Plan Proxecta 2021/22. Donas de Sí
Tódalas actividades que vamos realizando ao longo do curso poderás atopalas no noso blog DONAS DE SI
Propoñemos unha labor interdisciplinar no que se impliquen outros proxectos do centro de tal xeito que o tema da muller sexa a clave noutras accións culturais e dinamizadoras. Haberá un traballo central Búscase que vai ser complementado con InCLUBsión e Traballo de Donas.
BÚSCASE: O obxectivo xeral deste proxecto é a integración efectiva e colaborativa do traballo das mulleres en diferentes ámbitos do curriculum para que a celebración ou a visibilización das súas contribucións se concrete na creación de material didáctico que inclúa o traballo desas mulleres en aspectos concretos do curriculum dos centros. Pretendemos realizar coa colaboración do alumnado pequenas pílulas de coñecemento que se inserten coherentemente nos distintos curriculums e pasen así a formar parte efectiva das programacións dos docentes en anos posteriores. Cada unha destas aportacións virá precedida por unha campaña de carteis Búscase que reivindican de xeito gráfico a importancia do traballo dunha muller nun eido determinado. Por exemplo o caso de Simone Weil no curriculo de Historia da Filosofía.
DONAS E INCLUSIÓN: Abordaremos a historia da exclusión e a discriminación da muller utilizando exemplos de traballadoras polos dereitos non só do colectivo feminino senón de todo o que signifique diversidade: ámbito das distintas diversidades funcionais, neuroatipias, raza, orientacións sexuais, exclusión no traballo. Este traballo estará vencellado co traballo do clube de lectura organizado pola coordinación de Biblioteca do centro: Club de Lectura, InCLUBsión lectora.
TRABALLO DE DONAS: Proxecto dirixido a reivindicar o traballo oculto das mulleres ao longo da historia, a cultura feminina que tamén forma parte da nosa idiosincrasia e que o cambio social está a disolver: traballos agrícolas, do fogar, folclore vencellado a este traballo, recuperación de cantigas, relatos...a partir da experiencia e as vivencias do alumnado non só de contextos galegos senón internacional, como é o noso alumnado. A incorporación da muller ao traballo tradicionalmente masculino as veces pode facernos esquecer a parte fundamental que o traballo das mulleres, (maioritariamente sumerxido e de supervivencia xunto cos traballos do fogar, non remunerados) tivo no desenvolvemento económico da sociedade actual.