Skip to Content

A peste Cipriana

A PESTE DE CARTAGO OU CIPRIANA

A mediados do século III p. C. iniciouse en Etiopía unha peste que pasou a Exipto (só na cidade de Alexandría calcúlase que pereceu un 60% da poboación) e  acabou estendéndose por amplas zonas do imperio Romano (en Roma a mortaldade diaria chegaba as cinco ou seis mil persoas).

Esta peste, que durou uns vinte anos, é coñecida como “de Cartago” ou  “de Cibrán” porque sabemos dela e da súa afección no norte de África grazas aos escritos do bispo de Cartago Cibrán e do seu biógrafo Poncio quen, na súa Vita Cypriani  infórmanos:

... houbo un brote dunha horrorosa peste, e  a excesiva destrución dunha odiosa enfermidade invadiu cada casa, unha tras outra, do medorento pobo, seguindo adiante día tras día cun ataque repentino a persoas innumerables, cada un da súa propia casa. Todos tremían, fuxían, evitando o contaxio, expoñendo de xeito impío aos seus propios amigos, coma se coa exclusión da persoa que  ía a morrer de todos os xeitos da peste, puidese librarse un mesmo da morte. Alí xaceron por toda a cidade o que xa non eran corpos senón os cadáveres de moitos, e, pola contemplación dun destino que podería á súa vez ser o propio, esixía a piedade de quen pasaba, piedade por eles mesmos. Ninguén consideraba máis nada que as súas crueis ganancias...

O medo ao contaxio provocaba o abandono das vítimas. Dise que en Alexandría apareceu un pequeno número de mozos cristiáns, os chamados parabolanos, que asistían aos doentes, transportábanos, acompañaban aos moribundos e enterraban os defuntos. Có tempo pasarían a ser un grupo violento que derribaría o templo de Serapis (392 d. C) ou incitarían ás masas para asasinar á célebre Hipatia pero esa e outra historia.

Volvendo á peste da que hoxe estamos a falar, o propio Cibrán, ante tan alarmante situación e ante o ataque dos ladróns polo abandono de casas, almacéns e obradoiros, viuse obrigado a organizar a comunidade.

Thomas Cole, The Course of Empire: Destruction (1836), Historical Society New York

O mesmo bispo no seu tratado De mortalitate presenta a sintomatoloxía da pandemia:

... as entrañas, relaxadas nun fluxo constante, descargan ao corpo da súa forza; ...un lume que se orixina nos  fermentos da medula [febre] provoca feridas bucais e anxina dolorosa; que os intestinos estean sacudidos cun vómito continuo; que os ollos estean a arder inxectados de sangue; que nalgúns casos os pés ou algunhas partes dos membros gangrénense polo contaxio dunha enfermiza  putrefacción; que desa debilidade que xorde pola  mutilación e a perda do corpo, ben a mobilidade debilítase, ou se  obstrúe o oído, ou se escurece a visión...

As consecuencias da peste na sociedade romana foron catastróficas: o exército imperial perdeu un importante número de soldados, os tránsitos comerciais e a economía en xeral resentiuse gravemente, o imperio entraba nunha vía de decadencia e desintegración.

Os cristiáns, nalgúns momentos vítimas expiatorias das pestes, víronse moi aumentados en número ao converterse en masa miles de cidadáns persuadidos polos predicadores que culpaban do andazo á degradación moral provocada polos costumes romanos.

FONTES:

http://users.drew.edu/ddoughty/Christianorigins/persecutions/cyprian.html

https://www.ccel.org/ccel/schaff/anf05.iv.v.vii.html

https://www.newadvent.org/cathen/11467a.htm

http://revistas.uned.es/index.php/ETFII/article/viewFile/13738/12424



page | by Dr. Radut