Escoitar, Aprender e Compartir

Escola saudábel - Internet só por cable

Olimpíada Matemática

O pasado xoves 21, seis representantes do IES de Chapela competiron na Olimpíada Matemática Galega de 2º ESO xunto con outras 429 persoas de 100 institutos galegos. A proba consistiu na resolución de cinco problemas para os que tiveron que empregar todo o seu enxeño.

I Encontro Equipos de Igualdade - Baiona 2022

A Brigada Violeta do IES de Chapela participou este 22 de abril no Parador de Baiona no I Encontro de Equipos de Igualdade da provincia de Pontevedra. O Equipo de Igualdade do IES 1º de marzo, o Club da Diversidade do IES Valadares, o Comando Igualdade do IES Alexandre Bóveda e a Asemblea Coeducativa do IES La Cañuela (Toledo), tamén estiveron presentes.

O alumnado compartiu as boas prácticas en materia de igualdade que se realizan nos seus institutos, e deu testemuña de que queremos dos centros espazos educativos seguros para construír un futuro en igualdade.

Orgullosas e orgullosos do compromiso, da implicación, da forza e valentía dun alumnado que impulsa un cambio imparable na nosa sociedade. Grazas pola emoción.

Cantamos coas mans - Vota o IES de Chapela

O alumnado do horario 1 de APSD modular reivindica o uso da lingua de signos con este vídeo e necesita o teu voto. Soamente tes que entrar neste enlace

https://www.faxpg.es/cantamos-con-las-manos-es.html

Buscar o IES Chapela no formulario que está abaixo de todo, votar e compartir.

Moitas grazas!

Meteoescolas no IES de Chapela 21-22

O venres 8 de Abril na Sala de Conferencias tivo lugar a presentación oficial do Plan Proxecta Meteoescolas, nunha actividade interdisciplinar de exposición preparada polo alumnado de 2° Bacharelato , 3° e 4° ESO, dos traballos de Arte, TIC, Cultura Clásica , Latín , Física e Química e Matemáticas . Contou como público co alumnado de 1° e 2° ESO e foi organizado en tres sesións.

Cabe recordar que a final de curso esta presentación farase ao revés, será o alumnado de 1° e 2° o que expoña os traballos realizados neste proxecto ás compañeiras e compañeiros de cursos superiores.

Agradecemos a participación e o gran traballo do alumnado que expuxo e a atención e interese do público, facendo desta xornada unha oportunidade de formación e interacción  entre todos os grupos.   

Plantamos do noso

O xoves 7 de abril o alumnado de 2º ESO do IES de Chapela reforestou unha zona preto do río Fondón con árbores autóctonas: castiñeiros, nogueiras e cerdeiras. Foi unha xornada tan, tan especial, que o alumnado quedou con gana de máis....aprendizaxes. Agradecemos a coordinación de Álvaro e o apoio do Concello de Redondela e da Asociación Veciñal.

     
     

1º Educación Infantil co ARTELIXO

O grupo de 1º de Educación Infantil participou este ano novamente en Artelixo cun xogo de mesa adaptado con probas e preguntas sobre o coidado dos nosos montes. Está exposto na entrada ao Multiusos Piñeiral do Crego. Podedes pasar a coñecelo.

Aprendendo en compañía de persoas con diversidade funcional

Ao longo da segunda avaliación, o alumnado de APSD modular recibiu a visita de varias persoas con diversidade funcional do noso propio contorno: Secundino Curro (diversidade funcional visual), Eva Rodríguez Rodríguez e Beatriz Rodríguez Rodríguez (diversidade funcional auditiva), e Natalia García (diversidade funcional física / acondroplasia). Estas visitas, xunto co obradoiro de teatro inclusivo que estamos a levar a cabo en colaboración coa asociación Xaruma (para a integración de persoas con problemas de saúde mental) e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo, permitíronnos seguir dando forma ao proxecto “En compañía”, dirixido a achegarnos á realidade de distintos perfís de persoas con diversidade funcional ou usuarias de servizos de atención sociosanitaria a través do contacto directo coas mesmas para coñecelas mellor e derrubar mitos, prexuízos e barreiras.

Moitas grazas a todas estas persoas pola súa colaboración! Así mesmo, moitas grazas ao Concello de Redondela, que está a cedernos o auditorio do Multiusos Piñeiral do Crego para as sesións de teatro e que nos facilitou de balde o servizo de interpretación de lingua de signos para a charla de Eva e Beatriz!

Charla-Obradoiro sobre Lingua de Signos - ASPD Modular

O pasado 30 de marzo alumnado e profesorado de APSD modular asistimos a unha charla-obradoiro sobre lingua de signos ofrecida pola entidade "AZ Lengua de signos". Nela puidemos coñecer as vantaxes e aplicacións da lingua de signos, non só para comunicarnos con persoas xordas senón tamén con outras persoas usuarias, tivemos a ocasión de practicar o alfabeto dactilolóxico e quedamos con moitas ganas de aprender máis!

CLUB DE LECTURA O BERETE LECTOR

PLAMB Biblioteca

CLUB DE LECTURA O BERETE LECTOR

 Este martes 29 de marzo, ás 15:15 horas o club de lectura O berete lector celebrou a terceira xuntanza. Alumnado de diversos grupos de Secundaria e profesorado de distintas materias fixeron unha posta en común ao redor das narrativa xuvenil. A partir dunha lectura responsable, cada participante realizou a súa intervención expositiva que deu lugar a una agradable e interesante tertulia. A través das historias noveladas, a maioría con protagonismo adolescente, destacaron as reflexións sobre as relaciones persoais e familiares, a enfermidade, o feminismo, a homosexualidade, o acoso, a superación, a lectura, os sonos, as aventuras, a censura. Nalgúns casos púidose debater sobre literatura e cine.

 
Club de lectura 1 Club de lectura 2
Club de lectura 3 Club de lectura 4
Distribuir contido