Dinamización Lingua Galega

O Castelao xa está nas rúas do barrio coa campaña Aquí tamén se fala galego!!

O noso alumnado xa está espallando a campaña nas rúas da contorna do instituto, coñecendo ás e aos comerciantes e visibilizando a lingua. En breve teremos exemplos concretos deste bo facer.

 

 

Entroido galego: traxe, historia e tradición

O alumnado de 4 PDC visitou a exposición: Entroido galego: traxe, historia e tradición.

A mostra recolle nove traxes do Entroido tradicional galego, con breves fichas descritivas con datos de interese cultural. Merdeiro, Peliqueiro, Boteiro… e a ti, cal che gusta máis?

Álbum: Curso 2023/2024 -> Visita exposición os traxes do Entroido

Lectura do manifesto da campaña: Aquí tamén se fala galego

Comezamos no IES Castelao a nosa participación na campaña “Aquí tamén se fala galego".

Esta iniciativa, ideada polo IES Rafael Dieste e secundada por máis de 170 centros escolares da Galiza, pretende erradicar a falsa imaxe de que nas cidades non se fala galego.

Álbum: Curso 2023/2024 -> Lectura manifesto da campaña: Aquí tamén se fala galego

Charla Merdeiros 29 xaneiro

Este luns, dous membros da asociación "A merdeira" do Casco Vello de Vigo achegáronse ao noso centro para presentarnos o Entroido galego e principalmente o personaxe do Entroido vigués, "o merdeiro" que estivo silenciado durante a época da posguerra por ser incómodo para o réxime. Descubrimos de onde vén o seu nome, o porqué da súa vestimenta e máscara e as súas orixes.

Álbum: Curso 2023/2024 -> Charla merdeiros

Bernardo Atxaga visita o IES Castelao

O día 5 de decembro ficará gravado na historia do IES Castelao pola visita de Bernardo Atxaga.

O acto foi presentado polos nosos alumnos Héctor Barbosa e Sandra López coa colaboración do profesor Ramón Nicolás. Eles deron paso aos distintos momentos en que se dividiu o encontro.

A primeira parte consistiu nun recital de poemas tirados da obra de Atxaga, Exteriores do Paraíso, e dunha escolma da literatura galega. As sinerxias entre o euscaldún e os autores elixidos púxose de manifesto nas voces do noso alumnado, co acompañamento musical da man das nosas pianistas Antela Pedrido e Carmen Bastos.

Lecturas:

-“Escribo nunha lingua estraña” (Clara González) - “Letanía de Galicia”, de U. Novoneyra (Carmen Bastos, Jenni Rodríguez, Xan Carrera, Pablo López, David Giráldez, Hugo Alonso e Rodrigo Fernández Porteiro).

-“O grilo é un poeta monótono” (Julieta Núñez) - “Respice finem”, de Vázquez de Neira (Uxía Marinho).

-“O dicionario das pedras” (Lucía González) - “Longa noite de pedra” , de Celso Emilio Ferreiro (Bruno Alonso).


- “Sobre o paraíso con trombón” (Diana Labbad) - “Blues”, de M. Rivas (Alexandra Alonso).


- Egun finlandiar bat (Garikanorekin hizketan telefonoz) (lectura en éuscaro por Isaac Elcorrobarrutia) - “Un longo día finlandés” (tradución ao galego e lectura a cargo de Nicole Alonso, Marcos López e Sara González).
 


 

A seguir, Bernardo deleitonos coas súas anécdotas vitais e literarias, conseguindo ter prendados os asistentes.

Para a ocasión o Paraninfo Xela Arias foi adobiado con traballos do alumnado de Expresión Artística que se inspirou na obra de Bernardo Atxaga Exteriores do Paraíso. (Selene Abalde, Laura Castro Rivero, Sofía Gallego Alonso; Taxia da Cunha da Silva, Antía Álvarez Pillado, Breixo Merino Gómez; Carmen Martínez Noguerol).


Finalizamos o acto coa interpretación da canción popular “A miña burriña”, que tanto lle gustaba a Francisco Fernández del Riego. O noso cantareiro e pandereteiro Leo Noel foi, ademais, quen lle entregou un agasallo moi especial en nome de toda a comunidade educativa do IES.

Álbum: Curso 2023/2024 -> Encontro literario con Bernardo Atxaga

Certame Escolar Provincial de Regueifas

O venres 24 de novembro o alumnado do grupo de regueifas, xunto a parte do alumnado de 2º ESO A e C acudiron ao IV Certame Escolar Provincial de Regueifas organizado pola Asociación Oral e apoiado pola Deputación de Pontevedra.

A sede foi unha vez máis a Asociación de Valadares, onde acudiron dez centros seleccionados entre todos os que participaron nos obradoiros de regueifa impartidos nos meses de outubro e novembro. Na primeira fase subiron dez alumnos e alumnas do noso centro a regueifar nas diferentes rondas. Na segunda fase, onde seleccionaron soamente a vinte regueifeiros e regueifas, pasaron Noelia e Mateo. E finalmente, na fase final onde só seleccionaron a catro persoas, conseguiu entrar Noelia, quen recibiu unha tableta como agasallo.

Álbum: Curso 2023/2024 -> Certame de Regueifas

PIALE no Porto - Experiencia da nosa profesora Helena Fernández

A profesora do noso centro, do Departamento de Lingua e Literatura Galegas, Helena Fernández vén de participar en Porto no Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) da Xunta de Galicia. 

 

A estadía compartiuse con outros dezanove docentes de toda Galicia desde o 9 de outubro ao 5 de novembro. O programa consiste na integración nun centro escolar portugués para coñecer novas pedagoxías e observar o seu sistema educativo, alén da mellora na lingua portuguesa, adquirindo vocabulario específico do ámbito educativo. O seu centro de acollida foi a Escola Básica e Secundária Clara de Resende de Porto, onde se sentiu coma na casa. Todo isto está enfocado para a implantación ou mantemento da lingua portuguesa nos respectivos centros da Galiza.

Álbum: Curso 2023/2024 -> Piale no Porto (Helena Fernández)

Acto de inauguración Aula Exterior Francisco Fernández del Riego

O IES Castelao inaugurou unha aula exterior na honra de Francisco Fernández del Riego cun acto no que non puideron faltar o folclore, a lingua galega e o positivismo do que tanto presumía o falecido escritor

Álbum: Curso 2023/2024 -> Inauguración Aula Exterior Francisco Fernández del Riego

Xornada no Verbum, novas tecnoloxías

     O 6 de maio o alumnado de Tecnoloxía de 4º ESO e de Tecnoloxía Industrial e TIC de 1º de Bacharelao disfrutou no Verbum duns obradoiros propostos polo alumnado de Enxeñería de Telecomunicacións da Uvigo e organizado por Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Xornada no Verbum
Distribuir contido