Novembro 2013
O home do traxe branco. O accidente
|
|
Primeiro libro dunha saga de ficción, cheo de ilustracións de seres reais e imaxinarios capaces por si mesmas de levarnos a outros espazos e mundos. Verán. Calor. Un terrible incendio forestal en Galicia. Pola noite, uns rapaces descobren unha gran nave. Dela xorden varios buzos escoltando unha estraña criatura anfibia que da a luz a súa cría. Cando parece que todo finalizou, da nave descende un misterioso home con traxe branco, acompañado dun raro animal. Quen é ese home? Só este grupo de rapaces descubrirá de onde ven e cales son as súas intencións. O océano Atlántico, praias, noites de lúa, campos amarelos, verdes fragas, insectos, polbos, peixes, solpores, ríos, alieníxenas, veraneantes, terribles monstros, iropis e homes de negro. A historia dun neno que vive nun planeta aínda verde e azul. O autor, Herikberto Muela Quesada -un personaxe máis da historia- (Ourense, 1958), reside en Madrid onde traballa como deseñador ligado ao mundo do cine e dos reclamos publicitarios e dende neno veranea na Guarda, lugar onde se sitúa a acción desta novela, na que descubriremos lugares e nomes moi coñecidos. |
|
“(...) Foi nese momento cando escoitamos o seu son ás nosas costas. Virámonos e vimos unha bóla metálica do tamaño dunha mazá co obxectivo dunha cámara. -¡Estivéronnos vendo todo este tempo! -exclamou Cheché. -Estás no certo -sentiuse unha voz ao outro lado das rochas. Observamos que se trataba do home do traxe branco. -Dende agora xa non seredes os mesmos -engadiu o home misterioso. De pronto a bóla disparounos dous dardos que se cravaron nos nosos pescozos. Empecei a marearme. Deixeime caer sobre as rochas. Anubróuseme a vista. Porén, puiden ver cómo a enorme nave se elevaba sobre as augas. Volveuse laranxa e, poñéndose de canto, desapareceu no horizonte a unha velocidade vertixinosa. Tamén vin achegarse o home do traxe branco, pero antes de distinguir o seu rostro perdín o sentido.” |
|
SeSeSe queres saber máis, neste enlace o autor fala do libro, le un anaco e tamén podes atopar as primeiras follas en castelán. |