Xuño 2024
Baixo até o río
e no fondo da súa transparencia
miro os cantos dispostos
en azaroso orde apenas removidos
e convocados polo íntimo fulgor
da corrente.
Aparentemente inconexas as brunidas pedras
viven
a súa existencia profunda
cada unha
abrigando un peixe ou unha ausencia.
E pregúntome
se haberá alguén capaz de distinguilas
a todas pola verdade do seu nome:
Poderiamos entón descifrar
que di a auga,
que di o tempo.
Eva VEIGA (Pontedeume, 1961) in A luz e as súas cicatrices, Sociedad de Cultura Valle-Inclán, Ferrol, 2006, 106 pp.
Data:
Sáb, 01/06/2024 - 17:19