E o povo saiu à rua...

Esta é a madrugada que eu esperava.
O dia inicial inteiro e limpo.
Onde emergimos da noite e do silêncio.
E livres habitamos a substância do tempo.
                                 Sophia de Mello Breyner Andresen

Así como a poeta agardaba un novo día, as ansias de liberdade e democracia levaron o pobo portugués a tomar as rúas un 25 de Abril de 1974. E nós, no 50º aniversario da Revolução dos Cravos, tivemos a oportunidade -e a sorte- de contarmos coa xornalista estradense Tereixa Constenla para coñecer este acontecemento histórico fundamental da historia contemporánea portuguesa a través da conversa que mantivo co alumnado de 4º ESO e de Lingua Portuguesa de 2º ESO arredor do seu libro Abril é un país (Kalandraka, 2024). 

Ao pouco de chegar a Lisboa en 2021 para exercer como correspondente do xornal El País, morre Otelo Saraiva de Carvalho, un dos "capitães de abril", e aí arranca o exhaustivo traballo de investigación que Tereixa Constenla focaliza nos, cando menos fóra de Portugal, "heroes descoñecidos da Revolución dos Caraveis": entre tantos outros/as, o cabo Costa, que se negou a disparar contra os sublevados; a "galega" Celeste Caeiro, ou Celeste dos Cravos"; os militantes antifascistas Conceiçao Matos e Domingo Abrantes, ou o capitán Salgueiro Maia, o heroe que mellor encarna o espírito da revolución.   

Para documentar Abril é un país, Tereixa Constenla puido acceder a fontes coma o arquivo persoal de Salgueiro Maia e entrevistar protagonistas daquel momento histórico, que, como nos fixo ver, puido ser posible porque os portugueses empurraron un golpe militar pacífico para se converteren en donos da súa historia.

Como destacou a nosa convidada, a revolución que pasou á historia simbolizada por unha flor e unha canción, o "Grândola" do Zeca Afonso, é todo un exemplo do valor daquelas persoas que están dispostas a arriscar a propia vida loitando polo ben común, e tamén da importancia que ten defender no día a día as liberdades e os dereitos conquistados, sobre todo en tempos en que se alzan voces que cuestionan a democracia.

 

Manuela, Celia e Rosalía moderaron este encontro organizado polos Departamentos de Xeografía e Historia e Lingua Galega. Dende o centro agradecemos a boa disposición e o esforzo que fixo a nosa convidada para estar connosco o pasado venres 25 de outubro e, sobre todo, a súa cercanía e bo facer lle para achegar ao noso alumnado un dos episodios máis importantes da historia contemporánea.