A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela é un centro docente público que imparte as ensinanzas de idiomas de réxime especial establecidas no artigo 59 da Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación (LOE).
A EOI de Santiago de Compostela, xunto coas demais escolas oficiais de idiomas galegas, pertence á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e fai parte da rede de EOIs de todo o Estado.
O noso centro foi creado ao abeiro do Decreto 104/2001, de 3 de maio, e comezou a súa andaina no curso académico 2001/2002, atendendo á gran demanda que existía na sociedade compostelá e na súa comarca. Alén da sede central en Santiago (Vite), conta con cinco extensións: Santiago (Sar), Negreira, Noia, Ordes e Ribeira.
A nosa finalidade é a capacitación do noso alumnado, maioritariamente adulto, no uso efectivo das linguas que impartimos e mais a acreditación da súa competencia nas mesmas, co obxectivo de fomentar o plurilingüísmo entre a poboación, a aprendizaxe e formación permanentes e o respecto e recoñecemento da diversidade lingüistica e cultural, consoante o proxecto educativo do centro.
A súa organizacion e funcionamento recóllese no Regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia que establece o Decreto 189/2010, do 11 de novembro, desenvolvido pola Orde do 5 de agosto de 2011.