O alumnado de 1ºFP Básica puido descubrir o lado culinario francófono coa axuda da profesora Begoña Espasandín.Na primeira parte da sesión facilitóuselles os ingredientes para elaborar unha receita de gofres belgas. Unha vez feitas, degustaron as súas creacións acompañándoas con diversas froitas e sirope de chocolate.
Na segunda parte, despois de aclarar as diferenzas entre a filloa galega e a crepe francesa, fixeron crepes salgadas seguindo unha receita tradicional da "galette", orixinaria de Bretaña que ten como peculiaridade a utilización da fariña de trigo sarraceno, apta para celíacos xa que non contén gluten. A rapazada reenchou as súas crepes salgadas con xamón e queixo fundido.
Para finalizar o momento gourmet tamén cociñaron unhas crepes doces reenchéndoas con sirope de chocolate e decorándoas con froitas: non podía faltar este delicioso doce tan típico na gastronomía francesa.
O alumnado valorou esta actividade como divertida e exquisita. Madia leva!
Dentro do marco da Semana Cultural o Equipo da Biblioteca organizou un taller de radio impartido por Verónica Couto Tasende, técnica de Educación para o Desenvolvemento en Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) e que foi dirixido a parte do alumnado de 1º de Bacharelato. O tema no que se centrou o obradoiro foi o da igualdade de xénero.
Os e as estudantes puideron coñecer que é o discurso do odio e cando este pode acabar sendo un delito. Reflexionaron sobre os límites da liberdade de expresión cando chocan de fronte co odio e debateron ao respecto. Ademais, a través da análise de titulares de noticias e campañas publicitarias de actualidade así como de publicacións en redes sociais, puideron evidenciar no tratamento mediático que se lle dá a sucesos relacionados con mulleres, como ese discurso do odio lles afecta especialmente buscando a súa discriminación.
A continuación o alumnado dividido en pequenos grupos creou cuñas radiofónicas que gravaron na mesma sesión e nas que reflectiron o seu sentir sobre o tema tratado. Aquí vos deixamos as cuñas para que poidades escoitalas.
É esta unha iniciativa máis de promoción da igualdade de xénero que se levan a cabo no Centro.
https://drive.google.com/drive/folders/1Blgy3NiG7vYGQqR6f_or6lJhZfaPqPTf?usp=sharing
O Departamento de Inglés organizou un concurso coa temática de “Silkworms – Vermes de Seda” en colaboración co Club de Ciencias. O alumnado da ESO e de Bacharelato que levou á casa vermes de seda fixo unha foto artística e púxolle un título en inglés e en galego. As fotos están expostas no taboleiro do Departamento de Inglés para que o alumnado e o profesorado vote ás mellores. Foi un proxecto divertido e dinámico para o alumnado que esperamos repetir moi pronto.
No DOG do 20 de maio de 2024 publicouse a Orde do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/2025.
O prazo de presentación de solicitudes comprende dende o 21 de maio ata o 21 de xuño.
Xúntase información sobre esta convocatoria no arquivo adxunto.
Para calquera información poden chamar ao Centro: 881960015
Rocío Cadahía, técnica de educación da ONGD AGARESO, impartiu un obradoiro no que fixo reflexionar a parte do alumnado de 1º Bacharelato sobre o discurso de odio racista. Comezou evidenciando como nos medios de comunicacion e nas redes sociais se difunden estereotipos e prexuízos que dificultan a vida das persoas migrantes e racializadas. Tamén afondou nos motivos do avance do discurso de odio nos últimos anos e en por que os algoritmos das redes socias priorizan contidos que xeran odio con respecto a outras persoas. Escoitamos as vivencias de varias persoas migrantes e racializadas que viven en Galicia para intentar entender o que significa convivir diariamente co discurso de odio, tanto nas redes como fora delas, centrándose especialmente en como foi a súa etapa educativa.
Na segunda parte do obradoiro foi o alumnado quen tomou a palabra para denunciar esta situación a través realización e posterior gravación de podcast nos que eles e elas dan as súas propostas para contrarrestar o discurso de odio.
Velaquí as cuñas radiofónicas para que poidades escoitalas.
https://drive.google.com/drive/folders/1vC5iPG5RzDKmdVOhek74KevsHU8oPbZ1?usp=sharing
Rosalía Fernández Rial, gañadora do premio Vidal Bolaño 2024 de teatro pola obra Fóra de campo, acompañounos na Semana Cultural do noso Centro. Impartiu un obradoiro de teatro e poesía ao noso alumnado de 1º de Bacharelato. Nel deron renda solta a súa creatividade e, inspirándose na portada dun disco de Paul Smith, crearon o seu, escribiron a a letra dun poema e posteriormente fixeron unha perfomance. En realidade, está é a proposta didáctica para as aulas de linguas que propón na súa recente publicación Mover ficha.
O 22 de maio Rosalía publica o seu poemario bilingüe De centeo e durmideiras, e será Yolanda Castaño a responsable de facer o prólogo desta obra editada por Cuatro Lunas.
O alumnado de 1º de Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes e 1º de Ciclo Básico de Informática de Oficina participou na charla "Como triunfar en IT sendo mediocre" co relator Alberto Sánchez Bardanca.
Alberto é Enxeñeiro en Informática cunha ampla experiencia profesional no ámbito das tecnoloxías da información, traballou en empresas como Soluziona, Indra, Bahía Software e actualmente traballa en //Abanca. Tamén traballou no sector público durante dous anos como profesor de Formación Profesional. O pasado curso foi compañeiro noso e este ano aceptou a nosa invitación a participar na Semana Cultural para trasladar as claves para triunfar no eido da informática ao alumnado dos ciclos.
Na charla tratou aspectos moi interesantes como a reflexión de que é en realidade o éxito, a importancia do esforzo, a diferenza entre aptitude e actitude; sinalou que as nosas metas deben ser realistas e alcanzables, e explicou dende a súa experiencia as claves para chegar a ser un bo profesional no ámbito das tecnoloxías da información.
Unha charla moi produtiva, grazas Alberto!
O martes, 14 de maio, o alumnado de 2º ESO participou nun obradoiro de robótica desenvolvido por MAKER STORE. As ponentes, Flor e Cati, ensinaron o alumnado a realizar xogos mediante o uso da placa Makey-Makey, unha placa electrónica, similar ao mando dunha videoconsola, que permite unir obxectos cotiáns creando paneis táctiles (enviando ordes ao ordenador ao que se atope conectado).
Para o deseño do xogo -a creación dun xogo de canastra- empregaron vasos de cartón, cartón, papeis de cores e papel de alumnino xunto coa súa creatividade e orixinalidade. Crearon un circuíto eléctrico no que a placa actuaría pechando ese circuíto e enviando ordes. Con scratch programaron os xogos creando animacións, música, contando a puntuación das canastras …. Non cabe outra que felicitar os e as participantes polos seus deseños!
Eles e elas gozaron e asemade aprenderon robótica nunha actividade lúdica e divertida.