O vindeiro 17 de maio, ás 12.30h do mediodía, terá lugar na Fundación Laxeiro o espectáculo de monicreques para público infantil titulado Unha noite con Laxeiro a cargo da compañía Titeresnatuacasa.
A Fundación Laxeiro une a celebración do Día das Letras Galegas (17 de maio) co Día Internacional dos Museos (18 de maio) neste espectáculo para nenas e nenos de entre 3 e 10 anos que a Fundación Laxeiro ofrece de forma gratuíta.
Para asistir, só hai que enviar un correo electrónico a info@laxeiro.org escribindo os nomes completos das persoas asistentes, a idade dos nenos e nenas e un número de teléfono de contacto. Como o aforo é limitado, a Fundación Laxeiro pide que só asista un adulto por familia.
Unha noite con Laxeiro é unha creación de Titeresnatuacasa na que o neno Pepiño soña que é un personaxe de Laxeiro e vaise atopando con outros personaxes dos cadros do artista, que lle contan diversas historias sobre a arte e a fantasía, ata que, finalmente, Pepiño atopa o camiño de regreso ao mundo real e desperta do soño.
A cita é:
martes, 17 de maio, ás 12.30h do mediodía
Fundación Laxeiro, rúa Policarpo Sanz, 15, 3º, Vigo
Público infantil de 3 a 10 anos
Reservas en: info@laxeiro.org