria non podía deixar de revisar. A que chamamos amor? Existe palabra máis subxectiva, polisémica e suxestiva? Cal é a súa relación coa liberdade? As autoras trataron moito o tema do amor. Expresaron as súas moitas luces, pero tamén as súas sombras.
Entre as autoras escollidas están as galegas Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e Maruxa Orxales, os seus textos e os das restantes escritoras podes lelos premendo aquí.


Tamén nesta mesma data celébrase a Editatona do Día das Escritoras, unha xornada de edición en Wikipedia para mellorar os contidos sobre escritoras. Esta actividade busca visibilizar o legado literario de autoras hispanas e hispanoamericanas a través da edición, creación e mellora de artigos na enciclopedia libre desde unha perspectiva de xénero.


No noso centro contaremos, neste día, coa presenza de Chis Oliveira e Amada Traba que nos falarán e coas que falaremos da súa obra Ám@me: quen mellor ca elas para falar sobre o amor e o sexo no século XXI?

Distribuir contido


by Dr. Radut