EDUCACIÓN EMOCIONAL: RESOLUCIÓN DE CONFLITOS

 

O programa de educación emocional  que se desenvolve na ESO é unha ferramenta que nos axuda a potenciar a competencia social  do noso alumnado. Este curso centrámonos na resolución pacífica dos conflitos. A convivencia é un dos factores que garante unha educación de calidade e implica formación para comprender o punto de vista do outro e necesitamos aprender as estratexias interpersoais que permitan expresar e aceptar sentimentos, actitudes, desexos, opinións e dereitos dun xeito democrático. Para conseguilo, precisamos aprender a resolver os nosos  conflitos interpersoais.

 

CONCERTO DIDÁCTICO

 

O pasado mércores 26 de outubro o alumnado de 4º ESO de Música tivo o honor de asistir ao concerto didáctico sobre o baixo eléctrico realizado polo baixista e profesor de francés deste centro Alfonso Fraga Pérez.Durante o concerto o alumnado puido coñecer as características de construción deste instrumento, os distintos modelos existentes, así como as técnicas de interpretación que o-a instrumentista ten á súa disposición, en función do estilo, do efecto que queira lograr e do seu gusto persoal.Foi unha gran oportunidade poder escoitar en directo a un músico da categoría de Alfonso Fraga, a quen agradecemos a oportunidade que nos brindou. 

 

VISITA Á FINCA GALEA

 

O alumnado de 3º de ESO realizou unha visita a Alfoz para descubrir e valorar un entorno natural relacionado coa utilidade da auga. Tamén visitou a Torre medieval do Mariscal Pardo de Cela.

A natureza é fonte de vida e de esparcimento. O alumnado atopou un parque cheo de descubrimentos arredor da auga: estanques, fontes, bancos, un bosque de troncos hocos con cadansúa historia e os inventos  hidráulicos á carón do río Ouro que atravesa a propiedade: un batán, un muíño,etc. Seguidamente achegáronse á torre do nobre Pardo de Cela cuxa oposición aos Reis Católicos lle custou a vida.

 

SAMAÍN 2022

Un ano máis dámoslle a benvida á celebración do Samaín. Este ano levamos a cabo a recreación dun cemiterio para asustar ás malas enerxías e para que teñamos un bo ano escolar.

 

INICIAMOS A ANDAINA DO CLUB DE CIENCIAS

O IES Moncho Valcarce pon en marcha por segundo ano consecutivo o Club de Ciencia incorporando nas súas actividades a novo alumnado, profesorado e proxectos.  Neste mes de outubro demos a benvida ao alumnado participante. Podes seguirnos na nosa conta de Instagram:  @clubcienciasmoncho

 

CLUB DE CIENCIA CURSO 2022-2023

O Club de Ciencia do noso centro comeza a súa andaina neste curso 2022-2023. O alumnado interesado en participar pode anotarse antes do 30 de setembro.

Síguenos!!!   @clubcienciasmoncho 

Agardámosvos!!!

VIAXE CULTURAL A MADRID

 

O alumnado de 1º de Bacharelato realizou unha visita cultural a Madrid, do 13 ao 17 de xuño. Puideron desfrutar do Museo do Prado e o Centro Cultural Reina Sofía. De camiño á capital fixeron unha visita guiada a Segovia, onde descubriron os monumentos que outorgan a esta cidade a categoría de Patrimonio da Humanidade, incluídos o acueduto e o alcázar.

Durante a estancia na capital realizáronse diversas rutas polas zonas monumentais, incluídos o Congreso dos Deputados, a Fonte de Cibeles, a Porta de Alcalá, o Paseo de Recoletos, a Praza Maior, a Praza de Oriente, o Mercado de San Miguel, e a Catedral da Almudena, entre outros.

Na viaxe de volta, fíxose unha visita ó conxunto monumental do mosteiro do Escorial (mosteiro, residencia real, catedral e panteón real).

 

MERCADIÑO SOLIDARIO

 

Con motivo do fin de curso, a semana do 13 ao 17 de xuño, o club de lectura “DIVERTsidade" propón a seguinte actividade: “MERCADIÑO SOLIDARIO 2022”.

Durante as semanas previas a esta actividade, os alumnos do club de lectura invitaron aos seus compañeiros e compañeiras a doar libros para a celebración da actividade, recibiron as entregas e puxéronlles prezo.

Durante a sinalada semana, os participantes do club, aos que se sumaron os de Dinamización da lingua galega, venderon libros e bufandas (facilitadas pola profesora Ángeles García García).

O recaudado será para unha ONG de axuda a Ucraína.

Os alumnos participantes e os doantes de libros recibirán un pequeno agasallo.

 O obxectivo desta actividade é permitir  ao alumnado un contacto directo cos libros, facelos partícipes directos coa venda destes obxectos de segunda man, e sobre todo conciencialos da necesidade de adoptar actitudes solidarias.

 

REPRESENTACIÓN MUSICAL: "GREASE"

O alumando de 3º da ESO levou a cabo a representación dunha escena musical da película “Grease” deixando de manifesto as súas grandes  dotes artísticas.

 

SAÍDA ÁS FRAGAS DO EUME E PRAIA DE CABANAS

 

O alumnado de 1º da ESO realizou unha ruta de sendeirismo de cinco quilómetros polas Fragas do Eume e posteriormente trasladáronse á praia de Cabanas onde pasaron a tarde practicando xogos e desfrutando dun baño.

 

Distribuir contido