A EOI de Santiago de Compostela, no seu centro de Vite, conta cunha biblioteca situada na planta baixa, que ofrece servizo de préstamo en sala e préstamo a domicilio. Para facer uso do mesmo cómpre ter o carné da biblioteca, que haberá que renovar anualmente. A biblioteca é un centro de referencia de recursos da lectura, da información e da aprendizaxe de idiomas, un “centro creativo das aprendizaxes”, de carácter dinámico e en constante actualización.
No curso 2023/24 o noso centro foi seleccionado para integrarse no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares logo da solicitude feita ao abeiro da Resolución do 6 de xuño de 2023 da Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o curso 2023/24.
Este programa concibe a biblioteca como un elemento estratéxico para a innovación pedagóxica, que pode axudar a revitalizar as prácticas educativas e a vida cultural da escola, proporcionando ao profesorado e ao alumnado oportunidades para o emprego de múltiples recursos que permitan unha progresiva autonomía na aprendizaxe.
Na sección de Sar, dende o curso 2019/20, o alumnado pode facer uso do servizo de biblioteca. Nas seccións de Negreira, Ordes e Ribeira, aínda que non se conta cunha biblioteca ao dispor do alumnado, o profesorado encárgase de tramitar o préstamo na propia aula.
Este servizo proporciona o material bibliográfico para a súa consulta na propia biblioteca ou na sala de lectura. Trátase de material de referencia, maiormente dicionarios que, pola súa tipoloxía ou frecuencia de uso, están restrinxidos ás instalacións do centro. Este material está marcado cun punto vermello.
O servizo de préstamo externo permite aos usuarios retirar fondos bibliográficos dispoñibles na biblioteca durante un tempo establecido.
Para consultar o horario da biblioteca prema aquí.
Poden facer uso do servizo da biblioteca:
Polo momento, a matrícula libre non inclúe o dereito a este servizo.
Para facerse socio da biblioteca basta con achegarse no horario establecido achegando a seguinte documentación:
Pódese renovar o dereito ao servizo anualmente ao comezo de cada curso, presentando o resgardo de matrícula correspondente.
No caso de querer buscar un libro ou material concreto, pódese facer directamente na bibloteca ou a través de Internet. Consulte o catálogo dos nosos fondos bibliográficos. Pódese acceder dende os ordenadores da sala de lectura, a través da páxina web da escola.
Para retirar material en préstamo, só terá que presentar o DNI ao persoal encargado.
O préstamo faise por un período máximo de 15 días. Pódese levar prestado un máximo de tres exemplares de libros, revistas, CDs ou DVDs de entre todo o material presente na biblioteca, agás o que está marcado cun punto vermello, que está dispoñible só para préstamo en sala.
Aos/as lectores/as que devolvan libros fóra de prazo restrinxiránselles os préstamos por un total de tantos días como os que se retivo o material indebidamente.
Os/as lectores/as que non devolvan o material emprestado terán prohibido levar outro empréstito mentres non restitúan o que non devolveron.
En caso de perda ou estrago de material da biblioteca, deberase comprar un exemplar novo ou de similares características. No caso de non repoñelo, o usuario será sancionado con multa do tanto ao cuádruplo do valor do dano causado.
Os préstamos pódense renovar unha vez por outros 15 días, sempre que o exemplar non estea reservado anteriormente por outro lector que está esperando por el. Para facelo, diríxase en persoa ao persoal encargado da biblioteca no horario establecido.
Para reservar un exemplar do seu interese, diríxase en persoa ao persoal encargado da biblioteca no horario establecido. Estamos a traballar para que no futuro as reservas se poidan facer a través de internet.
Se non dispoñemos do material que busca, pode suxerir a súa adquisición enchendo este formulario de suxestións de compra.
Pode consultar toda a normativa sobre bibliotecas de Galicia, e os deberes e dereitos dos usuarios nesta ligazón.