Estamos en festas. Ler para nós tamén é unha festa. Que mellores datas que estas para celebrar a lectura! Por iso este venres, 22 de abril, véspera do Día do Libro, recuperamos a presencialidade do Tui Le, na súa XIII edición.
Case medio milleiro de escolares pertencentes aos CEIPs nº 1, nº 2, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, Randufe e Rebordáns, ao CRA “Mestra Clara Torres”, ao Colexio Santa María-Maristas, ao Seminario Menor “San Paio” e ao noso IES participarán, repartidos en dúas quendas (a primeira ás 10,30 e a segunda ás 12,00) nas actividades desta xornada patrocinada pola Biblioteca Pública Municipal xunto coas bibliotecas escolares da inmensa maioría dos centros educativos tudenses e financiada polo Concello.
Baixo o lema “Letras en feminino/Letras de muller” cada centro presentará un póster centrado nunha autora ou ilustradora galega ou vencellada á literatura galega (María Canosa, Paula Carballeira, Fina Casalderrey, Rosalía de Castro, María do Cebreiro, Ledicia Costas, Exeria, Iria Misa, Mª Victoria Moreno, Marisa Núñez, Belén Padrón e Anais Rodríguez) e achegará datos básicos da súa vida e obra.
Haberá, con carácter voluntario, un intercambio de libros usados entre o alumnado dos distintos centros.
Contaremos tamén co compositor, guitarrista, cantante e actor Xoán Curiel que ofrecerá o seu espectáculo “Cantando as nosas letras”, no que fai un achegamento musical a Xela Arias, Antonio Fraguas, Carvalho Calero ou Delgado Gurriarán, entre outros autores.
Daremos así remate a esta iniciativa de cooperación bibliotecaria, que nos dous últimos anos adoptou un formato virtual por mor da pandemia e que xa é un clásico no calendario da nosa primavera cultural, do abril dos libros ao maio das letras.