Skip to Content

Terceiro trimestre

Excursión Illa de Sálvora

O alumnado pertencente ao Club de Lectura e ao Voluntariado da Biblioteca realizou unha visita didáctica á illa de Sálvora o día 27 de maio.

A saída consistiu nunha viaxe en barco dende Ribeira ata a illa situada na entrada da ría de Arousa. Alí, acompañados por unha experta guía, percorremos os lugares máis destacados desta illa que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e fomos coñecendo as características principais da súa flora e fauna, así como aspectos relevantes da súa historia. 

O pazo, a antiga aldea hoxe xa deshabitada, o faro preto de onde naufragou o barco Santa Isabel, a fonte, os hórreos... son algúns lugares que tivemos o privilexio de coñecer. 

Á volta, o xantar realizámolo no parque de San Roque onde gozamos dunha divertida tarde de xogos. 

Un inolvidable día para rematar todo un curso de cariño e dedicación aos libros!

Día das Letras Galegas

Temos o pracer de celebrar o Día das Letras Galegas, que este ano rende homenaxe á escritora coruñesa Luísa Villalta, cun fantástico concerto do dúo "Suso Quinito e Javi Sampedro" para o alumnado de 1º e 2º da ESO.

 

A actuación musical celebrarase o xoves, 16 de maio, na sala de encontros e permitiranos gozar da mestura entre música e literatura que fai habitualmente o dúo vimiancés.  

VIII Torneo de Xadrez Intercentros en A Coruña

O venres, 3 de maio, un grupo de alumnos de todos os cursos asistiu ao VIII Torneo de Xadrez Intercentros que se celebrou no IES Fernando Wirtz da cidade da Coruña.

No torneo participaron centros educativos de toda a provincia e os nosos representantes nas finais foron Alejandro Lobelos (4º ESO), Raúl Salvador Mouzo (3º ESO) e Xabier López (2º ESO). 

A xornada resultaou moi amena e foi unha gran oportunidade para compartir a paixón polo xadrez con alumnado doutros institutos.

 

Visita do profesorado do IES Alexandre Bóveda

O 17 de abril recibiremos no noso Instituto a visita de varios profesores e profesoras do IES Alexandre Bóveda (Vigo).

Durante toda a mañá asistirán a diferentes actividades organizadas dende o noso centro. O profesorado visitante poderá ver como facemos os nosos habituais "almorzos saudables", percorrerán as nosas instalacións nunha visita guiada, entrarán nas aulas a observar o desenvolvemento de varias materias e tamén coñecerán a contorna do noso Instituto.

Esta actividade forma parte do proxecto "Observacción" que promove a colaboración entre profesorado e que se desenvolve ao longo de todo o curso no IES Pedra da Aguia e outros centros de Galicia.

Previamente, unha representación de profesorado do noso Instituto xa visitou o IES Alexandre Bóveda en Vigo.

Encontro con Carlos Negro

O alumnado de 4º ESO participou nunha xuntanza co poeta lalinés Carlos Negro ao longo da mañá do día 9 de abril.

Durante o encontro, o autor faloulles sobre a poesía e axudoulles a sacar fóra o poeta que todos levamos dentro coa realización de diferentes prácticas de escrita lírica. Deste xeito, elaboraron varios textos poéticos coa axuda deste recoñecido autor galego. 

Carlos Negro ten publicados numerosos poemarios en lingua galega, moitos deles dirixidos ao público xuvenil.

Hora de Ler


Volve a Hora de Ler!

O mércores, día 3 de abril, retomaremos a Hora de Ler na 3ª sesión.

Continuaremos durante todo o mes de abril e ata mediados de maio.

Podes consultar o calendario da Hora de Ler aquí.

Non esquezas traer o teu libro favorito!

Distribuir contido


by Dr. Radut