Exposición de xoguetes populares
Por que está exposición?
Afirmaba o poeta:”Calquera tempo pasado foi mellor...” Non ten porque ser así dende logo, malia que cos anos irnos perdendo, evidentemente, capacidade de resistencia física ou o noso corpo vai gañando en engurras por toda a súa superficie. En fin, o ineludible paso do tempo non ten retorno por moitas voltas que lle queiramos dar. Só a nosa mente, o noso poder de adaptación á nove realidade vital serán as claves para enfrontar con relativo éxito e optimismo esa carreira sen volta que nos leve ata a fin do noso periplo polo mundo dos vivos.
Se cadra, este traballo, que culminou nesta exposición, teña abondos adobíos de volta atrás, sen necesidade de recuperación dese “tempo pasado’, desa infancia, xa afastada, na que nos sobraba imaxinación e faltaban moitos outros recursos, ás veces imprescindibles, para conseguir unha harmónica adolescencia e posterior xuventude. É, xa que logo, nostalxia en estado puro, mais ao mesmo tempo unha sorte de homenaxe a aqueles enredos xoguetes ou argalladas que tanto nos fixeron rir, chorar de emoción, suar de cansazo, soñar co día seguinte, ser solidarios cos demais, compartir momentos de ledicia ou evadirnos dunha, demasiadas veces, triste e azarosa realidade. Por todo isto ben paga a pena facer un labor así.
A presente mostra consta, aproximadamente, dunhas duascentas cincuenta pezas, organizadas seguindo un criterio estacional, é dicir, segundo a clase de xoguetes que era máis común realizar en función do material que a natureza nos propuña en cada época do ano, aínda que se podían empregar outros criterios organizativos, como os de funcionalidade ou material en que están realizados. Desexamos que con este acercamento ao noso pasado nos fagamos máis solidarios e solidarias e saibamos transmitirlles aos nasos nenos e nenas unha mensaxe de respecto á natureza que nos rodea, que tanto nos dá e que só nos pide que non a maltratemos e desprecemos, antepoñendo os intereses económicos sobre calquera outro.
A exposición
Case se pode afirmar, con total seguridade, que o xogo e o xoguete son tan ontigos coma a vida. E máis, son a vida mesma, un reflexo real de “quen xoqa está máis vivo”.
A realización de enredos por parte do neno ou de familiares para o seu divertimento é unha tradición que vén de sempre. Unha maneira de ir incorporando, paseniñamente, o pasado no presente de cada xeración. Un elo máis desa codea de transmisión da cultura dun pobo, da humanidade.
A presente exposición recolle unha mostra de xoguetes populares e tradicionais, orixinais e reproducións, froito dunha labor de investigación realizada durante anos pola xeografía galega, ben a través do trabollo de campo directo ou da pescuda bibliográfica. De todos eles está contrastada a súa existencia e o seu funcionamento, de o teren, así como a forma de construílos.
A súa clasificación está elaborada en función do momento en que se realizaban tales argalladas ou, cando menos, en que se xogaba. Malia que pode ter algunha variación, a división estacionar sempre é, quizabes, máis acorde co desenvolvemento dos propios xogos e xoguetes e, sobre todo, co xurdimento dos diferentes materiais que cumprían para a súa feitura.
Hai que ter en conta tamén que o xoguete creábase, no meirande parte dos casos, pola similitude e semellonza cos diferentes troballos agrícolas, gandeiros e mariñeiros, principalmente, que realizaban os maiores nese mundo rural predominante. Finalmente, outra das rozóns da devandita clasificación é a relación directa que tiñan estes xoguetes coa natureza que, onde ten a súa máxima expresión é no medio rural e non no urbano. Así atoparemos argalladas feitas de cana, ameneiro, loureiro, sabugueiro, bugallos de carballo, millo, noces, abelás,… materiais estes que xa non se utilizan na fabricación dos xoguetes infantís de hoxe en día.
Na nosa Galeria de imaxes podes ver algunhas fotografías da exposición
Colección de xoguetes de Xosé López