Skip to Content

Rota do Sr. Afranio

Na prensa:

"Aínda que na guerra e postguerra houbo moitos actos de heroísmo, moitas historias insólitas de persoas que fuxiron da morte e do fascismo, a aventura de Afranio de Amaral chama a atención pola importancia do personaxe (Alonso Ríos era naquela altura deputado nas Cortes) e por estar documentada a través dun libro e dunha testemuña gráfica, a fotografía que Afranio fixo para obter o seu pasaporte portugués e poder fuxir a América. A noite do 18 de xullo Antón Alonso Ríos comezou a organizar a resistencia popular en Tui ao golpe de estado. Despois dalgúns combates, foxe da vila e tras vagar varios días por distintos lugares, danlle acollida, xunto a Guillermo Vicente (alcalde de Tui), nunha casa en Tarroña, onde permanece agochado dende o até o 11 de agosto. Ofrecían 50.000 pesetas a quen o capturase, así que Alonso Ríos decide facerse por esmoleiro. Para non ter problemas por non ter documentación fíxose pasar por portugués, autobautizándose como Afranio de Amaral, nome dun naturalista brasileiro, e inventándose toda unha biografía. Traballa durante dous anos en varias casas, na Guarda e en Forcarei, até que despois de varios intentos logra fuxir a Portugal, de onde pasa a Casablanca e de aí a Bos Aires, onde é recibido como un heroe." (Marcos S. Pérez, Vieiros, Xuño 2008)

Antón Alonso Ríos foi un dos persoeiros máis significativos da historia recente do Baixo Miño en particular e da Galiza en xeral. Mestre en Tomiño, Deputado en Madrid, viuse obrigado e fuxir unha vez que as tropas franquistas ocuparon Tui. A súa fuxida foi unha odisea na que non faltarían a fame, as intrigas e a miseria. O deputado pasou a ser un pobre de pedir para salvar a vida. E como tal, viviu en cortellos e alboios, fincas de millo, e ao ar libre, até que logrou entrar en Portugal e de alí fuxir para América, onde foi figura chave no mentemento da identidade galega no exilio. As súas peripecias están contadas no seu libro “O siñor Afranio”. Non podemos permitirnos o esquecementos destas figuras referentes na dignificación da Terra. Por iso o ENDL organizou, co apoio do Departamento de Historia, unha actividade de recuperación da memoria histórica consistente nun percurso pola ruta de fuxida do Sr. Afranio na Comarca do Baixo Miño. Previamente á saída fixo-se unha sesión de preparación e documentación dos alunos e alunas de 4º da ESO,a través de leituras e explicacións por parte do profesorado do Departamento de História do Centro. Os nosos obxectivos eran: 1.Reivindicar a figura dun defensor da identidade de Galiza e da súa lingua en circunstancias difíciles de represión e falta de liberdade. 2.Valorar o significado do compromiso coa causa das liberdades e a dignidade das persoas e do noso patrimonio inmaterial. 3.Identificar e valorar o contorno natural máis próximo (Monte Aloia e serra da Grova) e compartir a experiencia dunha saída didáctica á natureza. Un dos obxectivos secundários é a visita aos petroglifos do monte Tetón, que fica na rota de fuxida de Alonso Rios. Se queres ver algunha foto da actividade podes premer aquí.



page | by Dr. Radut