Skip to Content

Índice, Conferencias, Cursos en liña, Documentación, Eventos, Notas de prensa, Prácticas

Cuantificación de proteínas

Este mércores 16 de Marzo, o alumnado de primeiro de StemBach levou a cabo a cuantificación de proteínas en distintos tipos de leite (enteiro, desnatado e en pó) mediante o emprego da espectroscopía de ultravioleta-visible. Esta práctica foi supervisada polos profesores do ciclo de química do noso IES, Xoán Carlos Rodríguez e Inma R. Lahoz, xunto ca profesora do departamento de Física e Química, Mª Inés García Seijo. 

Para a realización desta práctica, o alumnado preparou distintas disolucións patrón, así como, disolucións problema das mostras de leite. Tras a reacción de coloración co reactivo Bradford, o alumnado mediu as absorbancias de todas estas disolucións coloreadas a 595 nm nun espectrofotómetro de UV-Vis e nun lector de placas ELISA. 

A análise e interpretación dos resultados realizarana posteriormente, repasando os axustes lineais. 

Álbum: Sen categoría -> StemBach 21-23. Práctica 12

Práctica 11. Extracción de ADN e PCR

Os docentes da Familia Química do noso IES, Xoán Carlos Rodríguez e Inma R. Lahoz, xunto ca estudante en prácticas do mestrado de profesorado, Nerea Bermúdez e dous estudantes de 2° CS de LACC, Esteban García e Juan Herránz, supervisaron o pasado mércores 23 de Febreiro unha práctica de xenética,  empregando o kit DNA-MEAT, adquirido polo noso centro ao grupo de innovación docente XuvenCiencia. 

O alumnado de primeiro de StemBach realizou en primeiro lugar a extracción de ADN  mediante  o  método  de  Chelex® dunha mostra problema. Debido que é necesario incubar a mostra durante 1 hora,  a segunda parte desta práctica, a reacción en cadea da polimerasa, PCR, leváronna a cabo empregando mostras extraídas anteriormente polo alumnado de 2° CS de LACC. A continuación, mentres tiña lugar  a amplificación do material xenético nun termociclador con tapa termostatizada, o alumnado visualizou os resultados de mostras similares obtidas en días previos, empregando a técnica de fluorescencia molecular, tanto cun transiluminador, así como, mediante o visor de fluorescencia que trae o kit DNA-MEAT. Finalmente, o venres 25 de Febreiro, no recreo da mañá, o alumnado puido visualizar as súas propias mostras.

Álbum: Sen categoría -> StemBach 21-23. Práctica 11

Visita ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR)

O mércores 16 de Febreiro, o alumnado de primeiro curso de StemBach visitou o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (Castro de Rei, Lugo, páxina web: https://www.inta.es/CIAR/es/inicio/).

O CIAR é un centro de ensaios pioneiro na integración das Plataformas Aéreas de Investigación  tripuladas xunto co desenvolvemento de sistemas remotamente tripulados (RPAS, Remotely Piloted Aircraft Systems). Así mesmo, este centro é o único a nivel europeo que permitirá dado as suas características e equipación, unha vez que se aprobe unha normativa específica para avións non tripulados, o ensaio e certificación deste tipo de aeronaves.

Álbum: Sen categoría -> Visita ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR)

Entrega diplomas proxectos StemBach 2020/2022

O periódico O Progreso publicou o domingo 13 de Febreiro unha nota de prensa na que se recolle a entrega dos diplomas ao alumnado de StemBach da promoción 2020/2022 trala defensa dos seus proxectos o pasado mércores 09 de Febreiro.

Álbum: Sen categoría -> Noticia Progreso

Presentación de proxectos StemBACH 2020/2022

O pasado mércores 9 de Febreiro, tivo lugar no salón de actos do noso IES a exposición e defensa dos proxectos de segundo de StemBach (promoción 2020 - 2022). 
Os cinco proxectos, os cales foron expostos e defendidos ante as preguntas do tribunal con un nivel excepcional, foron os seguintes:


- Aplicaciones del pez cebra como modelo biológico en biomedicina.
O autor deste traballo foi Manuel Méndez Núñez, o cal estivo titorizado polo profesor do noso IES Xoan Carlos Rodríguez e polas profesoras da USC, María López Villar e Laura Sánchez Piñón.
O obxectivo deste proxecto foi comprobar a viabilidade do peixe cebra como modelo para estudar a enfermidade xenética de Niemann-Pick (NPC1), empregando para elo técnicas de biolóxia molecular como extracción de ADN, PCR e electroforese. Nunha segunda parte deste proxecto, realizouse un estudo de farmacotoxicidade do fármaco clonazepan para determinar as doses terapéuticas e a LC50 para combatir as crises epilépticas desta enfermidade.

- A sucesión de Fibonacci como patrón na natureza.
Os autores deste traballo foron Pablo Palmou Guntín e Kamil Anni Medina Rodríguez, os cales foron titorizados pola profesora do noso IES María José Macía Baldonedo e polo profesor da USC, Miguel Vilar Rivas.
O obxectivo deste traballo foi crear un programa informático para modelizar a filotaxia espiral das sémolas dunha planta de xirasol, empregando para elo o sofware CAD gratuíto de código aberto, OpenSCAD.

- Agricultura de precisión aplicada ao fertilizado do terreo.
O autor deste traballo foi Brais Vázquez Bande, titorizado polo director do noso IES, Carlos Cazón Rivas, e polo profesor da USC, Javier Bueno Lema.
O obxectivo xeral deste proxecto foi realizar unha simulación de fertilización mineral empregando a tecnoloxía da agricultura de precisión para comprobar a súa viabilidade nas condicións dunha explotación agrícola ou gandeira en Galicia.

- A ciencia dos alimentos a nivel nano.
As autoras deste traballo foron Antía Castro Díaz e Lucía Delgado Fernández, as cales foron titorizadas pola profesora do noso IES María Inés García Seijo, e polo profesor da USC, Francisco Fraga López.
Neste proxecto as autoras mediron mediante calorimetría diferencial de barrido (DCS) a entalpía, así como, a temperatura de transición vítrea dunha mostra formada por un polímero termoestable ao que se lle incorporaron nanotubos de carbono. 

- Nanotecnología y sus aplicaciones en medicina.
Os autores deste traballo foron Juán e Pedro Viadé Rivas, titorizados pola profesora do noso IES María Dolores Castro Duarte e polo profesor da USC, Francisco Fraga López.
O obxectivo deste proxecto foi a obtención de parámetros calorimétricos (temperatura de transición vítrea, calor específico e entalpía de reacción) mediante calorimetría diferencial de barrido (DCS) dun sistema polimérico ao que se lle incorporaron nanotubos.

O tribunal avaliador estivo formado por Xoán Carlos Rodríguez, Paulino Martínez Portela e Carlos Cazón Rivas.
O alumnado obtivo a máxima cualificación e recibiron os seus diplomas de asistencia e aproveitamento.

Álbum: Sen categoría -> Presentación de proxectos StemBach 20/22

Práctica 10. Detección e cuantificación de microcistinas en auga

Este mércores 2 de Febreiro, o profesor Xoán Carlos Rodríguez dirixiu un ensaio para a cuantificación de toxinas que producen doenzas hepáticas en augas contaminadas pola cianobacteria Mycrocistis Aeruginosa. Previamente, o alumnado de primeiro de Stembach na Práctica 6. Observación ao microscopio de organismos acuáticos, xa levara a cabo a observación destas toxinas ao microscopio.

Para a realización desta práctica, o alumnado empregou o kit MycroCistest, o cal está basado na capacidade inhibitoria para determinar o contido de microcistinas empregando unha enzima fosfatasa e un substrato colorimétrico específico. En presencia de microcistinas prodúcese unha inhibición da actividade enzimática proporcional á cantidade de microcistina presente na mostra, é decir, canto maior é a concentración de microcistinas menor é a absorción de luz a 405 nm por parte do substrato colorimétrico. As lecturas realizáronse en placas empregadas para a técnica ELISA (“Ensaio por inmunoabsorción ligado a enzimas”).

A análise e interpretación dos resultados será realizada na seguinte sesión de prácticas, repasando os axustes lineais e non lineais.

 

Álbum: Sen categoría -> StemBach 21-23. Práctica 10
Distribuir contido


by Dr. Radut