Skip to Content

Febreiro 2022

A Candeloria

Na catedral do abrente

hoxe casan os paxaros,

con nubes de neve e ouro

está o ceo engalanado.

 

Ficou o día ancorado

na ría donda do ceo.

Os roibéns soben no lonxe

como rosarios de incienso.

 

O xantar do casamento,

roibo, na palma da man

das eiras madrugadoras

xa está arranxado no val.

 

Vai tocando polo campo

a súa zanfona o rego

e canta o vento nas farpas

sonorosas dos piñeiros.

 

O campo as montañas ruzas

envolve en capa pluvial

co hisopo do sol mollado

dálles a beizón nupcial.

 

Do casebre nugallán

soben os vivas dos galos

e na festa desta noite

estrea un luar o campo.

(Luís Amado Carballo, Pontevedra  1901-1927 in Proel-1927)



page | by Dr. Radut