Arqueoloxía en Viladonga e o Lugo romano

 

O alumnado de 2ºESO participou dunha saída didáctica para visitar o castro de Viladonga e Lugo. En primeiro lugar, participaron nun obradoiro de arqueoloxía no que se familiarizaron co entorno dun xacemento arqueolóxico e elaboraron o seu caderno de campo medindo estruturas e lanzando hipóteses a partir dos restos encontrados nelas. A seguir, e guiados polo persoal do Museo do Castro de Viladonga, puxeron en común as súas ideas que non ían nada desencamiñadas. Temos bos e boas investigadoras no grupo!

Despois do xantar, completamos este percurso no Lugo romano para entender que foi alí onde dúas culturas se encontraron e influíron mutuamente. Comprobámolo na sala de exposicións Porta Miñá sobre a construción da cidade e a súa muralla. Despois, na Domus do Océano, baixamos ao rocho dun edificio da zona histórica para observar os alicerces dunha casa patricia inmensa, moi decorada e con calefacción!

 

O alumnado completou unhas tarefas sobre estes contidos e acabamos a xornada camiñando parte da muralla, que é Patrimonio da Humanidade desde 2000 por ser o mellor exemplo de fortificación do final do Imperio romano conservado en Europa.

 

Powered by Drupal - Design by artinet