Por iniciativa do EDLG, o alumnado de 2º ESO asistíu este luns 4 de decembro á conferencia titulada "Mulleres, ciencia e tecnoloxía: unha historia interminable", que se celebrou na Deputación de Lugo e que foi impartida por Mari A. Lires, doutora en Química, premio UVIGUALA da Universidade de Vigo (2017), profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo.
Como sabedes, novembro foi o mes da Ciencia en galego, e ademais é un mes no que a reivindicación da igualdade de xénero se fai especialmente relevante, tamén no eido da ciencia. A doutora Lires conxuntou ambos aspectos nunha charla moi interesante e reivindicativa, amosándonos a contribución de mulleres científicas de todas as épocas e continentes sen as cales a ciencia non sería hoxe o que é.
Aproveitando que nos atopabamos en Lugo, o alumnado puido coñecer a muralla romana, percorrendo o seu perímetro nunha chuviosa mañá de decembro.
Como cada ano, o profesorado do IES Faro das Lúas participa en cursos de formación para mellorar a nosa práctica docente e trasladar o aprendido ás aulas. Este curso estamos a formarnos no emprego do material do proxecto Polos Creativos: Da man de Magdalena, a nosa antiga profesora de Tecnoloxía, estamos aprendendo a manexar a impresora 3D, a cortadora láser, a máquina de coser e a máquina de chapas. Esperamos poñer en práctica o aprendido nas nosas clases para que o noso alumnado poida realizar interesantes proxectos.
O noso IES está participando no programa Polos Creativos da Consellería de Educación co proxecto "A Senda das Lúas". Deseñamos unha ruta de sendeirismo circular que percorre os puntos máis significativos do Concello de Vilanova, con punto de partida no noso centro e destino no Faro das Lúas, a escultura de Manolo Chazo que dá nome ao noso instituto. Polo de agora o proxecto está aínda en fase de realización, pero o pasado xuño puxemos a primeira pedra do camiño: alumnado e profesorado do centro fixemos a 1ª Andaina Senda das Lúas.
A experiencia foi recollida nun vídeo elaborado por Élite films que vos deixamos a continuación (tamén podedes acceder desde o bloque Senda das Lúas na columna esquerda da nosa web)
Hoxe unha representación do alumnado do IES Faro das Lúas participou na lectura do Manifesto do Concello de Vilanova con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o 25 de novembro.
Esta semana estanse a levar a cabo unhas charlas sobre o bullying e a intelixencia emocional. Foron organizadas polo Departamento de Orientación e a Comisión de Igualdade do centro e impartidas pola Concellería de Igualdade do Concello de Vilanova de Arousa en colaboración con Mónica Novas, unha técnica especialista en igualdade de xénero da consultora Asistogal SL.