Skip to Content

Actuación de Xosé Manuel Budiño

 

 Para ver máis imaxes vai á nosa Galería

Natural de Moaña, Budiño, a comezos dos anos 80, asistiu á Escola de gaitas “Semente Nova” do seu pobo. Formou parte da Banda de Gaitas “Xarabal” da Universidade Popular de Vigo, baixo a dirección do mestre e artesán D. Antón Corral. No ano 1991 funda o grupo “Fol de Niu”. Colabora con bandas como Altan (de Irlanda), Capercaille (Escocia), Oskorri (Euskadi), ou con artistas como Jacky Molard, Kepa Junquera, Julio Pereira, Mercedes Peón, entre outros.

Actuou en distintos escenarios de todo o mundo, destacando o concerto celebrado na Cidade de México, no Festival Internacional Ollin Khan, ante 50000 persoas; a xira polo Oriente Medio, actuando como representante da música galega na Semana Cultural de Galicia en Damasco, no Palacio da UNESCU en Beirut, no Líbano; tamén destacar o festival Internacional de Lusofonía cantos da Maré, onde actuou xunto a músicos de Guinea Bissau, Brasil, Cabo Verde e Portugal.

Ten no seu haber 4 discos: “Paralaia” (1998), “Arredor” (2000), “Zume de terra” (2004), polo que foi premiado como mellor disco galego do ano e “Home” (2007), tamén galardoado como mellor disco galego do ano. Nos seus concertos, ademais dos instrumentos tradicionais galegos emprega outros coma gaitas irlandesas, gaitas búlgaras, bouzuki, guitarra eléctrica, guitarra española, percusións tan variadas coma congas, darboukas, djembés, entre outros. 

 Falar da música de Budiño, é falar dunha aposta valente e innovadora, ao facer música galega profundando noutros estilos. No seu repertorio, moitos dos temas son inéditos, e neles, detrás dun son actual, con ritmos e harmonías rompedoras, nunca desaparece ese sabor tradicional que nos conecta coa esencia da música galega. E precisamente, é esa singularidade a que distingue a Budiño doutros músicos galegos. Por iso, como di un dos títulos dos seus discos, a música de Budiño é zume de terra, da terra de onte, de hoxe e de sempre. Dicía o Mestre Castelao, nunha gravación inédita que Budiño incluíu no tema “Nós” do disco “Zume de terra”:

“As obras de arte voan coma os paxaros por riba das fronteiras”

 



page | by Dr. Radut