Desde o 20 de maio ata o 19 de xuño está aberto o prazo para que as familias do alumnado de ESO presenten a solicitude de participación no fondo solidario de libros de texto.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática Fondolibros (https://www.edu.xunta.es/fondolibros).
Na seguinte ligazón da sede electrónica accédese ao procedemento e á información sobre el: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED330B
Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
No documento ADXUNTO QUE APARECE AO FINAL DESTA PUBLICACIÓN recóllese a documentación esixida polo procedemento.
Cando a documentación se presente no centro docente, achegaranse fotocopias e os respectivos orixinais completos (libro de familia, sentenza de separación, convenio regulador, certificado de convivencia, etc.) para que a persoa que a reciba verifique a súa autenticidade.
O alumnado que repita 4º da ESO e aquel que non obteña praza en formación profesional básica no curso 2020/21 e formalice a matrícula no curso da ESO que lle corresponda, cando non presentase solicitude de participación no fondo solidario nin de axuda para adquirir material escolar no prazo indicado, tamén poderá presentala no prazo dun (1) mes desde a formalización da matrícula.
IMPORTANTE: Cando o alumnado, no momento de presentar a solicitude, aínda non estea admitido en ningún centro docente para o curso 2020/21, deberá presentala no centro en que estivese matriculado no curso 2019/20. Este centro rexistrará a solicitude de maneira que acredite a súa entrada en prazo e enviaraa ao centro de destino en que o alumno resulte admitido, que será o encargado da súa gravación e tramitación.
En caso de presentación (por vía electrónica e/ou presencial) de máis dunha solicitude, a persoa solicitante deberá presentar ante o centro docente un escrito onde indique cal desexa que se tramite.