FacebookSíguenos en YouTube

CIENCIA NA RÚA

O Maximino Romero de Lema participou este sábado, 4 de maio, na actividade Ciencia na rúa celebrada no parque de Santa Margarida, na Coruña. Constanza, Lara, Mateo, Desi, Dani, Óscar, Miguel, Sergio, Manuel, María e Héctor, atenderon un stand no que se ofertaban distintas actividades relacionas coa ciencia: xogos matemáticos, extracción do ADN, elaboración de perfumes, explicación do ciclo de vida dos vermes de seda, etc.

 

Gañaron o premio Javier Novelle 2024 polo estudo minucioso da ciencia dos perfumes.

Esta actividade foi organizada por  Cecilia Folla, do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía; Begoña Raña, do de Física e Química e Luchy Mouzo e Suso Blanco, do Departamento de Matemáticas.

Pola tarde, tamén se fixo unha presentación e demostración dos retos cos que están participando os profesores Fina Paulos, Óscar Rey e Marta Diz no proxecto de Talentos Inclusivos.

O IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA PARTICIPA NO II CONGRESO NACIONAL DA ESCOLA RURAL

Un grupo de alumnos de 4º ESO acompañados dos profesores Fina Paulos, Óscar Rey e Antonio Campos, participaron o venres 3 de maio no II Congreso Nacional da Escola Rural celebrado en Ribadavia.

Durante toda a xornada houbo conferencias, obradoiros, debates....para por en valor a escola rural polo seu “modelo de proximidade, innovación e cooperación.

O noso centro participou cun obradoiro sobre Intelixencia Artificial.

PRACTICANDO SURF EN TERRA FIRME

Esta semana os cursos de 2º e 4º da ESO tiveron unha charla teórico-práctica sobre a práctica do surf que impartiu o xerente de Ubuntilife en Camariñas. Gabriel empezou poñendo en valor as praias da Costa da Morte sinalando que compiten en idoneidade coas máis famosas praias australianas. Xa en acción, o alumnado tivo ocasión de simular o comportamento das ondas do mar e as correntes, familiarizarse co material de surf e practicar os movementos de corpo sobre a táboa de surf, enriba de patinetes e incluso sobre táboas e rolos de equilibrio de madeira. 

Nesta primeira toma de contacto con este deporte, o alumnado deuse conta de que non é tan fácil como parece a priori, pois a súa práctica require dunha grande cantidade de habilidades físicas, coma a forza, a resistencia, a flexibilidade e o equilibrio; sen deixar de lado a non menos importante, que é a de ter presenza de ánimo. Este taller é unha excelente forma de entender e dominar as técnicas antes de aplicalas no océano. Isto terá lugar para o alumnado destes cursos na praia de Arou durante unha mañá do mes de xuño. 

A INNOVACIÓN A TRAVÉS DA CÁMARA DE COMERCIO E NAVEGACIÓN DA CORUÑA

O luns, 08 de abril do 2024, estivo con nos Angel Noguerol Urrutia, experto en Innovación da Cámara de Comercio e Navegación da Coruña. Tamén é o responsable das incubadoras de empresas da Cámara de Comercio en Carballo e Cerceda e que veu a impartir una xornada do proxecto España Emprende.
Aproveitamos para facerlle unha entrevista, a rapazada de 4º de ESO en Economía, sobre emprendimento, que subiremos a web en datas próximas.
Os alumnos de 1º e 2º BACH, Economía e Empresa e diseño de modelos de negocio, respectivamente, desfrutaron dun achegamento ao mundo da innovación e do emprendemento, que dende a Cámara de Comercio e Navegación da Coruña, leva anos promocionando, cultivando e recollendo innumerables froitos para o tecido empresarial da nosa comarca.
Angel presentounos as incubadoras, que son, como podemos participar delas, cal é o fin da sua existencia e, para rematar, engadiu a experiencia colaborativa do Coworking.
Destapou un grupo de proxectos emprendedores, nados do traballo nas incubadoras, que seguen a participar da economía local e amosan que sí se pode emprender, con esforzo e adicación, ter éxito.

Para rematar xogamos a facer un cohete experimental no salón multiusos do centro.

Coma sempre un gusto terte entre nos. Grazas por vir e contarnos experiencias.

Volta pronto con esas novas do xenio galego.

AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO

O noso centro tamén se suma á campaña promovida polo IES Rafael Dieste da Coruña, Aquí tamén se fala galego, unha iniciativa cultural e de dinamización da Lingua Galega na que participamos ao redor duns 200 centros educativos de Galicia.

O alumnado de 3º ESO repartiu carteis polos comercios e outros locais de Baio e a súa contorna.

Agradecémoslles a todos eles a súa colaboración e boa dispoñibilidade para participar nesta iniciativa.

ONDE NACE O FUME

Hoxe, o alumnado de 2º e 3º ESO, asistiu no ecomuseo Forno do Forte de Buño, á visita teatralizada Onde nace o fume. Durante uns cincuenta minutos, Yago Espasandín (antigo alumno do noso centro) e Raquel Crespo, achegáronnos ao mundo da olería amosando o traballo diario dun oleiro e da súa familia.

Tras a representación teatral, houbo un coloquio entre os actores e o alumnado, no que nos contaron entre otras cousas, como e por que decidiron facer esta representación teatral, o contexto social e histórico no que se sitúa, así como a ampla tarefa de documentación que levaron a cabo para poder finalmente representar esta historia real.

Sen dúbida, foi unha moi boa forma de coñecer a alfarería, unha tradición do século XVI e que segue moi viva hoxe en día no pobo de Buño.

CHARLA TERAPIA OCUPACIONAL

O xoves 25 de abril estiveron con nós Ana Negreira, antiga alumna do centro e estudante do 4º curso do Grao de Terapia Ocupacional na Universidade da Coruña, e dúas das súas compañeiras de carreira. Como parte dun proxecto de innovación educativa, impartiron unha charla ao alumnado de 4º da ESO, cos principais obxectivos de orientar e informar sobre as posibilidades de futuro ao cerrar este ciclo educativo, dar a coñecer a Terapia Ocupacional e dar difusión ao seu grao e as características deste na UDC.

Unha vez máis o alumnado valorou de xeito moi positivo a información que se lles proporcionou e que lles abriu o abano de posibilidades para decidir os seus futuros estudos.

A NOVA PROMESA DA NOVELA NEGRA EN GALEGO PECHA O MES DO LIBRO NO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA.

Irene Regal Jul puxo o broche final á VI Edición do Mes do Libro organizado polo Equipo da Biblioteca do Instituto de Baio. Ante o alumnado de 4º ESO e do Club de Lectura de 1º Bach e 1º CM, a autora de A malferida definiu este libro como unha novela negra que escribiu coma un xogo e que, por animación familiar, decidiu presentala ao Premio Illa Nova de Narrativa coa agradable sorpresa de resultar gañadora. Para a súa escrita inspirouse en novelas negras e policíacas como Ollos de auga de Domingo Villas ou Plenilunio de Muñoz Molina.

A malferida, no que a intriga é o elemento fundamental, ten como eixe central o tema do acoso e, como comentou a autora, quixo poñer o foco na persoa que o sofre, pero sen deixar de lado as persoas que a rodean, tanto os acosadores, como aqueles que co seu silencio se converten en cómplices. Neste sentido na novela lanza moitas mensaxes sobre a necesidade de concienciarnos para acabar con esta lacra.

A autora respondeu ás numerosas cuestións e curiosidades do alumnado sobre A malferida e sobre Tecendo redes, Premio Vilar Ponte 2022, lida no club de lectura. Algunhas das preguntas centráronse no proceso da escrita e, como había presentes alumnos e alumnas que participan nun taller de escritura creativa no centro, Irene deulles algúns consellos  e rematou animándoos a que participasen en concursos literarios.

Rematamos a xornada literaria coa sinatura de exemplares e o agradecemento á autora por achegarse ao noso centro dende terras tan distantes como é a mariña lucense. 

De novo, e mais unha vez, a VI Edición do Mes do Libro do noso centro educativo pon de relevo que a lectura abre horizontes e permite ir conformando a nosa identidade a través das preguntas que sempre se abren cando lemos un libro. A participación do alumnado demostra que cómpre seguirmos coa defensa e promoción do libro en galego.

Distribuir contido