Skip to Content

Abril 2022

Abril rompe amodiño polos cómaros,
unha preguiza nova vén  no vento:
¡Ai meu amor! ¿Por onde o val florido
sen a melancolía dos teus ollos?

O sulco medra, medra esguiamente.
Vou sementando amor con edras tenras
para cinguir a luz, o vidro limpo
do lume desbordado no teu labio.

Este río que nace, esta mapoula,
¿qué transparente forza lle deu brío
para aniñar na túa fermosura,
no mármore levián de fresco lume?

Sinto brosmos os dedos, o aloumiño
tería de ser fráxil, rula morna
que a túa voz máis leve engaiolase...

Avilés de Taramancos  (Noia,  1935 - A Coruña, 1992)  in "Poemas a Fina Barrios. Pequeno Canto"
AVILES DE TARAMANCOS, Antón, Obra poética completa, Espiral Maior, A Coruña, 2003, páx.51



page | by Dr. Radut