Emotiva graduación do alumnado de FP no IES Eduardo Pondal

O alumnado de Electromecánica do automóbil e de Atención a persoas en situación de dependencia tivo a súa graduación o pasado venres 14 de xuño.

 

O IES Eduardo Pondal celebrou a graduación do seu alumnado de FP, nun acto sinxelo pero cargado de emoción, onde os e as titoras así como os e as representantes do alumnado adicaron unhas palabras de alento e de cariño despois destes dous anos de formación no centro educativo pontecesán.

Neste caso cun toque especial xa que o alumnado de Atención a Persoas en Situación de Dependencia é a primeira promoción en titular. Docentes e alumnado destacan o bo acollemento que tiveron nas prácticas nas empresas da comarca e o sorprendidos que quedaron coa boa preparación que levaba o alumnado deste ciclo medio, moitas e moitos deles van poder quedar traballando nas institucións de coidados onde realizaron as prácticas profesionais.

Outro grupo de alumnado seguirá o camiño do estudio cara un ciclo superior, no IES Eduardo Pondal o vindeiro curso poderán cursar o Ciclo Superior de Automoción en réxime DUAL, ciclo con moi boa acollida tamén entre alumnado e empresas.

Queremos seguir sendo un centro que ofreza actividades de interese a toda a comunidade tanto a que se encarga dos coidados á dependencia como ao mundo do motor na Costa da Morte, mantendo canles de comunicación e abrirnos á comunidade brindando un beneficio na contorna bergantiñá, así como, desexarlle ao noso alumnado toda a sorte que merecen na súa nova etapa como titulados e tituladas, e que saiban que o IES Eduardo Pondal sempre será a súa casa.

Enlace ás fotos por AQUÍ.