Escoitar, Aprender e Compartir

Circular informativa - Folga de estudantes do 23 de setembro

O alumnado do IES de Chapela, acolléndose ao seu dereito de reunión e tras o acordo alcanzado na Xunta de delegados e delegadas celebrada no centro o 19 de setembro, decidiu sumarse á decisión colectiva de non asistencia á clase o próximo 23 de setembro, secundando a folga convocada polo Sindicato de Estudantes para amosar o seu rexeitamento á catástrofe ecolóxica que destrúe o noso planeta e a necesidade de pórlle fin.

Na seguinte circular informativa pódese consultar toda a información relacionada co procedemento a seguir polo alumnado, tanto aquel que secunde a folga como o que decide asistir con normalidade a clase.

Día sen coches - 22 de setembro

Por un mundo máis sostible

 Cartel día sen coches

Probas de certificación en linguas estranxeiras 2022-2023

O IES de Chapela vai solicitar a participación neste programa, cuxo obxectivo principal é acreditar a competencia en lingua estranxeira do alumnado, nos niveis de competencia B1, B2 ou C1, descritos no Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL), segundo corresponda. Nestas probas poderá participar alumnado que curse 4º da ESO, 1º de bacharelato, 2º de bacharelato ou ciclos de Formación Profesional no centro no curso 2022/23.

As probas que realizará o alumnado corresponderanse co nivel B1, B2 ou C1 (segundo decida o alumnado coa orientación do seu profesorado de lingua estranxeira) e terá que ser unha das probas recollidas no Anexo da Orde do 21 de xuño de 2016. Será o departamento de lingua estranxeira o encargado de coordinar as probas durante o curso 2022/23, informando debidamente ao alumnado seleccionado segundo os criterios aprobados no centro educativo.

O alumnado interesado deberá entregar ao profesorado de inglés ou en Xefatura de Estudos antes do 20 de setembro de 2022 o compromiso de participación cuberto e asinado. Pódese descargar o compromiso na seguinte ligazón: Compromiso de participación

Presentación Integración

Para acceder á presentación do ciclo de FP de INTEGRACIÓN, que terá lugar este venres 9 de setembro ás 20 horas de forma telemática, pica na seguinte ligazón:

Acceso á presentación online de Integración

Presentación e inicio de clases

Presentación novo equipo directivo

Prezada comunidade educativa do IES de Chapela,

Coincidindo co comezo do curso 2022-2023, o IES de Chapela inicia tamén un novo ciclo coa configuración dun novo equipo directivo. Tras catro anos de incansable traballo do equipo anterior formado por Sefi, Patricia, Elena, Olga e Miguel, ao que queremos transmitir unha vez máis o noso sincero agradecemento, desde a nova directiva formada por Antonio Bas (director), Javier Silvela (vicedirector), Aleixandre Méndez (xefe de estudo de diúrno), Fátima Ferreiro (xefa de estudos de adultos) e Javier Soto (secretario) poñémonos a disposición da comunidade educativa do IES de Chapela para dar continuidade ao gran labor realizado polos compañeiros e compañeiras que nos precederon, e co compromiso de seguir traballando pola mellora do noso centro e da educación do noso alumnado.

Con este misión, nesta nova etapa queremos consolidar os logros acadados nos últimos anos e reforzar aínda máis a comunicación entre os distintos axentes da nosa gran comunidade educativa (alumnado, profesorado, PAS, familias...), polo que estaremos abertos ás vosas suxestións a través do correo electrónico do centro e de diferentes vías que iremos introducindo para favorecer dita comunicación.

Un afectuoso saúdo cos nosos mellores desexos para este curso 2022-2023.

O equipo directivo do IES de Chapela

Recollida de cheques para material escolar

A partir de hoxe martes 19 de xullo está dispoñible na entrada do centro o listado definitivo de alumnado admitido e excluído da axuda para material escolar (cheque 50 euros).

As persoas SOLICITANTES xa poden vir recoller os cheques.

Libros de texto Curso 2022-23

ESO: O centro dispón de  libros de texto correspondentes a doazóns das familias e ao anterior Fondo de Libros que poderá prestar ao alumnado que o precise. Recoméndase esperar a setembro e falar co profesorado de cada materia para ver a dispoñibilidade.

Os cadernos de música, debuxo e francés son individuais e non reutilizables, por iso todo o alumnado que curse estas materias debe mercalo.

 

Pica no curso para descargar as listas de libros correspondentes a cada nivel. 

 

1º ESO    2º ESO     ESO    4º ESO

 

Bacharelato    2º Bacharelato

3ª Semana da Diversidade - 2022

 

Rematando o curso celebramos no IES Chapela a 3ª Semana da Diversidade, coa que demostramos unha vez máis que somos un centro inclusivo, que defende e loita pola liberdade das persoas e a diversidade sexual. Cada día, nos segundos recreos, a Brigada Violeta organizou unha iniciativa diferente co fin de visibilizar e apoiar a diversidade: izamos a bandeira LGTBI, creouse un mural colectivo, repartíronse pulseiras, engadimos unha frase no noso banco da diversidade e ata se realizou unha performance.

Só un mundo diverso poderá ser un mundo libre, e nós sempre estaremos de lado da liberdade. 

Axuda material escolar

A partir do luns 11 de xullo estará dispoñible na entrada do centro o listado provisional de alumnado admitido e excluído da axuda para material escolar (cheque 50 euros).

En próximas datas publicaremos nesta web a data de recollida de dito cheque.

Distribuir contido