Eventos
ANDAINA DE CONVIVENCIA
Como vén sendo costume, botámonos a andar ao principio de curso. Nesta Xornada de Convivencia celebrada no último martes de setembro, todos o membros do centro percorremos a pé a costa entre Camelle e a Praia de Soesto. Foi unha boa excusa para coñecer un pouco máis aos nosos compañeiros compartindo conversas neste singular espazo natural. Rematamos a xornada repoñendo forzas cun pic-nic na mesma Praia de Soesto e disfrutando distendidamente do bo tempo todos xuntos.
CARREIRA DE CAMPO A TRAVÉS
Aprazada ata en dúas ocasións por mor do mal tempo, finalmente puidemos celebrar o venres 11 de Xaneiro, a tradicional carreira de Campo a Través no Estadio Municipal de Cee. Esta actividade está organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte dentro do Plan Xogade e congrega ao alumnado de todos os centros escolares de primaria e secundaria da bisbarra.
Desde os máis cativos de primaria ata os maiores de secundaria, resulta moi fermoso ver a tal cantidade de participantes afanándose por cubrir o seu obxectivo grazas ao seu propio esforzo físico.
GYMKANA DO SAMAÍN
Na noitiña do Samaín corremos dabondo….non de medo, pero si para atopar tesouros agochados por todo o instituto. Organizamos unha Gymkana na que cada equipo tiña que atopar respostas, resolver adiviñas e desenvolver retos entre carreira e carreira competindo co resto dos equipos. Foi moi divertido!....
CURSO DE DEFENSA PERSOAL
Como novidade, este ano tivemos a oportunidade de aprender e practicar algunhas das técnicas básicas de defensa persoal co fin de afrontar situacións ameazantes e embarazosas controlando o estrés. Resultou sorprendente comprobar cómo sair airadamente de situacións agobiantes aplicando técnicas sinxelas, con pouco esforzo e moito sentido común.
O curso foi posible grazas á colaboración do Concello de Camariñas. Puidemos contar coa presencia dun técnico experto nestas habilidades ao longo do segundo trimestre durante varias sesións semanais en grupos reducidos.
DANZAS NO FESTIVAL DO ENTROIDO:
Como ven sendo habitual, celebramos a chegada do entroido desenvolvendo actividades cun espíritu festivo, pero cheas de intencionalidade. Tradición, cultura, música, danza, estética, actividade física e diversión son mesturadas na confeción dunha danza colectiva. Coa guía das titorías, cada un dos grupos-clase do centro confecionou unha coreografía grupal para participar no festival do entroido deste ano. O resultado unha vez máis, foi espectacular…e moi divertido.
CONSTRUCIÓN DUN SENDEIRO NO CENTRO
Diseñar o seu trazao, presentalo sobre o terreo, limpar a maleza , achandar o terreo con maquinaria primeiramente e manualmente despois, aplicar unha malla sintética e unha capa de zahorra finalmente foi a secuencia de traballos realizados para poder gozar desta nova instalación.
Esta obra foi posible grazas á colaboración do equipo directivo de centro e do departamento de Xeografía e Historia que promoveu a súa construción dentro das tarefas do Proxecto Terra que levou a cabo durante este curso.
Esta instalación vai permitir desenvolver moitas das actividades habituais da materia de Educación Física e un lugar de ideal para o tempo de lecer.
Foi unha agradable sorpresa contar con tal cantidade de alumnado voluntario colaborando ademáis, de xeito tan entusiasta, nas tarefas de acabado do sendeiro. Carretillas, palas, sachos e angazos foron manexados sin desalento. Mellor que nunca, pódese dicir que “a unión fai a forza!”.
CURSO DE ACTIVIDADES NAÚTICAS
Que afortunados nos sentimos ao poder contar coa posibilidade de desenvolver esta actividade de introdución ás actividades e deportes naúticos. Un ano máis, a Escola de Vela do Concello de Camariñas convidounos a participar nestas actividades para mellorar as habilidades e destrezas do noso alumnado de 1º de ESO no medio acuático. Manexaron embarcacións de vela lixeira (catamarán, omega, raquero, snipe, 420 e optimist) e embarcacións a remo como kayak.
Estas actividades desenvolvéronse en horario lectivo na tarde dos martes durante 5 sesións durante os meses de marzo (días 12 e 26) e abril (días 2,9,23 e 30). Agradecemos a colacoración do Concello de Camariñas movilizando tal cantidade de recursos materiais e humanos para desenvolver actividades de tal natureza.
ESCALADA EN ROCÓDROMO
O noso alumnado de 2º de ESO desprazouse ata a cidade da Coruña para desenvolver un programa de actividades complementarias organizadas polo departamento de Física e Química. Aproveitando esta ocasión, fixemos unha visita ao rocódromo de AMI (Asociación de Montañeiros Independentes) nesta cidade, para iniciarnos en actividades relacionadas ca escalada.
Puidemos empregar arneses, mosquetóns, cordas e nós, presas e diferentes ténicas deste deporte pero, sobre todo,familiarizarnos con este tipo de instalacións modernas. Pasámolo moi ben cos monitores que nos guiaron e animaron durante toda a hora da visita. Hai que repetir!.
INTERCAMBIO CO IES RAMÓN MARÍA ALLER ULLOA DE LALÍN
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso centro, en varias ocasións leva organizado xornadas de intercambio intercentros de toda Galicia. Estas xornadas teñen a intención, entre outras, de coñecer as distintas falas e variacións dialectais da nosa Comunidade. Desta volta, fixemos o intercambio con este centro de Lalín e o Departamento de Educación Física colaborou no desenvolvemento destas dúas xornadas de convivencia organizando diversas actividades físicas e lúdicas destacando a andaina polo “sendeiro do Deza” entre as Fervenzas do Toxa e o Mosteiro de Carboeiro (comarca de Lalín) e a andaina polas inmediacións do cabo Vilán (comarca de Camariñas).
Estas xornadas foron desenvolvidas o día 2 de maío en Lalín e o día 16 do mesmo mes en Camariñas. Como se ve nas fotos, fixeron boas migas!.
ROTEIRO DE SANTA MARIÑA DE AUGAS SANTAS
Despois de pernoctar na vila ourensá de Allariz, desprazámonos ata a aldea de Santa Mariña de Augas Santas onde nos recibiu unha guía que nos deu a coñecer os principais detalles do seu conxunto histórico-artístico. Comprobamos como están a recuperar esta aldea de arquitectura típica galega, coñecimos a súa fermosa igrexa e a famosa lenda de Santa Mariña; camiñamos pola pola calzada romana visitando varios lugares de interese: nas excavacións arqueolóxicas do castro de armeá din que se asentaba a segunda cidade máis grade de toda Galicia da época romana; coñecimos o “forno da santa”, unhas termas castresas reconstruídas posteriormente polos romanos, situadas nunha cripta baixo os restos dunha basílica templaria. Continuamos visitando os restos arqueolóxicos do Monte do señoriño; unha especie de “estación de peaxe” á veira da antiga calzada. Impresionante!
Grazas a esta visita compredimos que hai unha inmensa riqueza arqueolóxica, histórica e cultural dos nosos ancestros por descubrir e coñecer. Axúdanos a ser conscientes do que temos debaixo dos nosos pés e a valorar o que temos.