Skip to Content

INTERNACIONALIZACIÓN ERASMUS+

PRESENTACIÓN INTERNACIONAL DO IES PLURILINGÜE ELVIÑA

O proxecto Breaking Down Walls
no Día de Europa 2021

A primeiros do pasado ano, os profesores do claustro do IES Plurilingüe Elviña asumimos o reto de dar a coñecer o noso modelo de traballo ao resto do mundo. Parecíanos que nun mundo interconectado onde cada vez quedan menos barreiras, era a nosa responsabilidade contribuír á evolución da educación abrindo as nosas expectivas e experiencias con docentes e estudantes de todos os rincóns do planeta, superando as fronteiras tanxibles das nacións e as invisibles dos prexuízos educativos implantados por tradicións non sempre dignas de veneración. Froito desta reflexión xurdiu o noso lema “Breaking down walls” (derrubando os muros), co anceio de nos servir de guía cara ao obxectivo esencial deste proxecto admirable: sacar a docencia do espazo físico da escola e dirixir o seu foco cara ao mundo global.

  Como quer que unha cousa sexan as boas intencións e outra moi distinta os avatares do destino (disfrazado de sinistra pandemia), a chegada do Covid acabou impoñendo novos muros aos que queriamos derrubar. Pero non muda a nosa vontade. Por iso, dende hai meses, afondamos no deseño co noso alumnado dunha serie de actividades coas que este 9 de maio conmemoraremos o Día de Europa, e que propoñemos desde aquí coma nova carta de presentación -carta aberta, xuvenil, afectuosa- dirixida ao mundo enteiro.


Presentación internacional do IES Plurilingüe Elviña
aos amigos do mundo


   Velaquí tedes o traballo do noso alumnado de 1º de ESO, que participou moi activamente na elaboración dun vídeo de presentación en inglés do Instituto de Elviña da Coruña. Con el abrimos unha fiestra virtual á nosa realidade para que sexa visible ao alumnado todo dos centros cos que colaboramos.


A Coruña:
identidade europea

Ubi Brigantia sita est Gallaeciae...Coruña plurilingüe desde o IES Elviña


   E aquí enriba tedes dous proxectos do alumnado de 4º de ESO: dous vídeos explicativos da nosa cidade, o primeiro na clásica lingua do Lacio; o segundo, no resto de linguas que se cursan no noso centro (castelán, galego, inglés, alemán e francés). E xa para rematar cos vídeos, abaixo amosa o noso alumnado as fachendosas elegancias da nosa danza rexional, bandeira da cultura tradicional galega, a muiñeira, que brindan os rapaces e rapazas do IES Elviña para coñecemento de estudantes doutras terras. 


Seguindo esta mesma liña de traballo -amosar a cultura de Galicia aos estudantes doutras latitudes-, o alumnado de 3º de ESO completou tamén un proxecto que persegue achegar á longa historia da cidade da Coruña (fundada no 1208) a través da análise das súas imaxes antigas.


Galiza na cultura europea:
o Camiño de Santiago

      Un dos eixos vertebradores do noso proxecto foi sempre afondar nos elementos que nos entroncan co continente do que formamos parte. O Camiño de Santiago constitúe dende a Idade Media un elemento integrador da nosa realidade como europeos, e os nosos alumnos de 3º de ESO están a desenvolver un proxecto na plataforma Etwinning titulado “O Camiño de Santiago. O Camiño da tolerancia”, onde colaboran con outros seis centros de Francia, España, Polonia e Portugal. 

Img5Img7Img9


     Pero non debemos deixar pasar a oportunidade de empaparnos nós tamén coa cultura europea, e nese sentido, a través do traballo levado a cabo polo alumnado de 2º ESO, mediante o deseño de carteis que nos achegan á gastronomía, deportes, música, festas populares e arte de dezanove países europeos.

Img1Img2Img4Img10


     O claustro do Instituto de Elviña presenta estas actividades orgulloso do camiño percorrido e da implicación do alumnado para avanzar neste proxecto, no que continuaremos avanzando nos vindeiros anos ata acadar o obxectivo de internacionalizar un centro que forma parte de todos nós.

Nova colaboración co
Vasile Lucaciu College de Romanía

O alumnado do centro colaborador Colegiul Naţional Vasile Lucaciu, noso socio romeno no proxecto de internacionalización, realizaron para a celebrar esta efeméride europea unha  presentación das efixies medievais da súa cidade Baia Mare, coa que tentaron conectar os valores locais e rexionais co espírito identitario europeo reflectido no seu lema "Unidade na diversidade", subliñando a pertenza  a os valores compartidos  polas nacións democráticas de Europa. 

Páx

VAI DE LOGOS: PREMIOS DO CONCURSO DE LOGOS DE INTERNACIONALIZACIÓN

E LOGO DO LOGO: NOVO LOGO

Hai uns días informabamos do fallo do concurso de logos do Programa de Internacionalización do IES Plurilingüe Elviña. Candela, a talentosa gañadora do concurso, propuxo unha vistosa e colorista creación que fixo as delicias do esixente xurado (véxase entrada). A partir da súa bela e imaxinativa composición, a xerente do gabinete de deseño industrial e imaxe corporativa do noso centro, máis coñecida (e admirada) como Iria Varela, realizou, coa colaboración da propia Candela, unha versión simplificada e oficial da primeira proposta, que será, a partir do mes de maio, a imaxe do Proxecto Breaking Walls comandado por María Sancosmed. Por certo, que haberá pronta ocasión de presentar esta nova versión do logo en sociedade, pois o grupo de internacionalización ten xa mesmo no maxín unhas cantas actividades in progress.

LOGOCandela
O novo logo de internacionalizaciónA entrega oficial do novo logo

E por fin (disque nunca foi tarde se a causa é boa), a feliz gañadora recibiu o premio pola súa victoria de mans das autoridades competentes. A todo isto, como o importante, segundo afirmaba Pierre de Coubertin, non é gañar senon participar, tamén se entregou un agasallo a todos/as os/as participantes no concurso polas súas amables contribucións. Velaí algunhas fotiños do evento (as demais, xunto a outras moitas que farán as delicias do público interesado, no Instagram do centro).

AdriánCandelaNerea


ATA LOGO!

DÍA DO LIBRO 2021

UNHA CELEBRACIÓN DA POESÍA
NO DÍA DO LIBRO

LibrosComo cada ano, o día 23 de abril celebramos o Día Internacional do Libro (xa non dicimos todo iso de Cervantes, de Shakespeare e do Inca Garcilaso, a quen lle interese, pode aprender do enlace...).

O IES Plurilingüe Elviña, fór co vento ou fór coa chuvia, co sol ou coa lúa, confinado ou sen confinar, non deixou nengún ano de celebrar esta festa das venerables e menesterosas letras. Non ía ser menos neste curso das frías distancias e das abafantes máscaras.

Tocoulle turno ao xénero dos xéneros, o xénero fondo, o da beleza e a sonoridade, peza reservada aos lectores íntimos, aos que buscan non os lexítimos praceres do entretenemento novelesco, senon o paladeo exquisito da eterna verdade humana, mergullada nas ancestrais verbas da tribu. Nunha palabra, a poesía.

Coa colaboración de departamentos do instituto tan varios como biblioteca, lingua castelá, lingua galega, lingua inglesa, lingua francesa, linguas clásicas, dinamización ou tecnoloxía (deixámolo aí para non dar pé ás murmuracións), seleccionáronse textos líricos nas distintas linguas coñecidas e estudadas no centro para facer un vídeo conmemorativo coas lecturas feitas -ás veces con notable imaxinación- polo alumnado dos distintos grupos. Foron moitos os colaboradores, que leron poemas ou grabaron vídeos (maese Cóvid manda). Contodo, só algúns foron os elixidos na versión definitiva que podemos ver aquí.

Que ninguén o tome a mal: a lectura foi o premio. Cando avanzamos na palabra dos poetas -xa non palabras súas, senon cedidas á humanidade, solidarias e comunais-, en certa maneira facémonos poetas, depositarios das mesmas emocións que foron, das que son e das que serán. Velaí o vídeo, na nosa canle de Youtube.

Versión extendida do vídeo

 
Colaboración co Vasile Lucaciu College romeno (programa Erasmus+)

VLXa sabedes todos que o noso centro, a través da fermosa iniciativa do Erasmus+, liderado pola nosa benquerida María Sancosmed, avanza polo camiño da internacionalización. Nesta ocasión, contamos nesta actividade coa colaboración duns nosos amigos de Romanía. O Colegiul Naţional Vasile Lucaciu de Baia Mare quixo facer a súa propia homenaxe á lectura neste Día do libro contribuíndo, coma nós, cun fermoso vídeo feito polo seu alumnado: noble acto de irmandade académica e humana para esta noble ocasión. Irmandade no Cóvid, tamén, neste caso, pois os nosos amigos romenos tiveron que facer as súas lecturas confinados. Que poidan liberarse desa carga cedo!
Un afectuoso saúdo a Romanía desde o IES Elviña!

 

... E unha lembranza para Paco Brines

O Día do libro é tamén a ocasión en que no noso país entrégase o premio Cervantes. Este ano foi elixido o poeta Francisco Brines, da xeneración social do 50. Moi maior está Paco Brines -se cadra non recollerá o premio en persoa-. Sexa como fose, non haberá mellor maneira para rematar esta xa longa entrada da nosa web que cunhas palabras deste grande poeta valenciano, que cantan á beleza da vida, da xuventude e da amistade. Vaia polo maestro!

Estaban en la plaza, rodeados
por la luz inclinada de la tarde,
cerca de las estatuas.
Los jóvenes, tendidos junto al muro,
sumíanse en el tiempo.
Y él se sentó debajo de los arcos,
en la primera grada.
Con el pecho latiendo,
miraba con los ojos encendidos
la inquieta cercanía de los otros.

   Más allá de las aves y las torres,
cubriendo los abismos,
ascendía la sombra de la tierra.
Le miraron, y el golpe
vivo del corazón
hizo entreabrir la suavidad del labio
en tímida sonrisa,
en hermosas palabras de amistad.

    Hablaban los dos jóvenes,
y otro después, y pronto se agruparon
todos los extranjeros de la plaza
alrededor, visibles a la luna,
con los distintos rasgos de su origen.
Hablaban con amor
de sus lejanos reinos, y olvidaban
la sigilosa huida del hogar,
el deseado encuentro con la tierra
de la esquiva alegría.

     La emoción del recuerdo fue quemando
su errante corazón,
y al encontrarse solo, ya en el alba,
se durmió envejecido y misterioso.

                   [De Palabras a la oscuridad]

 

GAÑADORES DO CONCURSO DE LOGOS

LOGO GAÑADOR DO CONCURSO PROXECTO
"BREAKING WALLS"

IES ELVIÑA

LOGO gañador

 

     Velaquí temos xa o logo gañador do concurso do proxecto DERRUBANDO MUROS do noso proxecto Erasmus+. O fermoso deseño alzouse coa victoria nunha reñida competición entre os traballos presentados, todos de grande calidade.

     A afortunada gañadora pertence ao grupo de 3º ESO A e recibirá un vale por 50€ de material escolar. 

Todo o profesorado responsable do Proxecto Breaking walls quere agradecer sinceiramente a participación de todo o alumnado no concurso.

Noraboa aos participantes e, singularmente, á gañadora!

Semper Victor!

CONCURSO DE LOGOS

CONVOCATORIA DO CONCURSO DE LOGOS PARA O PROGRAMA "BREAKING DOWN THE WALLS"

Breaking Walls


    Os integrantes do programa de internacionalización do IES Plurilingüe Elviña, que non paran, argallaron un xeito de teren entretidos aos alumnos do centro con talentos de deseño ocultos (ou publicamente recoñecidos). Por iso, para lle dar visibilidade ao seu programa, idearon un concurso de logotipos.

     Neste mundo de hoxe, visual, interactivo, semella cousa de necesidade imperiosa contar cunha imaxe coa que identificar o noso traballo diante da comunidade. Este concurso destínase á creación desa imaxe, aberto a todo o alumnado do centro.

    O proxecto de traballo, dentro do programa Erasmus+ da Unión Europea, leva por título "BREAKING DOWN WALLS" (Derrubando muros), e con el pretendemos rachar coas fronteiras das clases tradicionais e explorar novos horizontes seguindo camiños alternativos para as clases, colaborando inclusive con docentes e centros doutros países de Europa. Este é o proxecto para o que tedes que idear unha imaxe.

As bases son ben sinxelas

A. Poderá participar calquera alumno/a do IES Elviña no curso 2020-21

B. O prazo de presentación de traballos rematará o 22 de xaneiro de 2021

C. O traballo gañador obterá un cheque regalo por valor de 50 € para gastar na librería KIKOS.  Ademais, os traballos finalistas serán recoñecidos polo Dpto. de plástica para subir a nota desta materia nos cursos nos que se imparta

D. Os traballos deberán entregarse na Conserxería do instituto dentro dun sobre pechado e SEN NOME DE AUTOR. Na portada do sobre porase un lema. Dentro doutro sobre, co mesmo lema escrito, irán os datos do/a autor/a do traballo

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR !!

Bases do concurso
Que é un logo

 

Distribuir contido


by Dr. Radut