Para concienciar ao noso alumnado da importancia do “bo trato” entre sexos, alumnado, profesorado e toda a comunidade educativa, coordinados pola profesora de Música, Marta Cortés, participaron nun vídeo musical onde cada un deles fixo a súa aportación cantando a canción de Guadi Galego Matriarcas. Por outra banda e na aula transcribimos ao galego a letra de cancións con mensaxes contra a violencia machista.Coma sempre e máis ca nunca, o IES Martaguisela está coas vítimas chamando á mobilización e á visibilidade deste problema que, lonxe de rematar, vai en espantoso aumento, incidindo en sensibilizar á xente nova ante a lacra que padecen miles de mulleres que sofren maltrato dentro e fóra do ámbito da parella. Este vídeo proxectarase na entrada do centro, decorado coa lembranza de cada unha das vítimas, podedes ver esta e outras actividades do día, coma sempre, na páxina do IES e nas e nas nosas RRSS.
Dinamización Lingüística
25 NOVEMBRO. MATRIARCAS.
A ÁRBORE DOS DESEXOS DO IES MARTAGUISELA
Cal é o teu desexo para aninovo?
Este é o lema que presenta a actividade ao alumnado. Porque en galego soan mellor os desexos para Nadal e aninovo, animamos aos rapaces a preparar unhas bolas para a nosa árbore de Nadal con debuxos e unha frase ou texto en galego. Aínda que as houbo moi decoradas non puideron competir coas árbores artesanais e personalizadas que a nosa Vicedirectora Pilar López elaborou con moito agarimo para cada estancia do centro. Encantáronnos!
SAMAÍN! NON HALLOWEEN
O alumnado do IES Martaguisela celebrou o Samaín con películas, actividades deportivas e disfraces propios desta celebración ancestral. Ademais nas semanas previas o alumnado da ESO elaborou relatos e carteis con estética de cinema, tentando convencer de que é unha tradición nosa e non allea e animando a empregar o termo Samaín e non Halloween . As máis convincentes, orixinais e artísticas recibiron premio! Parabéns a India, Diego e Celia.
REALIDADE E PERSPECTIVA DE FUTURO DOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN EN GALEGO E EN PAPEL. A REVISTA SALDOIRA EN SANTIAGO.
A nosa profesora Marta Cortés participou na xornada "Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel" organizada polo Consello da Cultura Galega, como directora da nosa revista Saldoira que contribúe desde 2001 á normalización da lingua galega no centro e na comarca valdeorresa.
Enlace ó artigo: http://consellodacultura.gal/evento.php?id=201305
PORTADAS PARA A NOSA REVISTA
Tiñamos varias portadas pero había que elixir unha...Desta volta, e co permiso da nosa querida Rosalía, escollemos a Florencio, no ano das súas Letras ! Parabéns ao noso alumno de Bacharelato de Artes, Mauro Docampo, autor do retrato de Rosalía e de Florencio.
O ROMANZO DO CABALEIRO OURIZO DE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN
Alumnado e profesorado de Artes ilustramos o fermoso poema de Florencio Delgado" O romanzo do cabaleiro ourizo".
SAMAÍN. GAÑADORES DO CONCURSO DE RELATOS.
Algúns dos relatos gañadores do Samaín.
MURGUÍA E ROSALÍA NO IES MARTAGUISELA!
Unha posible conversa entre Murguía e Rosalía tivo lugar polas aulas
do IES Martaguisela. Narrada e interpretada por Julia, Miguel e Jairo. Bravo por eles! Bravo polo teatro que volve! Rosalía sempre con nós.
FESTIVAL DAS LETRAS: REVELANDO A XELA
Como todos os anos os centros educativos públicos e concertados do Barco de Valdeorras, xuntamos esforzos para organizar actividades co gallo da Semana das Letras Galegas e, unha vez máis, en colaboración co Centro Comercial Aberto da localidade, asociación, esta última, que agrupa a establecementos comerciais diversos da vila. Revelando a Xela nace cun xogo de palabras, revelar significa descubrir, aportar luz sobre algo que permanecía oculto pero ao mesmo tempo facer visible unha imaxe impresa en papel fotográfico. Ambas acepcións sérvennos para os obxectivos deste proxecto: dar luz sobre unha escritora descoñecida pola maioría social, Xela Arias, e, ademais, iluminar a lingua e a cultura galegas, tantas veces na sombra e que tanto precisan desa luz para medrar e despexar camiños; por outra banda a propia poeta conxugou a fotografía coa poesía no seu libro Tigres coma cabalos, e esta era unha dobre homenaxe.
Pretendíamos así, Revelando a Xela, lograr a máxima difusión das nosas actividades, implicando a toda a comunidade educativa pero tamén fóra do centro. Para iso deseñamos a actividade en dúas vertentes:
A) Para o alumnado dos centros de ensino do Barco: o profesorado dos centros participantes forneceu ao conxunto do alumnado dunha serie de versos da obra de Xela Arias. Cada alumno interpretou de xeito fotográfico, segundo a súa imaxinación e sensibilidade artística, as palabras da poesía de Xela.
Con todas as fotografías realizouse unha exposición en papel, na entrada do centro, para poder premiar ás dez máis votadas entre a comunidade educativa.
As dez fotografías premiadas de cada centro, un total 60, formaron parte da exposición que se realizou, como vén sendo costume, nos escaparates dos establecementos do Centro Comercial Aberto.
B) Para toda a cidadanía:quixemos conseguir a participación de toda a vila amosando estas fotografías nos escaparates dos establecementos do Barco e difundindo a actividade en prensa e nas redes sociais.
O Centro Comercial Aberto premiou os autores e autoras das fotografías o día 8 de xuño na súa sede.
Outro ano máis, coas dificultades de dinamizar en pandemia e as limitacións que iso nos supuxo- evitar xuntanzas para a preparación e exposición de todos os traballos dos equipos nos centros tanto en exteriores como na propia aula e non poder formar grupos presenciais en talleres de traballo- estamos máis que satisfeitos co resultado.
Parabéns aos equipos, ao Centro comercial Aberto e aos participantes!
Pistoletazo de saída á campaña deste curso cos representantes dos equipos:
Gañadores do concurso no centro
Gañadores concurso Centro Comercial Aberto cos equipos.Parabéns!