Skip to Content

Homero e a peste

Tras a cidade de Troia escóndese todo o noso mundo. O sol, o coñecemento, a beleza e a dor de ser humanos. Nos heroes gregos aprendemos o valor da vida, a tenrura, a compaixón. Cada un deles albergaba o medo, como nós gardámolo. A peste que os rodeaba é o mesmo virus que nos confina na casa estes días. Ambos compartimos a esperanza dun mundo mellor tras as murallas de Troia.
José María Pérez-Muelas Alcázar
    https://www.laopiniondemurcia.es/cultura-sociedad/2020/03/16/iliada-homero-peste-aquiles/1099703.html

  Un dos primeiros poemas épicos comeza dun xeito pouco épico:  o exército acampado fronte a Troia está sendo arrasado pola peste, miles de guerreiros confinados esperan pacientemente que un deus se  apiade deles.  Despois de dez anos de asedio a Troia, os asediadores están sendo asediados pola enfermidade.

O primeiro canto da Ilíada, una das obras primixenias da literatura grega, fala da xenreira de Aquiles e do andazo que os gregos están a sufrir diante das murallas da asediada Troia.


E xa que estamos en tempos de pandemia, imos lembrar este andazo a medio camiño entre a realidade histórica da guerra troiana e a fantasía literaria homérica.

É Apolo, fillo de Leto e de Zeus, o que irritado contra Agamenón, xefe da expedición grega, provoca o maligno andazo e a conseguinte mortalidade  entre os guerreiros aqueos. A vinganza do deus débese a que o seu sacerdote Crises foi ultraxado por Agamenón en cuxo poder está Criseida, a filla do sacerdote apolíneo. O pai, cos atributos sacerdotais, achégase, suplicante, ao campamento aqueo para rescatar a súa filla:

Atridas e demais aqueos de fermosas grebas,
a vós os deuses que habitan as moradas olímpicas vos concedan
arrasardes a cidade de Príamo e felizmente voltardes ás vosas casas
mais a min liberádeme a querida filla e recibide o rescate,
reverenciando ao fillo de Zeus, o frechador Apolo. (Il. I, 17-21)

Todos están dispostos a  atender ao suplicante sacerdote agás Agamenón que o despacha de malas maneiras:

Que non te atope eu, vello, ao pé das cóncavas naves,
nin hoxe deténdote nin despois volvendo de novo,
non sexa que para nada che sirvan o cetro e as ínfulas do deus;
eu non a soltarei [a Criseida], antes lle chegará a vellez
no noso fogar, en Argos, lonxe da súa patria,
manexando o meu tear e o meu leito compartindo;
mais vaite! Non me enfades máis se queres volver san e salvo. (ib. 26-32)

Stanisław Wyspiański, Apolo disparando frechas infectadas coa peste no campamento grego

Crises marcha mais pídelle a Apolo:

que paguen os dánaos as miñas bágoas coas túas frechas (ib. 42)

O deus non fai oídos xordos á petición do seu sacerdote e:

[Apolo] sentouse logo preto das naves e en seguida a súa frecha disparou,
un terrible estalido saíu dos arxénteo arco:
de primeiro atacaba aos machos e aos cans lixeiros,
mais, despois, contra eles mesmos, a frecha aguda lanzando,
disparaba; e sen interrupción, numerosas  piras de cadáveres ardían. (ib. 48-52)

Despois de soportar esta situación durante nove días, ao décimo Aquiles convoca unha asemblea para que un adiviño aclare o motivo do enfado de Apolo e se o deus, mediante un sacrificio propiciatorio, estaría en disposición de apartar o andazo do exército grego.

Calcante, o adiviño, coa protección de Aquiles, anuncia o motivo da xenreira do deus: a ofensa que Agamenón infrinxiu a Crises ao non devolverlle  á filla:

por iso dores nos deu o frechador  e aínda máis nos dará,
nin el antes  apartará  dos dánaos o vergoñoso azoute
antes de que ao seu pai se devolva a filla de ollos vivos,
sen prezo, sen pago de rescate e fagamos unha sagrada hecatombe
en Crisa; entón talvez, aplacándoo, poderiamos convencelo. (ib. 96-100)

Agamenón, moi ao seu pesar, acepta porque:

eu quero que a tropa estea san e salva e non que pereza. (ib. 117)

pero buscará resarcimento colléndolle a Aquiles a súa escrava Briseida o que vai provocar a xenreira deste e a retirada da súa participación activa na guerra.

Será Odiseo o encargado de devolver a Criseida e ofrecer, en nome dos demais gregos, unha hecatombe a Apolo.

O pai sacerdote acolle a súa filla e prega ao deus:

agora aparta xa dos dánaos o ignominioso azoute.  (ib. 456)

Así rematou para os gregos aquela peste, antecedente homérico mutatis mutandis da actual pandemia do COVID-19.

CRÉDITOS:
http://www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Perseus:text:1999.01.0133

https://museodiocesano.es/2011/01/27/san-sebastian-en-el-museo/stanislaw-wyspianski-apolo-disparando-flechas-infectadas-con-la-peste-en-el-campamento-griego/



page | by Dr. Radut