Skip to Content

Anuncios

PROBAS PARA A ACREDITACIÓN DE COMPETENCIAS DIXITAIS (ALUMNADO)

ACREDITACIÓN DE COMPETENCIAS DIXITAIS
(ALUMNADO)

 

   A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación ven de publicar a Resolución do 28 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado que cursa ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2023/24

    A competencia dixital é unha das competencias clave que se avalían no sistema educativo e a súa acreditación constitúe un dereito do alumnado ao fin da súa educación secundaria. Neste sentido, dentro do Marco galego de competencias dixitais, tense establecido que o alumnado que remata os seus estudos de secundaria coa obtención dos títulos correspondentes, recibirá de oficio as acreditacións correspondentes:

a. coa obtención do título de ESO: acreditarase de xeito automático a competencia dixital no nivel de INICIACIÓN

b. coa obtención do título de Bacharel: acreditarase de xeito automático a competencia dixital nas áreas 1, 2, 3 e 5 no nivel INTERMEDIO.

 

    Aparte destas acreditacións, o alumnado dos niveis educativos de 4º ESO e de 2º Bacharelato interesado en acreditar o nivel INTERMEDIO da competencia dixital en todas as áreas, pode facelo a través dunha proba oficial que se realizará no propio centro de ensino nos meses de abril (2º BACH) e maio (4º ESO).

     O alumnado destes niveis que desexe realizar esta proba deberá presentar a solicitude do enlace de abaixo asinada (por si mesmo, se é maior de idade, ou polos seus proxenitores/titores legais no caso de ser menor) na secretaría do centro para o seu rexistro antes do día 14 de marzo. O documento de solicitude pode tamén solicitarse aos docentes titores destes niveis educativos, que informaron nas aulas destas acreditacións hai uns días.

DESCARGAR FORMULARIO DE SOLICITUDE

 

Toda a información necesaria sobre as probas e contidos das probas está na propia Resolución do 28 de febreiro

Outros enlaces de interese con información sobre as acreditacións e as probas:


Portal da Consellería de cultura: https://www.edu.xunta.gal/portal/competenciadixital/alumnado

Portal da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia: https://www.edu.xunta.gal/centros/xerenciaproxectos/competenciasdixitaisalumnado

 

MATRÍCULA 2024-2025. PROCESO DE ADMISIÓN DE ALUMNADO

[RESUMO do portal da Consellería de cultura]

 

A. INFORMACIÓN SOBRE O PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN DE ALUMNADO

     O procedemento de admisión para alumnado de centros adscritos sen praza ou para o alumnado doutros centros estará aberto entre o día 1 de marzo e o día 20. O trámite de admisión poderá realizarse na secretaría do primeiro centro de elección ou a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia (procedemento ED550B) se o/a solicitante posúe certificado electrónico ou Chave 365.

 

B. DOCUMENTACIÓN INDISPENSABLE [Descargar]

a. Formulario de admisión ANEXO II ED550B cuberto e asinado.

b. ANEXO IIbis co formulario de comprobación de datos no que consten TODOS OS DEMAIS membros da unidade familiar coas súas sinaturas + formulario de conformidade do/a outro/a proxenitor/a cuberto e asinado.

c. Copia do Libro de familia onde o/a alumno/a figure (deberá traerse tamén o orixinal para o cotexo) e de todos os membros da unidade familiar. Para facilitar a corrección de erros frecuentes cos datos persoais, copia dos DNI de todos os membros da unidade familiar.

d. Boletín de cualificacións de xuño/setembro ou certificación académica do/a alumno/a (orixinal ou copia cotexada).

e. No seu caso, convenio regulador ou resolución xudicial de separación ou divorcio (completa).

f. Documentación xustificativa que corresponda aos criterios de baremo alegados (pode adiantarse no período de admisión ou presentarse no período de alegacións e baremación, ver cadro no punto seguinte)

 

C. PRAZOS E BAREMACIÓN

     Os prazos do procedemento, segundo a Orde de 21 de outubro de 2022, serán os seguintes:

   1. PRESENTACIÓN
   DE SOLICITUDES
   Do 1 de marzo ao
   20 de marzo, incluídos
   2. INFORMACIÓN SOBRE
   PRAZAS NON SUFICIENTES
   Día 21 de marzo
   3. PRAZO DE APORTACIÓN DE
   DOCUMENTOS PARA BAREMACIÓN
   Entre o 21 de marzo e o
   6 de abril, incluídos
   4. PUBLICACIÓN DE
   LISTAXES PROVISIONAIS
   Día 25 de abril
   5. PRAZO DE RECLAMACIÓNS
   CONTRA AS LISTAXES PROVISIONAIS 
   Entre o 26 de abril e o
   3 de maio, incluídos
   6. PUBLICACIÓN DE
   LISTAXES DEFINITIVAS
   Día 15 de maio
   7. FORMALIZACIÓN
   DA MATRÍCULA
   Entre o 23 de xuño
   e o 7 de xullo

 

1. Presentación de solicitudes. Entre o 1 e o 20 de marzo. Todas as presentadas despois deste rango de datas serán solicitudes Fóra de prazo e quedarán automaticamente excluídas.

2. Información de prazas non suficientes. No caso de non existir prazas suficientes para algún dos cursos, esta circunstancia farase pública o día 21 de marzo a través desta páxina web e do taboleiro informativo da secretaría do IES Elviña. Esta circunstancia obrigará á baremación das solicitudes corrrespondentes. Os criterios de baremo e a súa xustificación documental responderá ao indicado na lexislación vixente (CRITERIOS DE BAREMACIÓN).

3.Requerimento de subsanación de erros e/ou de aportación de documentación necesaria.
O centro de ensino poderá requerir calquera documentación faltante en prazo de 5 días. A non subsanación de erros poderá ser obxecto de perda do dereito de participación no procedemento.

4. Prazo de aportación de documentos para baremación. Os solicitantes disporán de 10 días hábiles para entregar a documentación que acredite os criterios de baremo que alegasen nos formularios de admisión. Esta documentación, para facilitar o proceso, poderá ser entregada xunto co resto da documentación no período de presentación de solicitudes. IMPORTANTE: NON SE CHAMARÁ A NINGUÉN PARA RECLAMAR A ENTREGA DE DOCUMENTACIÓN.

5. Publicación de listaxes provisionais. As listaxes provisionais faranse públicas únicamente no taboleiro da secretaría do centro ou a través da aplicación electrónica. Na páxina web do centro darase conta da súa publicación cando se produza.

6. Prazo de reclamación contra as listaxes provisionais. As reclamacións deberán presentarse no prazo disposto a través de instancia escrita e asinada na secretaría do centro, facendo constar razoadamente a causa da reclamación. Finalizado o prazo de reclamacións, o consello escolar do centro avaliará e resolverá as reclamacións presentadas.

6. Publicación de listaxes definitivas. As listaxes definitivas faranse públicas únicamente no taboleiro da secretaría do centro ou a través da aplicación electrónica. Na páxina web do centro darase conta da súa publicación cando se produza.

Adorno

Referencias lexislativas aplicables

a.   Decreto 13/22022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación [DOG do 11 de febreiro de 2022]

b.  Orde do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C) [DOG 8 de novembro de 2022]

ENLACE COA INFORMACIÓN COMPLETA DE SECRETARÍA SOBRE O PROCEDEMENTO DE MATRÍCULA

 

MATRÍCULA 2024-2025. FIN DO PROCESO DE RESERVA DE PRAZA

MATRÍCULA. CURSO 2024-25

INFORMACIÓN IMPORTANTE PARA FAMILIAS QUE SOLICITARON

RESERVA DE PRAZA DESDE OS CENTROS ADSCRITOS

O pasado día 5 de febreiro rematou o prazo de presentación de solicitudes de reserva desde os nosos centros adscritos (CEIP Plurilingüe Alborada, CEIP Plurilingüe Manuel Murguía, CEIP Plurilingüe Novo Mesoiro e CEIP Salgado Torres).

Despois de recibir no noso centro todas as solicitudes e validalas de acordo coa lexislación vixente, queremos informar aos solicitantes de que as prazas vacantes dispoñibles no centro para 1º de ESO NON CUBREN TODAS AS SOLICITUDES DE RESERVA REALIZADAS polo que ESTES SOLICITANTES TERÁN A OBRIGA DE PARTICIPAR DO PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN E, NO SEU CASO, DE BAREMACIÓN PARA A OBTENCIÓN DAS PRAZAS DISPOÑIBLES.

*          *          *

Esta resolución/aviso será publicada no taboleiro de anuncios da secretaría do IES Elviña e comunicada para o seu traslado a todos os intereseados aos centros adscritos.

 

 

BOLSAS PARA PROGRAMAS DE PRÁCTICA DA LINGUA INGLESA NO ESTRANXEIRO

BOLSAS PARA A PRÁCTICA DA LINGUA INGLESA
NO ESTRANXEIRO PARA

ALUMNADO DE 1º e 2º BACH

(CONVOCATORIAS DO CONCELLO DA CORUÑA
E DA CONSELLERÍA DE CULTURA)

Coruña no mundoAxudas LE

A. BOLSAS DO CONCELLO DA CORUÑA (IDIOMAS DO MUNDO 2024)

    O Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña, dentro do programa "A Coruña no mundo: Idiomas do mundo", abrirá nos vindeiros días o prazo para solicitar as bolsas de axuda para todo o alumnado de 1º de Bacharelato interesado en participar no programa de estancias en Irlanda para a práctica por inmersión lingüística en inglés. O Concello ofertará 30 bolsas para estancias que se desenvolverán nos meses de xullo e agosto.

    As bolsas de axuda inclúen desprazamento, alouxamento, clases e actividades culturais e lúdicas no país de destino. O Concello establece que as estancias tamén poderán estar en réxime de cofinanciación polas familias dos solicitantes.

Os requisitos para participar no programa son:

a. estar empadroado na cidade da Coruña e matriculado nun centro escolar da cidade en 1º de Bacharelato durante o curso 23-24
b. ter aprobadas todas as materias do pasado curso en 4º ESO
c. ter unha nota media de 7 en 4º ESO e na materia de inglés

O prazo para a presentación de solicitudes abrangue do 22/02 ata o 07/03/2024 cubrindo a ficha de inscrición e presentándo a documentación requerida nalgún dos Rexistros xerais do Concello da Coruña. Toda a información sobre bases e requisitos está dispoñible no portal de educación do Concello da Coruña

 

B. Bolsas da Dirección Xeral de Ordeación Educativa (Consellería de cultura, educación, FP e Universidades - Xunta de Galicia)

     A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través de Orde do 29 de xaneiro de 2024, pola que se convocan axudas para realizar actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2024 [...], establece a posibilidade de solicitar en réxime do concorrencia competitiva bolsas de axuda para a realización de actividades de inmersión en linguas estranxeiras. As actividades solicitadas desenvolveríanse nos meses de xullo e agosto. As axudas cubren os gastos de viaxe, alouxamento, manutención e actividades no país de destino. Os requisitos de participación son os seguintes:

a. estar cursando 1º ou 2º de Bacharelato nun centro público de Galicia durante o curso 2023/24
b. ter todas as materias do curso 2022/23 aprobadas
c. ter unha media mínima de 6 na materia de 1ª lingua estranxeira no curso no que estaba matriculado en 2022/23.
d. non ter solicitada ningunha outra axuda para o mismo fin

     Poden consultarse as bases da convocatoria no enlace coa citada Orde. A presentación de solicitudes faise vía on line a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia (procedemento ED504B). O prazo de solicitude remata o día 13 de marzo.

 

XORNADA DE PORTAS ABERTAS

XORNADA DE PORTAS ABERTAS

IES PLURILINGÜE ELVIÑA

Benvidos

 

     Atendendo ao inicio de procedemento de admisión de alumnado para o curso que ven, o IES Plurilingüe Elviña realizará unha xornada de portas abertas para aquelas familias que desexen coñecer as características do centro e a súa oferta. A xornada terá lugar o vindeiro xoves 25 de xaneiro ás 18:00 horas no Salón de actos do centro, onde poderán coñecer á directiva do instituto e resolver as dúbidas sobre as características do instituto e sobre o proceso de solicitude de praza.

     Dada a elevada oferta previsible no 1º curso de ESO e o límite de aforo do Salón de actos do centro, pregamos que non veñan acompañados por máis de dúas persoas para que poida acceder o meirande número de familias interesadas en asistir á presentación.

    No caso de que se completase o aforo dispoñible de 250 persoas, non se permitirá a entrada de máis persoas ao centro, polo cal pregamos a súa comprensión.

Contamos coa vosa presenza!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut