Skip to Content

Maio 2014

O Corazón da Branca de Neve

de

Francisco Castro

Francisco Castro (Vigo, 1966) traballa na actualidade na Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes.

Na biblioteca tamén podes atopar outras obras do autor coma: O ceo dos afogados, Un bosque cheo de faias, Chamádeme Simbad, O segredo de Marco Polo e Spam.

Esta é unha novela policial e de suspense que xira arredor das pescudas do inspector Hermida para atopar unha bebé roubada a unha rapaza inmigrante. Mais é tamén unha novela arredor das bandas criminais que fan negocio cos seres humanos. Polo medio, intriga e tensión narrativa para unha historia que pode estar acontecendo agora mesmo en calquera das nosas cidades. Un reto para un inspector canso e sagaz, ante o caso máis difícil da súa carreira de investigador. Recibiu o Premio de Novela por Entregas 2013 de La Voz de Galicia

     Un móbil pode cuspir odio. E o noxo pode notarse a través dun teléfono se quen fala nos odia e lle damos noxo.

      -Pero por que non acabaches o traballo?, como fuches tan idiota?, como se che deu por deixala alí e deixala viva?, en que carallo estabas pensando?, como se pode ser tan anormal?

   O Branco oe, pero non escoita. Sabía que ía pasar algo así. Ou non, quizais non o sabía. Si, probablemente non o sabía. Só así pode explicarse o susto que levou ao coller o xornal na cafetería de Merchi, dous días despois de deixar a rapaza tirada alí, convencido de que morrería. Víraa sangrar daquela maneira, había algo que lle penduraba entre as pernas (o xornal falara da placenta), e estaba tan pálida, que non tiña dúbidas de que había morrer en pouco tempo.

    -Non pensei que ía pasar iso. Eu estaba seguro de que...

    Non lle deixou rematar a frase. O Branco despegou un chisco o móbil da orella, pois podía escoitar igual os berros do xefe. Chamáballe de todo. O máis suave: imbécil.

   -E que esperabas?, que ela mesma fixese desaparecer o seu propio cadáver?, como se pode ser tan...



page | by Dr. Radut