Skip to Content

24_outubro

Textos sobre bibliotecas

Unha ducia de textos sobre bibliotecas:

Data: 
Mar, 22/10/2024 - 15:14

Día da Biblioteca (Escolar tamén)

O 24 de outubro é tamén a xornada conmemorativa das bibliotecas escolares.

O pregón deste ano foi redactado polo escritor Patxi Zubizarreta e a ilustradora Laia Giménez Buenaventura (Premio Lazarillo 2024 na modalidade de álbum ilustrado) realizou o cartel.

A continuación reproducimos ambos os dous:

Estreamos biblioteca!

     Sempre pensei que tivera unha infancia sen biblioteca, aínda que, pensándoo mellor, quizais vivía rodeado delas: cada fósil que atopabamos na montaña falábanos de tempos afastados, de peixes que nadaran por onde eu camiñaba; as pedras raras que identificaba con restos de meteoritos transportábanme a galaxias remotas; os esqueletos das covas lembrábanme aos osos que hibernaron nelas; ata os aneis das árbores eran verdadeiras bibliotecas, testemuñas de secas e doutros fenómenos extremos. Pero especialmente gustábanme os contos, as lendas ou as cancións que escoitaba ás miñas avoas e avós: a través das súas emocións, das súas penas e alegrías transmitíannos toda unha sabedoría oral. Talvez por iso dise que cando morre unha persoa maior péchase unha biblioteca.
    Sempre pensei que no meu pobo natal (Ordizia, Guipúscoa) non tivera biblioteca, mais  equivocábame: crecín rodeado de fósiles, supostos restos de meteoritos, esqueletos, aneis arbóreos e, sobre todo, do eco e das voces dos nosos devanceiros, toda unha enciclopedia de humanidade e de natureza. Logo chegaron os libros, cada un como unha xanela e un resumo do mundo, como unha biblioteca xibarizada.
    Se un libro é un xardín que levamos no peto, as bibliotecas convertéronse nos meus oasis particulares, nelas atopei o meu hábitat natural. Agora son consciente de que a miña vida estivo moi ligada a elas; de feito, case a diario refúxiome na Casa de Cultura Ignacio Aldecoa de Vitoria-Gasteiz e, a miúdo, as bibliotecas escolares son o marco dos nosos encontros literarios. Aínda que tamén teño que recoñecer que me deron algún que outro desgusto, como cando me comunicaron que se queimou a escola de Oronoz-Mugairi, ao norte de Navarra. Desde alí fixeron un chamamento para doar libros e, entre todos, reconstruír a súa biblioteca calcinada. Enviei encantado uns cantos exemplares, pero outra petición veu sumarse ao meu pequeno consolo: «Escribiríasnos un conto?», suxeríronme os escolares.
    En realidade, estaba a descubrir outra particularidade da escola porque, cada curso, as nenas e os nenos do centro redactaban un conto —para os máis pequenos escribir é sinónimo de debuxar—, e logo encadernábano cun papel dun gramaxe especial, nunha edición tan imperfecta como única. Na pequena escola todos os anos creaban un libro que logo levaban por quendas á casa para mostralo orgullosos ás súas familias. Esa obra singular máis adiante formaba parte da súa propia biblioteca escolar, un lugar de encontro e de participación dirixido por bibliotecarias intrépidas, dotadas dun espírito e un entusiasmo que comparto e reivindico. De maneira que aquel curso tamén resultou memorable porque, baseado no breve texto que lles enviei —Marabara, maraberi—, o álbum tivo unha tirada maior que consistíu en dous exemplares: un, como de costume, está dispoñible na biblioteca e o outro…, o outro o atesouro eu.
    Aínda que é certo que cada libro garda dentro unha biblioteca, tamén as escolas actuais son un pequeno compendio do mundo, repleto de fósiles, meteoritos, esqueletos, bosques, e cada vez de máis ecos e de máis voces. Sen ir máis lonxe, na escola Urdaneta do meu pobo natal hoxe en día cóntanse máis de vinte orixes entre as familias do alumnado e, ademais do éuscaro e do castelán, escóitanse máis dunha trintena de idiomas: árabe, chinés, edo, romanés, urdu… Tamén desde alí propuxéronme escribir un conto: Munduketariak —algo así como Mundonautas, como os mosqueteiros do mundo…
    Gozo cando viaxo sen saír das bibliotecas escolares, cando Aitor, Areesha, Harmony, Lucía, Ping-Ping ou Sekou me contan as súas vidas e os seus soños. Afortunadamente, a eles non lles falta a biblioteca e, ademais, cada vez que unha nena nova, cada vez que un neno novo vén a unha escola, estreamos biblioteca!

Patxi Zubizarreta

Créditos: https://www.amigosdellibro.com/actividades

 

Feliz día da Biblioteca Escolar!

Data: 
Mar, 22/10/2024 - 16:35

Cando as bibliotecas son oasis de cultura e paz no medio do cruento deserto bélico

A celebración do Día das Bibliotecas é un bo momento para lembrar o papel que estas institucións desenvolven incluso nas máis adversas circunstancias que a tolemia bélica pode provocar.

E para mostra este vídeo que recolle a realidade das bibliotecas da castigada Gaza.

Non nos esquezamos de Gaza no día das bibliotecas!

+Bibliotecas -Guerras!

Data: 
Sáb, 19/10/2024 - 12:29

"Por un futuro sostible": lema para o Día das Bibliotecas 2024

     O lema deste ano, "Por un futuro sostible", pretende destacar o papel fundamental que desempeñamos todas as bibliotecas na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
    A través das nosas coleccións, servizos e actividades con usuarios, as bibliotecas contribuímos a construír unha sociedade cada vez mellor informada, máis igualitaria, solidaria e xusta, plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras.
    Máis aló dos ODS relacionados coa Cultura e o Coñecemento aos que claramente contribuímos as bibliotecas, tamén fomentamos: a educación de calidade, a igualdade de xénero, a consolidación de institucións máis democráticas, a difusión de información veraz, a redución da pobreza, o coidado do medio ambiente…
    No relacionado con esta perspectiva ambiental, cada vez máis as bibliotecas estamos a adoptar prácticas sostibles para reducir a nosa pegada ecolóxica, como a implementación de edificios enerxeticamente eficientes e programas de reciclaxe. Ademais, educamos ás nosas comunidades de usuarios na importancia do coidado do medio ambiente a través de numerosos obradoiros, conferencias e recursos educativos. Este traballo apoia as iniciativas europeas e nacionais para unha economía máis verde e sostible, como o Pacto Verde Europeo e a Estratexia Española de Economía Circular.
    Como institucións democráticas, as bibliotecas somos espazos accesibles abertos á participación da cidadanía, que busca nelas un lugar de encontro, de intercambio de opinións e coñecemento, de posta en marcha de novas ideas e proxectos, sendo especialmente relevantes en zonas rurais e/ou pouco poboadas.
    Igualmente, as bibliotecas contribuímos á redución da fenda dixital, proporcionando acceso ás novas tecnoloxías e formación en competencias dixitais para persoas de todas as idades e contextos, en liña coa Estratexia España Dixital 2026 e os obxectivos da Década Dixital de Europa.

(da presentación oficial deste Día: https://www.cultura.gob.es/cultura/areas/bibliotecas/mc/dia-bibliotecas-2024/presentacion.html)

Data: 
Sáb, 19/10/2024 - 07:21

Que din das bibliotecas? (Palabras de biblioteca)

Preme sobre os nomes e accede a distintos textos que falan sobre as bibliotecas:

Data: 
Sáb, 21/10/2023 - 15:07

"Tecendo comunidades": o lema da presente edición do Día das Bibliotecas

    O lema deste ano para o Día das Bibliotecas, "Tecendo Comunidades", pretende destacar o papel fundamental que desempeñamos as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. As bibliotecas somos centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns.
    As bibliotecas non somos só lugares cheos de libros: somos corazóns palpitantes dentro das nosas comunidades, somos espazos de encontro e diálogo. O Día das Bibliotecas pon en valor o traballo que realizamos todas as bibliotecas españolas, de todas as tipoloxías (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais), para conectar aos nosos usuarios, crear redes de apoio e colaboración, fomentar a participación e o diálogo cidadán, facer accesible a cultura e o coñecemento a toda a poboación, independentemente da súa idade, xénero, raza ou lugar de residencia.
    Imaxinamos as bibliotecas como uns teares onde se ganduxan relacións e coñecementos, onde se anuda o sentido de pertenza. "Tecendo Comunidades" salienta esta importante función social das bibliotecas, que dan forma á nosa comprensión colectiva, facilitan o intercambio de ideas diferentes e proporcionan un espazo seguro para o crecemento persoal e colectivo. Cada visita, cada lectura, cada conversación, achega o seu fío único a este tecido comunitario. A través destes intercambios e conexións, as nosas diferenzas e similitudes únense, mostrando a diversidade e riqueza das nosas comunidades.

(da presentación oficial deste Día: https://www.culturaydeporte.gob.es/cultura/areas/bibliotecas/mc/dia-bibliotecas-2023/presentacion.html

Data: 
Sáb, 21/10/2023 - 12:44

A Biblio cóidate!: lema para esta edición do Día das Bibliotecas

BibliocoidaTE

O lema deste ano para o Día das Bibliotecas  “BibliocoidaTE”, destaca o papel das bibliotecas  como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos,  se preocupan por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e son un piar fundamental ao servizo das comunidades ás que pertencen.

Son moitas as vías coas que as bibliotecas atenden e coidan aos cidadáns. A promoción da lectura é a primeira delas: as bibliotecas son espazos para a lectura. Unha lectura que acompaña, que entretén e que enriquece. Unha lectura que cura: a lectura ten un impacto directo tanto no desenvolvemento e mantemento das capacidades cognitivas como no benestar e a saúde mental.

As bibliotecas son un apoio no coidado de todas as persoas, por iso fixeron súa a idea da Axenda 2030 de non deixar a ninguén atrás. Para coidar ás persoas, desde as bibliotecas prográmanse actividades especiais de apoio á comunidade, creación colectiva, acción cultural, servizos a colectivos especiais, atención á diversidade ou acollida a refuxiados, entre moitas outras.

As bibliotecas tamén ofertan coidados en espazos como hospitais ou cadeas. As actividades de biblioterapia axudan a mellorar a saúde das persoas que participan nelas.

No medio rural, os bibliobuses achegan a cultura aos seus habitantes e as bibliotecas son un núcleo a partir do que as comunidades rurais se  fortalecen e crean arraigamento, coidando por tanto esas poboacións.

Ademais, as bibliotecas coidan tanto o acceso á información como a súa veracidade, desempeñando un papel fronte aos bulos e a desinformación. Por iso son un apoio necesario para a formación, a aprendizaxe e a investigación. Tamén son unha axuda imprescindible para profesores, estudantes e investigadores, asistindo á comunidade educativa e contribuíndo ao fomento da investigación científica.

Por último, as bibliotecas coidan e protexen o noso patrimonio documental para que poidamos legalo ás xeracións futuras.

(da presentación oficial deste Día: https://www.culturaydeporte.gob.es/cultura/areas/bibliotecas/mc/dia-bibliotecas-2022/presentacion.html)

Escribir a biblioteca

Preme nas lupas e atoparás textos sobre bibliotecas:

Citas de biblioteca

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O Equipo da BIBLIOSANPAIO quere conmemorar este Día das Bibliotecas Escolares e agradecer a toda a Comunidade Educativa polo seu apoio e participación nas nosas propostas, especialmente ao equipo de alumnado voluntario que cada día aporta o seu traballo, sorrisos e marabillosa compañía que tanta falta nos fai e ao resto dos rapaces e rapazas que conquistan este espazo tan máxico e que tanto disfrutamos xuntxs.

PARABÉNS!!!! 

Distribuir contido


by Dr. Radut