|
Datas exames pendentes
No documento poden consultarse as datas dos exames de pendentes.
O IES Alexandre Bóveda finalista na XIII BIAU
O proxecto pedagóxico "A vila do mañá", que nace do convenio da Asociación “A Vila do Mañá” co Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica e Patrimonio (GICAP) da Universidade da Coruña e o alumnado do IES Alexandre Bóveda, coordinado polos profesores Ana María Álvarez Paz e Daniel Rodríguez Pizarro (artífices do proxecto Roteiro por Coia), foi seleccionado, de entre un total de 879 traballos, como un dos 18 finalistas na sección de "Pedagoxías" para participar na XIII BIAU (Bienal Iberoamericana de Arquitectura y Urbanismo).
Esta edición, a XIII, leva por título “CLIMAS: Acciones para el buen vivir” e aborda o desafío de construír sociedades máis xustas e igualitarias nun mundo que atravesa crises de múltiples arestas. Ao avance da degradación ambiental, súmanse as crises de orde política, socioeconómica e cultural, que deron forma a un hábitat marcado pola precariedade, onde o acceso á vivenda é cada vez máis limitado.
"A vila do mañá" en que participa o IES Alexandre Bçoveda é un proxecto experimental de acción, educación e divulgación, que se desenvolve no espazo urbano da parroquia viguesa de Coia, ten como obxectivo que desde a infancia e adolescencia e a través do xogo se tome conciencia de todas as escalas do común: a arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe.
Será en Lima (Perú), e no mes de decembro, cando saibamos se o noso proxecto recibe o galardón no apartado pedagóxico, competindo con outros aspirantes de España, Chile, Ecuador, México, Venezuela, Perú e Colombia.
Construíndo "A vila do mañá" - Coia
A noite dos malditos
O 30 de outubro, para celebrarmos o Samaín, o alumnado de 1º BACH de artes escénicas e música do IES Alexandre Bóveda representou, no salón de actos, a peza teatral A noite dos malditos, texto orixinal creado por eles a partir dun proceso de creación colectiva levado a cabo nas aulas de artes escénicas. Mais, antes de acceder ao salón de actos, este alumnado, xunto co de 2º BACH da mesma modalidade, bailaron unha coreografía terrorífica no corredor.
Unha noite de Samaín, nunha casa abandonada onde se xunta un grupo de amigas e amigos para celebraren unha festa, sucede algo inesperado que ninguén sabe como acabará.
Podedes seguir os traballos do bacharelato de artes escénicas premendo en Artes escénicas
Xogos populares e música no Samaín e Magosto
O 30 de outubro celebramos o Samaín e o Magosto no centro. O alumnado de 1º ESO e 2º ESO participou nun circuíto de xogos populares (goma, brilé, mariola, buxaina, pano, cadeiras musicais...) situado nos ximnasios, patio cuberto e patio exterior. Cada unha destas estacións contou coa supervisión de profesorado e coa inestimable colaboración de alumnado de Bacharelato, que axudou moi eficazmente no desenvolvemento dos xogos.
Durante a xornada tamén se contou co acompañamento musical do Club de Música do instituto, dirixido pola profesora Judit Alonso, e co Club de Regueifas, dirixido polo porfesor Kike Estévez.
O Samaín co Club de Regueifas
O Club de Regueifas, promovido e coordinado polo profesor Kike Estévez, púxolle música e regueifa á celebración do Samaín e do Magosto o mércores 30 de outubro. Podedes ver o vídeo e comprobar o ben que o fan as regueifeiras Ángela Iglesias Terrazo, Noa Pena Muíños, Erea Iglesias Pardo e Xiana González Sánchez(de esquerda a dereita), acompañadas á guitarra polo profesor Kike.
Na foto, de esquerda a dereita: Iago Rodríguez, Noa Pena, Ángela Iglesias e Kike Estévez.
Feliz Samaín!
Mocidade ao mando: explorando a Economía e a Empresa
Alumnado de 2º BACH, que cursa a materia de Empresa e Deseño de Modelos de Empresa, participará no concurso da Universidade de Santiago de Compostela "Mocidade ao mando: explorando a Economía e a Empresa" (1ª ed).
O vídeo titulado Sociedades anónimas é a proposta de Uxía Dieste Fernández e Ángel Joaquín Gándara Silva. Mentres, A precariedade laboral, é da autoría de Uxía Ares Prada e Sabela Estévez Faya.
Simulacro de incendio 2024
Hoxe, 29 de outubro, todo o centro participou nun simulacro de incendio para aprendermos a evacuar as instalacións do xeito máis seguro. Interviron a policía municipal e os bombeiros.
Eleccións Consello Escolar 2024
Convócanse eleccións ao Consello Escolar, nos sectores de profesorado, familias e alumnado.
-Os censos electorais estarán dispoñibles no taboleiro de anuncios do centro a partir do martes 29 de outubro de 2024.
-O prazo de presentación de candidaturas comeza o mércores 30 de outubro de 2024 e remata o luns 11 de novembro de 2024 (ás 18.00 h). Deberá entregarse por rexistro na administración do IES o documento de candidatura que se achega.
-As votacións nos diferentes sectores celebraranse o luns 18 de novembro (de 18,30 a 21.00 h) para as familias; o martes 19 de novembro, para o alumnado, e o xoves 21 de novembro, para o profesorado.
Por-no(n) Coeducar
O Centro de Formación do Profesorado de Vigo en colaboración co departamento de Orientación e a ANPA do centro organiza unha charla destinada a familias e profesorado para o día 15 de novembro ás 19.00h. titulada “Por-no(n) Coeducar".
Esta charla, e outras dúas que se desenvolverán a longo do 2º e 3º trimestres, pretende afondar na formación da comunidade educativa nos valores da coeducación e a igualdade.
Animádevos a participar!
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »