Skip to Content

Gándara sempre connosco

Onte amencíamos coa  publicación na prensa do pasamento de Xosé Manuel Bernárdez Gándara en Zambia, onde traballaba dende o ano 2000.

Nacido na parroquia de Alxén- Salvaterra de Miño no 1963 estivo vinculado a Tui dende neno, pois cursou parte dos estudos primarios  no Seminario Menor, o bacharelato no IES San Paio e a súa etapa de pastoral no Anxo-Pazos de Reis.

Gándara, sendo neno, tivo un soño: quería ser misioneiro,quería traballar con e por aqueles que non tiñan nada; así que dende que se ordenou sacerdote en 1988 loitou por formarse e prepararse para afrontar ese soño. Despois de estar 10 anos como sacerdote na Parroquia do Sagrado Corazón en Vigo, marchou a Londres onde perfeccionou o inglés e estudou socioloxía. Dende alí deu o salto e a través do IEME (Instituto Español de Misións Estranxeiras) chegou a África, concretamente a Zambia. E alí era feliz. Un home do rural que traballaba no rural, que loitou por conseguir pozos, plantar e obter millo, muíños, becas de formación sobre todo para as mulleres “porque elas poden cambialo todo” dicía; bicicletas para poder desprazarse de un lado a outro e ata un autobús para ir as poboacións mais próximas. Traballaba cos que eran considerados apestados por padecer enfermidades como a lepra, con enfermos da SIDA, e sobre todo cos orfos; nenos que de repente pasan a ser cabezas de familia e teñen que ocuparse dos seus irmáns máis novos; nenos que se converten en homes de repente; sen formación e sen ter tempo para seren nenos.

Todo isto nolo transmitía a través do correo electrónico e,  cada dous anos, cando se achegaba por aquí para estar coa familia e cos amigos. E así tamén nos contaxiaba esa enerxía positiva que transmitía, esa ilusión por cumprir proxectos, por poder axudar a súa xentiña, porque el xa era africano.

No instituto tivemos a sorte de que nos contara as súas experiencias en distintas ocasións. A última foi o pasado mes de abril, cando xa nos avanzaba a súa intención de crear unha nova misión  en Kamakechi. Nunha das súas últimas comunicacións (que adxuntamos) a  misión era xa unha realidade como pode verse na seguinte presentación que nos mandou:

Kamakechi Life

 



E cando máis ilusionado estaba co novo proxecto un inexplicable accidente deixounos orfos da súa presencia pero non do seu espírito que sempre estará connosco.

 

Nos seguintes enlaces recollemos as entrevistas feitas na TVG e na RMT a Xosé Manuel Pereira, amigo e compañeiro de Gándara, falando sobre a súa persoa e labor.  

 

Gándara, sempre na memoria!

 
AdxuntoTamaño
agora Kamakechi.odt20.72 KB


page | by Dr. Radut