Skip to Content

Segundo trimestre

Día da poesía e da árbore

No IES Pedra da Aguia celebramos o Día da Poesía e da Árbore por todo o alto.

A xornada comezou cun recital poético e musical no cal alumnos e alumnas de todos os cursos declamaron poemas de composición propia acompañados polo profesor de Música coa guitarra.

Todo o alumnado de 1º da ESO contribiu á mellora da contorna do instituto coa plantación de 16 árbores de especies autóctonas (carballo, faia, freixo e capudre). 

Tamén se entregaron os premios do concurso de poemas sobre natureza que foron para os seguintes alumnos e alumnas:

- Na categoría 1º e 2º ESO: o primeiro premio foi para Karla Ageitos de 2º A e o segundo, para Xana Martínez de 2º B.

- Na categoría 3º e 4º ESO: o primeiro premio foi para Aaron Suárez de 4º PDC e o segundo, para Ainhoa Castro de 3º B.

Parabéns aos premiados e moitas grazas a todos e a todas os que participastes nas actividades dun día tan especial. Máis fotos nos arquivos adxuntos!

Día da poesía e das árbores

Celebra coa Biblio o Día da Poesía e das Árbores o vindeiro xoves, 21 de marzo. Temos preparada unha conmemoración que xunta lírica e ecoloxía para festexar a data ao longo de toda a mañá.

Comezaremos no primeiro recreo cun recital lírico e musical na Biblio a cargo dos nosos poetas voluntarios. Tamén se entregarán os premios do concurso de poemas na categoría de 1º e 2º da ESO.

Deseguido, o alumnado de 1º ESO realizará a plantación de varias árbores autóctonas coa axuda dunha brigada forestal.

E remataremos no segundo recreo coa continuación do recital poético e a entrega dos premios correspondentes á categoría de 3º e 4º ESO.

Non perdas a oportunidade de celebrar un día tan fermoso e desfruta de todas as actividades que temos previstas para ti!

 

Encontro aberto a toda a comunidade educativa

O venres, 16 de febreiro, o Club de Lectura de adultos organiza un encontro co médico e escritor Héctor Lema.

A xuntanza realizarase ás 17:00 hs na biblioteca escolar, consistirá nun obradoiro de escritura e está aberta a toda a comunidade educativa do IES Pedra da Aguia (membros do club de lectura de adultos, familias, profesorado, veciños...).

Héctor Lema é un profesional da Medicina orixinario da Ponte do Porto, con consulta de odontoloxía en Carballo e apaixonado da literatura. As súas principais novelas son "Placentas: el oro rojo" e "Una vida como la tuya", que é unha homenaxe ao seu pai.

Estades todos convidados así que... non faltedes!

Encontro artístico e literario con Xulia Pisón

O luns, día 5 de febreiro, celebramos o Día da Ilustración cun encontro na Biblio coa autora coruñesa Xulia Pisón.

Ao encontro asistiu o alumnado de 1º da ESO pertencente ao Club de Lectura e tiveron a oportunidade de descubrir os segredos de como foi creado o libro que leron, "Microalgas". 

O obradoiro foi eminentemente práctico e os asistentes usaron os seus lapis e pinturas de cores para aprender unha morea de trucos sobre como se debuxan as personaxes dos cómics e das películas de animación. 

Ademais de achegarse ao mundo da ilustración e da creación artística, o alumnado pasou unha boa mañá na compaña de Xulia Pisón. 

Día da Ilustración

Cada 30 de xaneiro, coincidindo coa data nacemento de Castelao, celebramos o Día da Ilustración.  

Dende a Biblioteca unirémonos a esta conmemoración cun encontro coa ilustradora Xulia Pisón que se celebrará o vindeiro luns, 5 de febreiro.

No encontro, que consistirá nun obradoiro de ilustración, participarán os alumnos e alumnas de 1º e 2º ESO que sexan membros do Club de Lectura, posto que xa leron e coñecen o libro "Microalgas", obra da autora que nos visita.

Xulia Pisón é unha ilustradora e debuxante de cómics coruñesa que ten publicados numerosos libros para público infantil e xuvenil. 

Torneo de xadrez

Xa está convocado o gran torneo de xadrez anual do IES Pedra da Aguia!

Se a túa paixón é este deporte mental e te queres sentir coma un auténtico mestre de xadrez, apúntate XA na ficha de inscrición que está no taboleiro da entrada da Biblio.

Anima as túas amizades e aproveita para facerlle "xaque mate" á rutina e á monotonía. Agardamos por ti!

Distribuir contido


by Dr. Radut